Será por diñeiro…

Se Galiza produce o 40% do leite do estado español suponse que deses 30 millóns de euros, lle tocarán o 40%, é dicir 12 millóns

Non, non vou falar dos resultados electorais, aínda que o corpo mo pida, nin vou ser o Mesías que nos quite a todos e todas desta lama na que se converteu calquera proceso electoral, e digo que non porque hai xente moito máis preparada e sobre todo porque xa non teño respostas e as que me pide o corpo non serven para ser publicadas, aínda que vos aseguro que son realista visto a traxectoria deste pobo durante anos e anos.        

Pero tampouco quero mentir, e si quería (aínda que sexa a tempo pasado e, posiblemente, careza de interese) da pre-campaña ou da campaña mesma, con algunhas pequenas cousas que ao mellor pasan desapercibidas pero que eu considero de gran valor.        

A primeira e importante delas é que se vos fixastes o Partido Popular non se presentaba a estas eleccións, ou cando menos só aparentaba nunha pequena parte dos carteis electorais, e iso ten varias connotacións, tanto dende un punto de vista de ocultación de feitos como dende un punto de vista de formación da destrución das teorías e bases políticas propiamente ditas. Resulta evidente que Feijóo que era quen acaparaba toda a atención, como escondéndose do seu propio partido político, avergoñado, supoño, das desfeitas e das mentiras que perpetraron dende que gobernan en Madrid, por iso resulta chocante e hábil que o propio candidato á presidencia da xunta “renegue” do seu partido e se esconda na súa imaxe tallada a base de telexornais perfectamente orquestrados. E iso lévame á segunda reflexión sobre a súa posta en escena. A translocación da imaxe dun “líder” á sociedade acaba derivando nunha situación de indefensión intelectual e política que asusta. Comentaba ao principio sobre a destrución das bases e teorías políticas, que poden vir por un descontento xeneralizado dun electorado cada vez máis esixente (e onde hai respostas contundentes aos feitos gobernamentais e unha axitación de masas constante e diverso) ou a un electorado cada vez máis submiso ou de paso, que non move un só dedo nin pola súa propia supervivencia. Posiblemente nos atopemos nesta segunda alternativa e aí é onde o xurdimento de determinados líderes, mesías, gurús, ou como queiramos denominalos ocultan a mensaxe da letra pequena e simplemente son castelos no ar que se caen co tempo, aínda que algúns teñen corda de sobra e por suposto licenza para actuar autorizada polo gran curmán, a man negra. Esta acepción ou explicación non se queda só nunha soa persoa, o caso de Beiras sería outro similar aínda que con distintas variantes para analizar (daría para outro artigo), porque eu pregunto, canta xente da que ten votado a AGE ten lido o seu programa, ou sabe das súas propostas? e seguindo con esta pregunta, cales foron as grandes propostas do PP? Posiblemente a resposta sexa común e tan solitaria como ser un bicho raro neste panorama político, cada vez menos político e máis personalista, e por iso estamos perdendo toda a esencia, o que supón discutir sobre o verdadeiro fondo, as posicións políticas levadas por cadaquén durante todo este tempo e as futuras, iso é o que posiblemente non se ten feito e iso é parte da nosa mensaxe que queda por transmitir.               

Para rematar, e como atinxe ao medio rural, quería facer mención a unha noticia/promesa electoral que fixo o Ministro de Agricultura, Arias Cañete, en plena campaña electoral e que transcribo tal e como ma enviou o meu amigo e veciño Xosé Regueiro Yañez:      

“Arias Cañete anuncia unha "axuda" de 30 millóns de euros para paliar a crise do sector lácteo. A metade dese diñeiro percibirase este exercicio e a outra metade o vindeiro ano.

Se Galiza produce o 40% do leite do estado español suponse que deses 30 millóns de euros, lle tocarán o 40%, é dicir 12 millóns (6 millón por exercicio).

Se en Galiza somos 10600 explotacións tócanos a unha media de 566 euros por cada ano. E se a produción media de cada explotación é duns 180.000 kg de leite/ano, entón axuda supón 0.00314 euros/kg de leite.

Se esta é a solución aos problemas do sector...

Eu só sei que nos anos que o BNG foi responsable da consellería de medio rural, cobrei o litro de leite pon riba dos 40 céntimos/ litro e agora o prezo medio son 28 céntimos.

Será casualidade? Eu penso que non.”          

Non fai falla engadir máis, aínda que as cantidades a percibir foran máis significativas estaríamos no de sempre, esmolas para que non nos revelemos moito e deixarnos contentos unha temporada, sen máis futuro que aquel que nos queiran deixar. Isto tamén demostra que un medio rural que está agonizando, a punto de caer, ten que proceder a un cambio cualificativo dos seus pensamentos, do seu fondo e mirar en clave de futuro, dar un xiro radical e apostar dunha vez por todas pola sostibilidade que é a única que lle vai garantir o seu futuro.        

E con isto tamén fago un gran toque de atención ás forzas sindicais e á súa traxectoria, hoxe xa se teñen retratado pero aínda hai tempo.