Reforma financeira: volver ao ladrillo

Reforma financeira: volver ao ladrillo
A estas alturas debería estar claro que converter Novagalicia Banco nunha banca pública ao servizo da cidadanía tería menos custe para o erario público que seguir na dinámica de fusións/axudas

A reforma do sistema financeiro anunciada polo Ministro Luís de Guindos, quen previamente traballou na quebrada Lehman Brothers, ten dúas lecturas. A primeira unha nova volta de torca na concentración e centralización do sector financeiro con diñeiro público por medio. A segunda ten que ver co modelo produtivo que propugna o Partido Popular, impulsor da anterior burbulla inmobiliaria, trata de reflotar o sector da construción para xerar falso emprego a curto prazo.

Unha das medidas anunciadas, que as entidades teñan que espirse publicamente e sanear contra as contas de resultados os excesos do boom inmobiliario, semella correcto como mensaxe, outra cuestión é o transfundo real.

As entidades deberan provisionar nun 80% o creto concedido sobre chan, mentres que os cretos a vivenda rematada serán só dun 35%. Esa medida facilitara que as entidades aposten por construír, xa que o aforro das provisións pode compensar os custes. Deste xeito é unha medida de apoio aos promotores e construtores. Pretendese reactivar a economía do ladrillo como xeradora de emprego. Outra cuestión é si haberá compradores para esas novas vivendas, ou si están xerando un fenómeno parecido ás suprime.

A baixada do prezo da vivenda tiraría a baixo as garantías de milleiros de préstamos hipotecarios. A xente estaría pagando prestamos por un piso que vale o 20%, de aí que non dean marcha atrae na arelada dación en pago.

Ademais os novos requirimentos ás entidades estrangularan o creto, agás para o sector da construción, polo que a xustificación das medidas non se sostén.

Por outra banda malia que o Ministro insistiu que a ampliación do FROB non implica un maior déficit público, a ampliación do capital do FROB ten a súa vez como obxectivo que poda ampliar a súa emisión de débeda. Quer dicir que o Estado pedirá creto fora ata 150.000 millóns de euros para sanear o sector financeiro, cando o Consello de Ministros do 28 de decembro aprobou unha liña de avais á banca de ata 100.000 millóns de euros. As entidades bancarias privadas están nos custando un ollo da cara.


Dende o punto de vista do país, o proxecto de Alberte Núñez Feixóo para Novagalicia Banco está no aire. O Ministro non quixo responder ás preguntas dos xornalistas sobre o futuro da entidade. En todo caso a posible poxa da mesma e entrega a un dos grandes grupos bancarios con sede en Madrid está aberta.

Dende o punto de vista do emprego Galiza está a vivir unha desfeita no sector financeiro coa desaparición das Entidades Financeiras Galegas. O Decretazo pon en perigo 2.500 empregos, cun especial impacto na antiga capital financeira de Galiza, a Coruña.

A estas alturas debería estar claro que converter Novagalicia Banco nunha banca pública ao servizo da cidadanía tería menos custe para o erario público que seguir na dinámica de fusións/axudas. Se tanto miran para Alemaña no laboral que miren tamén no financeiro. Alí hai banca pública vinculada aos Landers, pero estes son máis papistas que a papisa.