Ser ou non ser

Todo isto só me trae a darlle voltas a unha idea que me percorre dende a celebración dos mencionados comicios

Non fai moito, co gallo das eleccións á Xunta de Galicia celebradas no pasado mes de Outubro, vin nunha destas redes sociais tan famosas unha opinión dicindo, con palabras bastante claras que a súa loita non era o día das eleccións senón o día da folga xeral celebrada o 14 de novembro. Evidentemente, respectando sempre a opinión dos demais, xuntando estas declaracións con outras que fomentaron ou axudaron a facer aínda máis patente o voto en branco faise complicado unha acción política que supoña unha verdadeira revolución, algo que tamén é impensable dado o carácter pacífico que teñen demostrado a xente desta aldea global.                  

Todo isto só me trae a darlle voltas a unha idea que me percorre dende a celebración dos mencionados comicios. Nesta vida, cando nos estas contento con algo, ou ben o asimilas, calas e miras para outro lado ou ben comezas a túa propia revolución que poña en énfase o teu descontento, a túa propia alternativa. Hoxe, co descrédito traballado que ten a clase política é fácil cebarse con ese colectivo e formar parte indispensable da corrente máis fácil: a de criticar e non facer nada máis, non mostrar alternativa ou cando menos non ter o valor de poñerse diante de todo un electorado e levantar a voz para facerse oír. Pero claro, esta é a cara amarga, a menos agraciada, desta inconstante forma de vivir no lado escuro, no lado salvaxe da choiva que nos escapa cando hai sede. É fácil, até diría que indigno, facerse o forte, parapetarse tras de calquera panfleto para ficar, xusto despois, vendo como o propio e famoso “sistema” dá conta de todos nós, como se fósemos máis listos quen ninguén. Poñamos un exemplo moi clarificador, é como se preferísemos estar apagando lumes toda a vida que contar cun bo sistema de prevención. O patrón non fuxe por moito que cubramos páxinas e páxinas de panfletos incendiarios se a xente non sabe, non quere, ler. Hoxe, guste ou non, o sistema que temos de facer algo dende dentro son os comicios, enfrontarnos a toda a maquinaria que non conta coa nosa pequena e desordenada voz e loitar contra todo, aí nesa valente covardía, posiblemente, atoparémonos na derrota, e despois xa podemos analizar dende a distancia calquera tipo de movemento coa mestría que nos proporciona un anonimato, un prato quente de fabas caducas.                  

Obviamente podemos deixar de acubillarnos nesta rotura de tránsito lene que pode ser o sistema, pero entón, tamén, deberemos ser consecuentes e vivir acorde aos nosos principios e INCLUSO deixar de tomar unhas cervexas nos bares que permanecen abertos tras dunha folga que nos mesmo estamos a fomentar, a organizar. Pero, valentía, non nos escondamos, non mintamos e ninguén e sexamos racionais co noso vivir.      

Por veces, a costa de ser politicamente incorrecto, acaso pretendemos ser máis valentes nunha folga de traballo, exercer o noso dereito diante duns patróns, buscarnos inimigos dentro do noso contorno laboral, complicarnos o futuro, etc que facer viva a nosa valentía depositando unha papeleta, co segredo que iso supón, para facer un cambio posible, ou cando menos molestas o suficiente para ter voz onde nunca chegaremos?    

Posiblemente teñamos que reflexionar moito, eu só pido á xente que non participa dos procesos electorais que aplique o seu razoamento á vida real e sexa legal á hora asumir a parte de culpa nas decisións que transmiten dende quen lexisla, que decide as políticas a seguir.