Preferentes para seren saqueados

Preferentes para seren saqueados
A estafa das preferentes resume de xeito nidio a inxustiza dos tempos actuais

A estafa das preferentes resume de xeito nidio a inxustiza dos tempos actuais.              
É habitual que os procesos económicos sexan moitas veces escuros para a xente. A retórica gobernamental, a linguaxe críptica dos medios e o abuso de termos pseudo-científicos e técnicos axudan a enmascarar a dirección, finalidade e consecuencias das medidas que se adoptan. Como elemento necesario que contribúe ao confusionismo xeral unha enorme propaganda envolve a actuación dunhas institucións cada vez máis deslexitimadas. Porén, a estas alturas da fonda crise sen retorno na que estamos, a realidade descarnada imponse. Daquela os gobernos adoptan unha serie de decisións tan graves que non son quen de adulterar, e, contodo, póñenas en marcha en contra dos intereses  de centos de miles de persoas, incluso facendo saltar polo ar a mesma propiedade privada que tanto sacralizan. Malia as lóxicas protestas, a consigna do actual partido no poder é facer ouvidos xordos e tirar para adiante prometendo novos sacrificios en beneficio duns poucos.              

O roubo das prefentes amosa moi claramente o funcionamento do sistema na actual crise. A orixe da mesma no cerne do sistema financeiro é máis ca evidente para todo o mundo. Tamén as consecuencias que se derivan do resgate bancario, con imposición de enormes cárregas para a maioría social. Pero, máis en concreto, o que ocorre cos titulares de preferentes, coa expropiación a prol dos bancos da case totalidade dos seus cartos, é dunha crueza escandalosa.               O buraco do sistema financeiro do Estado Español é inmenso: máis de 350.000 millóns de euros, que se saiba até o de agora, porque a cifra medra día a día e parece que non ten fin. As continuas inxeccións de fondos públicos que se fixeron para enchelo non dá feito, e o resgate bancario do mes de decembro, que nestes intres vai supoñer outros 41.000 millóns de euros máis sobre o xa achegado até agora, é insuficiente. Pero tan descomunal esforzo para as arcas públicas e o conxunto da sociedade é aínda inútil para cubrir este inxusto obxectivo. Por iso se impón converter os aforradores galegos en socios capitalistas duns bancos en ruína.              

As necesidades de capitalización dos bancos eran patentes dende hai varios anos para as súas equipas directivas. Por iso se lanzaron á captación de fondos onde os houber, pasando por riba de calquera tipo de ética, norma, costume da operativa habitual ou a confianza dos pequenos clientes de toda a vida. Viron nos aforradores unha posibilidade de recapitalizarse, para o cal os fixeron asinar contratos “preferentes” (que facía sentirse especial á xente, vendendo un trato e un tipo de interese que lles ofrecían a eles prioritariamente por seren vellos coñecidos da casa), que chegado un intre xa non se cancelaban periodicamente, senón que tiñan un período de amortización de 100, 200 anos, ou incluso que non tiñan data de remate. Da noite para a mañá os aforradores e aforradoras estaban no corralito cos cartos gañados ao longo de toda unha vida. Todas as entidades financeiras desenvolveron prácticas semellantes, por moito que Nova Galicia Banco teña máis presenza e visibilidade neste escándalo. No caso da entidade financeira nacionalizada, o seguinte paso é o de soportar unha quita de até o 70% dos cartos aforrados, isto é, o roubo de luva branca de máis da metade deses cartos a miles de persoas. Todo isto sancionado pola Unión Europea e os diferentes decretos dos gobernos do PP (como antes fora o PSOE quen preparou o camiño a través do FROB e do Banco de España). É dicir, unha vez manifestado o problema os intentos de solución poderían ter adoptado varios camiños, pero optouse por resolver o problema dos bancos e non o das persoas.              
Un terceiro paso á hora de aferrollar ás vítimas do saqueo dos seus cartos depositados nos bancos a través de produtos preferentes, é o de convertelos en capital subordinado, en bonos ou directamente en accións. En resume, os poucos cartos que quedan logo de aplicar forzosamente as quitas, non se devolverán aos seus lexítimos propietarios, senón que os convertirán en accións. De aforradores pásase a capitalistas á forza, debidamente expropiados e maltratados con anterioridade. Para colmo, nalgunhas entidades non se poden nin malvender as accións, como en NGB, polo que os converteron en donos dun papel que non poden converter de novo en cartos nin vai producir réditos nin dividendo ningún.              
Ollado todo isto en perspectiva, e sabendo cal é o punto de partida dunha xente que aforrou co esforzo do seu traballo durante décadas, o resultado é terrorífico. Iso si, os bancos contentes, ao seu, ben amparados polo poder político. Non se pode exemplificar máis claramente o enorme transvase de recursos da clase traballadora ao sistema financeiro, e o papel necesario de Xunta, Goberno do Estado e organismos da Unión Europea. Para iso están PSOE e PP e estruturas semellantes por toda Europa, para impulsaren ese saqueo. Apoialos é estar de acordo en que así é como se debe gobernar o mundo, roubarlle aos que menos teñen para seguir engordando a banca. Neste caso é difícil non velo. Un esquema tan sinxelo como arrepiante. Pero tamén moi didáctico.