Rajoy asfixia, aínda máis, ao Pequeno Comercio

Rajoy asfixia, aínda máis, ao Pequeno Comercio
O pequeno comercio tradicional representa en Galiza a maior parte da actividade comercial, cunha atención personalizada, de proximidade e de relación persoal

As grandes superficies comerciais foron unha aposta do modelo especulativo feroz que atacou ás nosas cidades co beneplácito e mesmo a ostentación de alcaldes de nefasto recordo. Co falaz argumento da creación de emprego, unha tras outra foron abrindo, coa importante axuda institucional, grandes superficies que pretendían ser imaxe de modernidade e dun estilo de vida de futuro. O certo foi que destruíron emprego nas cidades facendo que múltiples comercios de toda a vida pecharan deixando na rúa a traballadores e traballadoras que cun emprego estable atendían en proximidade aos clientes, e isto para establecer uns empregos precarios, con contratos lixo en tempo e retribucións que pouco a pouco vanse perdendo.

Os males que causan estas grandes superficies son moitos: aumentan o tráfico coa conseguinte contaminación e consumo enerxético creando grandes problemas de mobilidade, destrúen e precarizan emprego, baleiran os centros das cidades anulando a vida veciñal e incrementando os problemas de inseguridade e acaban co comercio de proximidade onde a atención e o coñecemento persoal dos clientes facilita unhas relacións sociais e de amizade onde a confianza, a seguridade e os favores mutuos fan a vida máis agradable. Ademais as persoas con problemas de desprazamento ven pechar o comercio de toda a vida creándoselles verdadeiros problemas de abastecemento, dependendo de outros para levar a cabo ás súas compras nas que ademais perden as súas referencias de confianza, tratamento persoal e amizade creadas ao longo de moitos anos.

A crise inmobiliaria que veu da especulación e nos levou a situación actual está provocando tamén a caida destas grandes superficies, moitas das cales van camiño de converterse en edificios pantasmas onde un a un van pechando os negocios. Isto non serve de lección ao PP no goberno da Coruña, onde pretenden aprobar un PXOM que segue apostando pola especulación e novos centros comerciais aquí e alá.

É preciso poñer todo o empeño na defensa dun comercio tradicional que trae un emprego estábel cun impacto económico e social, aspecto xa comentado anteriormente, de influenza moi positiva na economía local e na vertebración dos barrios das nosas cidades incrementando a súa vitalidade e actividade no económico, no social e tamén no ocio.

Claro que coas medidas do Goberno isto non será nada doado, o incremento do IVE en porcentaxes escandalosos en moitos casos, o incremento das retencións e dos impostos para os autónomos e para remate o intento de liberalizar horarios e dias festivos converténdoos en hábiles comerciais , sen causa algunha que o xustifique, é un ataque a liña de flotación desta actividade comercial, asfixiándoa ate o extremo.

Os reais decreto-lei 19/2012 e 20/2012 que fixan estas medidas liberalizadoras de horarios e días hábiles, invaden claramente as competencias exclusivas do goberno da Xunta en relación co comercio interior, e incluso ás competencias municipais eliminando as autorizacións ou licenzas municipais nos establecementos comerciais cunha superficie non superior aos 300 metros cadrados útiles de exposición e venda ao público. Entre outras invasións de competencias, increméntase o horario de 72 horas a un mínimo de 90 á semana, a apertura de domingos e festivos pasa de oito a un mínimo de dez ao ano e se crean zoas de grande afluencia turística naqueles concellos de máis de 200.000 habitantes que teñan portos nos que operen cruceiros turísticos, zoas nas que poderán facer e desfacer ao seu antollo.

Isto levou ao BNG a presentar unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza á vista da nula reacción de Feijóo diante dun ataque tan flagrante ás nosas competencias, no que se pide o rexeitamento dos reais decretos e a promoción dun recurso de inconstitucionalidade. Coa boca pequena o PP fala de defender ao pequeno comercio pero a realidade é toda a contraria, apoiando as medidas asfixiantes de Rajoy e mesmo, como pasa no caso do concello da Coruña, diminuíndo as axudas para a promoción de desenvolvemento deste para adicalas á festas e/ou a enchentas VIP para capitáns da Tall Ship Race, políticos do PP, os seus amigos e familiares.

Defendamos pois con todas as medidas ao noso alcance esta actividade comercial que ten unha clara función de intercambio redistributivo, máxime nos tempos nos que vivimos, e que está tan relacionada coas persoas que viven unha situación límite polo precaria, tanto no económico como na dependencia, ás que atende en aspectos tan esenciais como o aceso a produtos de primeira necesidade. A desaparición do pequeno comercio leva á desaparición da vida social, económica e solidaria nas cidades e vilas galegas e iso sempre o entendeu así o nacionalismo como demostra a firme aposta por este modelo de comercio tradicional onde hai responsabilidades de goberno.