Recuperar a autoestima no noso rural

Recuperar a autoestima no noso rural
A autoestima rural é o conxunto de percepcións, pensamentos, sentimentos e comportamentos dirixidas cara o medio rural a súa forma de ser e os seus elementos identificadores

Queda alguén aí?

A nivel global o sistema urbano-agro-industrial atópase en descomposición, sendo necesaria unha reconfiguración do propio sistema. No noso país a dicotonía urbano-rural está polarizándose cada día máis, o que fai que o equilibrio razoable ao que se chegara no uso do territorio no pasado se desfaga e comporte a día de hoxe graves problemas estruturais: abandono, incendios,...

A metade da poboación do mundo vive recluída en 500 metrópoles e no noso país o 40% da poboación sitúase no 1% do territorio. As grandes urbes non poderán manterse nun futuro a medio e sobre todo a longo prazo. Están condenadas a desaparecer, e a nosa sociedade a formular novas vías de ocupación do territorio.

A poboación galega maior de 65 anos é na actualidade dun 21,9 %, fronte ao 16,6% do Estado Español ou ao 17,2% da Unión Europea. Este dato é representativo do carácter avellentado da nosa poboación; o que supón, para calquera especie, unha debilidade fronte a propia supervivencia.

No ano 2010 tan só o concello de Ames tiña menos dun 10% da súa poboación por riba de 65 anos. Esta porcentaxe establécese como límite entre poboacións avellentadas e poboacións xoves. Galiza conta cunha poboación moi avellentada, xa que máis da quinta parte da poboación total supera os 65 anos. Se analizamos os datos a nivel territorial veremos como as diferenzas se agravan no interior: en cinco concellos ourensáns as persoas vellas representan máis da metade da poboación, non existindo relevo xeracional. Neste sentido, en 162 concellos galegos (todos eles do interior de Lugo e Ourense) as persoas maiores de 65 anos representan máis do 30% da poboación do concello.

Os factores da situación actual da nosa poboación son moitos, pero destacan: a emigración (o noso país perdeu nun século (1880-1980) máis dun millón de persoas), o avellentamento da poboación (mellorou cuantitativamente a esperanza de vida fronte a unha taxa baixa de natalidade) e o despoboamento (no ano 2009 existían no noso territorio 1338 entidades de poboación deshabitadas).

As proxeccións futuras non indican melloría, e estímase que no ano 2020, unha cuarta parte da poboación será vella, e unha décima parte maior de oitenta anos. Nesta liña, a superficie agraria abandonada no noso país incrementouse nun 66% na última década; sendo Ourense e Lugo as provincias máis afectadas. Amais nas últimas dúas décadas a poboación activa agraria e o número de explotacións reducíronse en máis da metade. Estes datos amósannos unha previsión pouco esperanzadora para o noso país, con graves consecuencias ambientais, paisaxísticas, culturais e económicas.

Fronte a esta situación urxe actuar, e non podemos agardar a que a solución chegue de fóra (como agarda o propio Feijóo), xa que a solución está nas nosas propias mans.

A autoestima como chave

As variables sociodemográficas e poboacionais galegas xogan un papel crucial nos incendios forestais, e para entender o número elevado de lumes e poder realizar actuacións preventivas eficaces, os factores socioeconómicos de cada parroquia terán que terse en conta na política de lumes. Todo o contrario do camiño que tomou a actual consellería do Medio Rural que avanza na procura de non facer nada.

A autoestima rural é o conxunto de percepcións, pensamentos, sentimentos e comportamentos dirixidas cara o medio rural a súa forma de ser e os seus elementos identificadores. A importancia deste elemento radica na expresión social que acompaña as actividades humanas que se desenvolven no seu entorno. Unha boa autoestima rural favorece a permanencia da poboación nas distintas aldeas e mantén viva a ilusión por seguir vivindo na terra e para a terra.

Iniciativas coma o de Son d´Aldea, apunta na dirección correcta para recuperar a autoestima do noso rural, piar básico para a recuperación da poboación que a súa vez será o elemento motriz para a defensa do territorio. O que seremos, ten que construírse desde o presente tendo en conta o que fumos. Nada mellor que recuperar espazos colectivos e de expresión cultural para dar os primeiros pasos que nos conduzan pola boa senda. Nesta vía teremos que loitar contra o nacionalismo lingüístico español e o total esquecemento do PP polo noso país.

A reforma da Política Agraria Común post-2013 que se está arestora a negociar é unha nova oportunidade para poñer o rural ao servizo da sociedade e non do mercado. Nesta liña diversas organizacións apostan por unha PAC xusta e sostible baseada: nunha agricultura local e campesiña, nun modelo familiar e agroecolóxico, nunha soberanía alimentar e enerxética, nun mercado xusto e sostible, nunha agricultura para alimentar e sen tranxénicos.

Vivimos ante unha crise de valores que fai que o individualismo se apodere de todas as nosas esferas de actuación e non nos deixe ver as oportunidades e virtudes que os elementos colectivos poden aportar. Neste sentido, vense de celebrar un fito histórico na defensa do monte veciñal coa celebración en Vilar Real do 1º Congresso Europeu das Áreas Comunitarias. Nel os nosos montes veciñais compartiron palestra cos baldíos portugueses, os crofts escoceses e os montes comúns italianos; todos eles fixeron visible a importancia das áreas comunitarias como oportunidade e alternativa ante un mundo rural en descomposición.

A garantía de futuro para o noso rural é ter orgullo del; polo que está nas nosas mans que creamos nel, o dignifiquemos e apostemos por el. O noso rural ten futuro na medida en que se produza un reequilibrio territorial no que as grandes urbes compensen en termos económicos os beneficios que o rural aporta a totalidade da sociedade. Todo o que se aparte de estas premisas vai supoñer o peche da nosa terra.

En definitiva, para manter e incrementar a poboación do rural, temos que recuperar a autoestima da xente na súa propia terra e sentirmos orgullosos do que temos e do que somos.

Caros compartes! Viva o noso mundo rural!