Reacción en cadea

E é que nesta dinámica social e económica pola que nos conducen, estamos chegando a uns extremos de pobreza e crecente desigualdade social sen parangón

Anque tiña pensado titulalo "o último asalto" pareceume que non era atinado pois aínda quedan moitas batallas por librar e na que non sempre van gañar os ricos. Esta expresión si ben a conto polo manifestado pola terceira persoa máis rica do mundo, Warren Buffet, cando en pleno conflito da empresa Terrabusi dixo que "Claro que hai loita de clases. Pero é a miña clase, a dos ricos, a que empezou esta loita. E imos gañando". Lembrounos algo que, segundo algúns, xa estaba extinguido ou pasara de moda e devolveunos á descarnada realidade como que aínda existen clases sociais e están librando unha das batallas máis cruentas.

E é que nesta dinámica social e económica pola que nos conducen, estamos chegando a uns extremos de pobreza e crecente desigualdade social sen parangón, no que os ricos cada vez son máis ricos e os pobres cada vez son máis e máis pobres, xerando unha espiral de incremento da exclusión social que é alimentada por esa clase social poderosa en función do incremento do desemprego, con especial incidencia no de longa duración, o endebedamento produto do escaso poder adquisitivo e os recortes sociais e nos dereitos conquistados.

Pois ben, agora preparan un novo asalto e de maior profundidade ao estado do benestar. Aínda sen tomar posesión o novo goberno do Estado (a casualidade quere que sexa hoxe), pero despois do varrido nas últimos eleicións xerais, o partido vencedor lanza toda a súa artillería para anular os focos de resistencia e preparar á cidadanía convencéndoa que o camiño dos recortes e a privatización é o único posíbel e a solución aos seus problemas.

Como entender si non as propostas avanzadas polo presidente da grande patronal española que da a impresión que sigue en campaña eleitoral, ou mesmamente polo da CEG, propostas que representan so unha mostra de por onde van as intencións. Os minicontratos, o despedimento de funcionarios públicos, a negativa a controlar os prezos de determinados produtos básicos ou cuestionar o de que haxa que reinvestir os beneficios empresariais, mostran as claras a verdadeira "solidariedade" destes dirixentes dos empresarios. Por se isto non chega hai que sumarlle o de que os "desempregados se apuntan ao paro porque si", hai que combater aos que visitan ao médico abusivamente (discurso semellante ao da conselleira de sanidade), a necesidade dunha "converxencia nos impostos" cos que se aplican na Europa; como non subir o IVE e baixar o imposto de sociedades ou realizar unha nova reforma laboral e despedir funcionarios. Nas súas campañas contra a clase social dos que non son poderosos, os traballadores e traballadoras, camiña na dirección contraria ás necesidades das empresas; o demandar o acceso ao crédito do sistema financeiro para poder continuar as súas actividades e manter o emprego.

Chove sobre mollado como recoñecen múltiples entidades de que este tipo de medidas foron unha autentica decepción e oriéntanos cara o suicidio colectivo como é a recesión. Poñamos por caso a da reforma laboral. Nun estudo realizado pola fundación FEDEA titulado "Reforma Laboral 2010: Una primera evaluación y propuestas de mejora" recoñecen que as reformas feitas ata o de agora, non conseguiron mellorar a situación de inestabilidade laboral do mercado de traballo, afectando especialmente á xuventude. Estas medidas de "austeridade", que non son nada novas, teñen demostrado que a súa aplicación non so non tiveron un efecto positivo no crecemento económico senón que aumentou o seu empeoramento, pois a mingua dos salarios e da demanda dos fogares ten acentuado a diminución da capacidade de compra e, por ende, tamén a capacidade financeira das facendas públicas, impedindo ter os ingresos necesarios para incrementar as políticas sociais e a recuperación do emprego.

Será hoxe cando parte do "plan oculto" do Partido Popular poidamos coñecelo pois, aínda que vainos "dicir a verdade", ten adiantado que o seu obxectivo e cumprir co déficit público e, polo tanto, facer recortes entre 15.000 e 30.000 millóns de euros nomeadamente nos servizos públicos e infraestruturas esenciais, o que vai repercutir aínda máis na destrución de emprego, o incremento dos impostos, a redución dos gastos, a devaluación da negociación colectiva, o despedimento máis barato, o abaratamento nas cotizacións sociais, etc.. Todo para cumprir cos sacrosantos mercados tal e como abordaron na reforma da constitución española.  

Efectivamente, todos estes recortes veñen derivados dunha situación criada pola especulación financeira á que se lle teñen dedicado inxentes recursos públicos. Pero, non contentos con esta situación, os datos publicados pola ABE indican que os cinco grandes bancos españois necesitan máis de 26.000 millóns de euros para recapitalizarse, cando tiveron un beneficio conxunto de 9.695 millóns nos nove primeiros meses deste ano. Esta é a prioridade da dereita e a socialdemocracia española.

Lonxe quedan ás máis de 323.000 demandantes de emprego na Galiza, os máis de 600.000 galegos e galegas por debaixo do inicio da pobreza ou as máis de 61.000 familias que teñen todos os seus membros no paro. Todas estas persoas poden acudir aos comedores de beneficencia, o importante é cumprir cos especuladores financeiros. As consecuencias desta implosión, en cadea e controlada, teñen rostros e son homes e mulleres, vellos e xoves que agardan unha alternativa distinta ao de sempre.

O nacionalismo temos un reto moi importante no próximo mes. Seremos quen de entender que somos esa alternativa?. So de nos depende.