Reganosa, caixas de aforro e "galleguismo empresarial"

Reganosa, caixas de aforro e "galleguismo empresarial"
Os capitais alleos fan negocio coa pasividade dun Goberno cómplice

Nun recente debate parlamentar o conselleiro de economía e industria manifestou que a actuación do Goberno galego como consecuencia da venda das accións que tiñan as caixas de aforro galegas era exemplar e calificouna de claro exemplo de "galleguismo empresarial".

A situación veu dada como consecuencia do anuncio de venda de accións por parte de ENDESA (21%), Banco Pastor (5%) e as caixas de aforro galegas (Caixanova co 5% e Caixa Galicia co 10%). Despois de varias semanas de indecisións, o Presidente da Xunta anunciaba unha "alianza estratéxica" cun grupo empresarial para que a planta regasificadora de Reganosa seguira sendo galega, ao manter a maior parte das accións nas mans de empresas galegas e da propia administración.

O debate non estaba na súa ubicación nin o papel que ten e debe xogar Reganosa; o debate estaba na propia actuación da Xunta e o rol que deben xogar as caixas de aforro dentro do sistema económico galego. Nun proceso aínda sen consolidar como é o da fusión, o anuncio feito polas caixas sentou certa preocupación entre a cidadanía habida conta que daba a impresión de que se estaba actuando en función de quen realmente mandan nas caixas e non en clave de País. Os antecedentes non eran para menos: a venda de R, empresa de capital galego e proxecto chave para o desenvolvemento da sociedade da información e da comunicación o PP mirou para outro lado, sen importarlle o máis mínimo a perda de capacidade que empezaba a ter Galiza para desenvolver un proxecto propio. Esta operación custoulle ás arcas públicas galegas 35 millóns de euros e a perda dunha capacidade tecnolóxica moi difícil de recuperar. Unha vez mais, os capitais alleos fixeron negocio coa pasividade dun Goberno cómplice.

Un goberno cómplice tamén desta volta, porque non había que chegar a esta situación, pois renunciou a exercer as súas competencias en materia financeira e enerxética e pregouse ao mandato do Banco de España para privatizar e bancarizar as caixas de aforro e que se desprendan de todas aquelas participacións nos sectores de caracter estratéxico para a economía galega e o futuro do País e converterse nun instrumento especulativo, ao mesmo tempo que deixan de cumprir o seu papel de acompañamento financeiro ás políticas de fomento do tecido produtivo e empresarial do Executivo galego.

Pero é mais, no mesmo día que se producía este debate, tratábase a reforma da lei de caixas galegas polo procedemento de lectura única ao obxecto de permitir a perpetuación dos que realmente teñen a capacidade de "ordeno e mando" nas caixas. Mentres nesta reforma da lei o Goberno asumía as condicións dos mandatarios das caixas, en Reganosa non "exercitaba" a súa capacidade para impoñer condicións ás caixas para que non venderan as súas participacións aceptando, ao mesmo tempo, este "desinvestimento" pola calada e o posíbel investimento millonario nunha autoestrada de Andalucía. Unha contradición no comportamento das caixas que o conselleiro aceptaba "como un mal menor". De que vale empulsar e pilotar a fusión das caixas galegas se representa a marcha de capacidade financeira para outros lugares e non executa os compromisos de vocación social, ainculación co territorio e desenvolvemento económico con Galiza? Para este viaxe non facían falla estas alforxas.

Outros dos aspectos chamativos no comportamento do Goberno do PP foi o incremento da participación pública nunha empresa dun sector fortemente regulado como é o gasístico. Fronte a unha posición sectaria e extremista de confrontación total coa participación pública no concurso eólico, sendo un elemento a ter en conta á hora da valoración, aducindo que a "participación pública no capital social das empresas privadas era unha tacha de legalidade directa e infranqueábel, que supuña un compromiso elevado de fundos públicos é que era inconstitucional ser socio e intervir nas estratexias empresariais privadas", ao mesmo tempo que anunciaban o rexeitamento de calquera tipo de participación pública nas empresas privadas. O paso do tempo xa puxo as cousas no seu sitio e confirma a denuncia feita polo BNG que a suspensión do concurso eólico e os seus argumentos non era máis que un pago de favores ás grandes empresas operadoras do sector. A actuación en Reganosa así o confirma e non so mantén a participación pública senón que a incrementa, o que obedece as falacias do Partido Popular e as súas ataduras. A maiores aceptan pagar un sobrecusto desta operación que, outra vez mais, vai a cargo dos contribuíntes galegos e, ao mesmo tempo, axúdalle a facer "caixa as caixas".

Este é o exemplo vivo da política galeguista empresarial do Partido Popular; axudar a facer caixa as caixas galegas baixo o ditado do Banco de España e investir fora da Galiza, bancarizar as caixas e financiar operacións empresariais dos amigos. Ou reaximos ou, cando o queiramos facelo, só teremos un deserto industrial e os sectores estratéxicos da nosa economía desmantelados.