Que fai o Director Xeral de Montes ante esta situación?

Que fai o Director Xeral de Montes ante esta situación?
Vendese monte vecial: perguntar polo Director Xeral de Montes a calquera hora

Este cartaz, polo de ágora virtual, na espera da nova lei de montes veciñais en mao común, que vai a proceder a súa privatización, atopase na fachada do edificio da Dirección Xeral de Montes. E certo que, polo de agora, o cartaz, conten unha mensaxe sublimal. Mais, esta mensaxe, xa foi captada, por algúns membros da xudicatura da provincia de Lugo, e polas empresas de aproveitamento de biomasa forestal para a produción enerxética.

De un tempo para acó, membros da xudicatura da provincia de Lugo, están a ditar sentenzas (malditas), contra os montes veciñais en mao común. Sentenzas ditadas, saltandose pola borda, dúas das principais caracteristicas dos montes veciñais: a imprescritibilidade (o monte veciñal, e veciñal dende tempos imemoriais), e a inalienabilidade (o monte veciñal, non pode ser ocupado).

Con estes planteamentos, os membros da xudicatura da provincia de Lugo, por descoñocimento ou por mala fe, están a desnaturalizar os montes veciñais en mao común, e xa que logo a facilitar a súa privatización. Con estas sentezas (malditas), están roubandolle os montes veciñais aos seus lexítimos titulares e entregandollos  aos intereses particulares. E o que, se cadra, aínda é mais grave, xudicialmente falando. Están a revisar de "facto e con caracter retroactivo", as declaracións de monte veciñal dos xurados provinciais de clasificación.

De un tempo a esta parte, están brotando polo medio rural, tal como se fosen malas herbas, un sen fin de empresas de aproveitamento da biomasa forestal para a producción enerxética. Os contratos que lles fan chegar as comunidades de montes, non son realmente para o aproveitamento da biomasa forestal, que podería ser válido. Son para usurparlles os montes veciñais os veciños e veciñas comuneiros. Estas empresas, aproveitanse, descaradamente, da febleza organizativa de algunhas comunidades de montes e do abandono do medio rural.

Estes contratos para o aproveitamento da biomasa forestal, que as empresas lle presentan as comunidades de montes, parten de unha falsa xustificación e dun engado. A falsa xustificación consiste en afirmar que a existencia da biomasa forestal nos montes provoca os lumes forestais (o que fai e facilitar a súa propagación). O engado consiste en manifestar que a retirada da biomasa forestal non terá custe para as comunidades de montes (mais, tampouco lle poñen valor a un produto, que no mercado si que ten valor). A retirada da biomasa forestal, un aproveitamento do monte, saelle de balde as empresas.O negocio a conta do monte veciñal e xa que logo, redondo.

O fin dos contratos que presentan as empresas para o aproveitamento da biomasa forestal, non consiste en retirar a biomasa forestal residual producida nos traballos de silvicultura e de restos de cortas de madeira, derivadas do definido nos Plans de Ordenación e dos plans técnicos de xestión dos montes. O fin, e así queda escrito, consiste en que as empresas, outorgase a capacidade absoluta, sen contar coa opinión das comunidades de montes, de proceder a plantar cultivos enerxéticos en calquera lugar do monte veciñal. Nestes cultivos enerxéticos (plantar para en  4/5 anos, cortar para queimar), e onde está o negocio para as empresas. Este monocultivo forestal, ademais de desvalorar económico e medioambientalmente aos
montes, si que provoca lumes forestais e non a existencia de mais ou menos biomasa forestal nos montes.

E por se a usurpación dos montes veciñais en man común, non quedase clara, sitúan unha cláusula que di: "A empresa autorizará aos comuneiros para que poidan seguir usando o monte para consumo proprio". E decir, unha empresa e beneficiaria da cesión de un aproveitamento do monte veciñal e convertese en dona do monte; e como aínda e boa, permítelle usar o monte veciñal aos seus lexítimos titulares. E decir, rouban o monte veciñal e aínda hai que darlle as grazas, porque son xenerosos.

Certos membros da xudicatura privatizan montes veciñais. Empresas de aproveitamento da biomasa forestal usurpan montes veciñais. A lei de montes veciñais en mao común, actualmente vixente, di que a Consellaría do Medio Rural, ten que velar pola integridade do monte veciñal, que fai o Director Xeral de Montes ante esta situación?. Pois asubía e estende a mao para recoller as felicitacións dos intereses económicos, urbanísticos e especulativos, seguramente dadas en sobres pechados.

Ante esta agresión ao monte veciñal en mao común, as comunidades de montes, non podemos ficar paradas. Temos que berrar forte e mobilizarnos. Se cadra, a primeira mobilización podería ser a asistencia a Asemblea Xeral da Orgaccmm, que terá lugar o día 12 de Marzo no concello de Porto do Son. Unha asemblea onde se acordaran as medidas necesarias para parar esta agresión ao monte veciñal, ao medio rural e xa que logo ao Pais.