Poxa de novagalicia: valor e prezo, unha nova estafa social

Poxa de novagalicia: valor e prezo, unha nova estafa social
A estafa ao conxunto da cidadanía é maior do que aparenta
 
Unha cousa é o valor que tiña para Galiza poder contar cunha Entidade Financeira de seu, que xestionase o aforro dos galegos e galegas aquí para crear emprego e riqueza no pais, un dereito que contempla incluso o Estatuto de Autonomía. Outra é o prezo que pagaremos ao gañador da maior estafa social e laboral que temos vivido nos últimos anos.

Segundo a Dirección saínte de novagalicia banco, os test realizados polo Banco de España a finais do ano 2013, con carácter previo ao exame que se realizará a nivel europeo, terían situado á entidade galega á cabeza en solvencia. Quizás a urxencia non explicada, en adiantar a poxa cando había prazo ata o 2017, tiña coma obxectivo agochar á sociedade que a Entidade, despois do saneamento con inxentes recursos públicos sería das máis solventes do sistema financeiro.            

Malia que o PP con Feijoo á cabeza, pretende presentar a operación coma un éxito económico, social e de país, nada máis lonxe da realidade, a estafa ao conxunto da cidadanía é maior do que aparenta. Nun exceso de celo a progubernamental “La Voz de Galicia” titulaba “Banesco salva novagalicia”, falso, a Entidade foi salvada con inxentes recursos públicos que xustificaron recortes sociais, o Grupo venezolano será o beneficiado.          
Desconto do 63% sobre o valor en libros.          

Din que o Grupo Banesco pagaría 1.003 millóns de euros, un 37% da valoración en libros de novagalicia (2.700 millóns de euros), o desconto sería maior que na recente venda da filial “EVO banco” vendida polo 55% do valor en libros. Ademais no caso de EVO o comprador asumiu o compromiso de recapitalizar a Entidade, no caso de novagalicia non é preciso, xa está saneada. Si os libros deben reflectir o valor real dunha empresa e moito máis nunha Entidade financeira coa normativa Basilea III, non hai nada que xustifique este desconto.

Perdas multimillonarias para o conxunto da sociedade.              

Dos 1.003 millóns din que o Estado cobraría agora o 40% agora e o restante 60% a prazos ata o 2018. O propio FROB en base a esas cifras, recoñeceu unha perda para o conxunto da sociedade de 8.000 millóns de euros (aos que habería que engadir a quita á débeda subordinada). De ser certas estas cifras (as perdas son maiores do que di o FROB), o proceso de venda saldaríase cunhas perdas equivalentes ao orzamento da Xunta de Galicia para todo o ano 2014. Ademais o Estado continuará pagando os xuros dos 9.000 millóns de euros inxectados a fondo perdido en NCG Banco, SA, malia que este fose vendido. Estremece lembrar a Mariano Rajoy cando dicía que non daría diñeiro aos bancos, que o rescate bancario era unha liña de creto e que o Estado recuperaría todo o inxectado.            

Malia que o proceso de poxa foi totalmente opaco, podemos desentrañar parte do misterio e achegarnos ao prezo real, moi lonxe do valor que ten NCG para o país e do que nos queren “vender”.                

Si o prezo fosen 400 millóns agora e 600 millóns a prazos ata o 2018, os propios beneficios xerados por novagalicia banco (que serían para o Estado de non vendela anticipadamente) pagarían os prazos. O prezo de venda sería de 400 millóns o equivalente ao 5% do orzamento da Xunta de Galicia, pero o prezo real da “venda” aínda foi menor.            

A venda incluíu activos sen valorar.
           

No proceso de poxa/express de novagalicia o FROB solicitaba aos interesados 2 ofertas, unha con activos e outra sen activos. A oferta gañadora, de aparentemente 1.003 millóns, inclúe eses activos que o novo propietario xa avanzou que pretende vender.            

O pasado verano Novagalicia puxo a venda activos, dentro dun proceso competitivo que xa estaba na fase final con 3 empresas interesadas con ofertas en firme. Este proceso foi paralizado polo FROB cando abriu a poxa-express da Entidade. Segundo a Dirección saínte agardaban unha oferta vinculante polos activos no entorno dos 600 millóns de euros, unha cifra crible, o Banco Popular acaba de vender activos ingresando 710 millóns de euros. Novagalicia trasladou a perdas os activos máis tóxicos e transferiu outros ao SAREB, os activos de NCG deberían ser mellores que os da banca non rescatada.              

Pero estes non son os únicos activos de novagalicia, habería que incluír as participacións empresariais que xa foron provisionadas como perdas por ata un 60% do valor, polo que calquera venda que supere o 40% da valoración implica beneficios.              

Novas axudas públicas para cubrir futuras perdas.            

O Grupo Banesco tería solicitado parte das axudas públicas previstas polo FROB e que poden ser consultadas na nota emitida o 18 de decembro do 2013 publicada na páxina deste organismo. O Estado cubriría o diñeiro das reclamacións da débeda subordinada, é dicir o Estado solucionaralle ao comprador este problema, a pregunta é porque non o solucionou mentres foi pública permitindo unha desvalorización da Entidade e sobre todo facendo padecer inxustamente a milleiros de persoas durante anos.            

O FROB/Estado tamén cubrirá ao comprador ante os litixios abertos con varias aseguradoras (Aviva reclama 430 millóns, tamén reclama Caser sen que transcendera o importe). O FROB contemplaba outras posibles garantías (compensar o custe da eliminación das cláusulas chan dos préstamos, etc) sen que día de hoxe transcendese se Banesco fará uso delas ou non. “La Voz de Galicia”, valorou en 800 millóns de euros os litixios abertos, cubrindo o erario público o 85% das posibles perdas.            

Por si non fose pouco é pública a intención da nova Dirección de novagalicia de seguir cos recortes de persoal e con recortes nas condicións laborais. Os traballadores e traballadoras da Entidade pagaran con cargo aos seus salarios parte do desfalco.          

Certamente as contas non saen, e as perdas para o erario público froito desta estafa por parte do FROB/Goberno Central, superan os anunciados 8.000 millóns de euros, que xa non eran poucos.              

A denuncia presentada polo BNG para que a Fiscalía Anticorrupción investigue todo o proceso de poxa por un presunto delito de prevaricación e malversación de fondos públicos, está máis que xustificada. Non é casual que por primeira vez o FROB saíra a dar explicacións sobre un proceso de venda.          

Os traidores a Galiza regalaron novagalicia banco facéndonos pagar un alto prezo, menos mal que son os “austeros”. O país continua precisando unha Banca Pública e Galega, unha banca de investimento ao servizo da economía produtiva que facilite a saída da crise e que sente as bases para un novo modelo económico e social. A loita continua.