Quen dixo que non hai diñeiro?

Quen dixo que non hai diñeiro?
Agora dinnos que non hai diñeiro e que hai que apertarse o cinto, como nos lembrou tamén o día de Noiteboa o Rei dos españois que, sen pegar pancada, ten un soldo de 149.519 euros brutos ao ano

Os neocons e os propagandistas do neoliberalismo dicíannos que a empresa privada é mais rendíbel que a pública porque ten mellores xestores e administra mellor os cartos, pero o certo é que cando as contas non lles saen botan man do diñeiro público, xa que o sistema capitalista sempre está presto a axudalas. Eses mesmos talibáns neoliberais non din que case un setenta por cento da chamada débeda soberana é privada e a pública solo acada un trinta por cento. É moi ilustrativo e kafkiano que o Estado rescate a banca privada entregándolle inxentes cantidades de diñeiro público sen intereses ou a fondo perdido para que logo esa mesma banca rescate ao Estado prestándolle cartos a uns intereses draconianos.

Para favorecer a eses especuladores e telos contentos o Banco Central Europeo, que é un banco público de todos os estados membros que adoptaron a moeda única, préstalle diñeiro a esa banca privada ao 1% de interese, mentres eles lla prestan aos estados ao 7%. Con eses riscos e con esas diferenzas de intereses até eu sería un bo xestor.

Agora dinnos que non hai diñeiro e que hai que apertarse o cinto, como nos lembrou tamén o día de Noiteboa o Rei dos españois que, sen pegar pancada, ten un soldo de 149.519 euros brutos ao ano e percibe outros 152.233 como gastos de representación, non paga a Seguridade Social e ademais temos que pagarlle a auga, a luz, a calefacción, a vivenda, viaxes... e o soldo aos 489 empregados, que xa é ter criados dabondo! Aínda así parece que a fin de mes debe de andar bastante xusto para manter a longa familia e o Urdanga tivo que recadar pola súa parte algún diñeiro extra do erario público, coa axuda das institucións gobernadas polo PP en Valencia e Mallorca, facéndose pasar por altruísta e poder así mercar palacetes e pisos, poñendo o Atlántico de por medio antes de que o imputaran e haber si se esquecían del e dos millóns que ten agachados en paraísos fiscais. Menos mal que sempre hai algún amigo xeneroso de seu sogro, como o Carlos Alierta, que lle deu un merecido posto en Telefónica Internacional (TISA) para que non morra de fame o probe.

Para mais escarnio vai Rajoy e mete dous raposos a coidar das galiñas: A Luís de Guindos meteuno no Ministerio de Economía para que nos saque da crises na que nos meteu el e a empresa Lehman Brothers da que era Conselleiro. El, coa colaboración necesaria de CC.OO e UGT, será o encargado de poñernos a soga ao pescozo sen que lle treme a man e estou seguro de que nin sequera lle aflorará unha bagoa como a súa colega de Roma.

Ao outro raposo púxoo a coidar o galiñeiro do Ministerio de Defensa. Trátase do fabricante de armas vasco Pedro Morenés y Álvarez de Eulate quen xa gastou, cando estaba de Secretario de Defensa no goberno de Aznar, 28.000 millóns de euros nos grandes programas de armamento, diñeiro que lle pediu adiantado ao Ministerio de Industria e que aínda non devolveu. Como fabricante de armas, Pedro Morenés xa se queixou ao goberno de Zapatero e pediulle compensación económica por prohibirlle a produción de bombas de acio. Agora xa non terá ese problema e poderá fabricalas e mercalas así mesmo e as empresas de armamento das que foi Conselleiro para seguir sementando a morte e a destrución, e impoñer a súa peculiar democracia do terror polo mundo adiante. Non importa que o pasado 13 de agosto o diario "El País" publicara que o gasto militar provocou unha débeda de 30.000 millóns de euros que agora pretenden que non se conten como gastos militares eses 28.000 millóns que dilapidou nos grandes programas de armamento porque sempre se pode botar man dos cartos das pensións ou da Seguridade Social para pagalos e os traballadores que contraten un plan nos bancos aos que tamén hai que dar de comer para que non se enfaden.

A pesar de que oficialmente somos un Estado laico, tamén hai diñeiro para a Igrexa Católica que durante este ano recibirá 13.266.216, 12 euros mensuais segundo o Boletín Oficial do Estado do 31 de decembro de 2011, que para iso puxo tamén de ministro da porra a un home a Jorge Fernández Díaz, un home que sei que se converteu a "Obra" nas Vegas, na capital do vicio.

Para iso non estamos en crise e si ten que haber diñeiro aínda que sexa a costa de converter aos prexudicados en protagonistas do prexuízo baixándolles os soldos, subíndolles os impostos a pensionistas e traballadores e baixándolle as empresas a cotización a Seguridade Social por facer contratos de traballo precario. Afirman que soamente se soluciona isto sendo mais produtivos e producindo mais barato; pero se producimos coches até que non collan nas estradas, electrodomésticos até encher as casas e saturamos o mercado de todo tipo de produtos, ademais de baixar o seu valor, despois que vamos facer? Xa manda nabo que estimulen a produtividade os que meten multas aos nosos labregos por producir mais leite da cota que teñen!

Son mais listos que a fame e din que os traballadores temos que apandar co problema, que o despido ten que ser libre, que veñen tempos difíciles porque o paro vaise incrementar aínda mais -cando dicía desde a oposición que ía solucionalo- e que se vai reducir o Produto Interior Bruto. Por iso conxelaron o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), non vaia ser que se vaian a vicio os traballadores vivindo fora das súas posibilidades, arruínen aos empresarios e nos metan noutra crise mais gorda aínda.

Que pensarán agora os que, por ignorancia ou boa fe, votaron o pasado 20N a súa propia desgraza que lles chegará en forma de recortes laborais e sociais que xa preparan os Gobernos do Estado e da Xunta e que nos farán afondar aínda mais na crise? Que dirán os votantes e os afiliados a UGT e CC.OO que encima lles pagan para que os leven mansamente a ara onde serán sacrificados para maior gloria dos mercados, das entidades financeiras e do capital.

Non se pode chamar democrático a un estado que non é capaz de garantir o mais esencial para poder vivir dignamente a todos os seus habitantes mentres dan cartos aos que viven na opulencia e nos levaron a esta situación desastrosa, nin son demócratas aqueles dirixentes que esquilman a unha maioría de probes para favorecer a unha minoría que nada na abundancia.

Non é de recibo que os gobernos pidan esforzos aos mais débiles mentres fan leis que permitan aos fortes amasar inxentes cantidades de diñeiro, incluso en tempos da crises que eles provocaron.