Por min, por ti, por ela, polo dereito das mulleres a decidirmos

Por min, por ti, por ela, polo dereito das mulleres a decidirmos
Co pretexto de protexer á maternidade, pretenden por control á vida sexual das mulleres

O pasado 22 de xuño o PPdeG aprobou unha lei que deixa en mans dunha rede antiabortista o asesoramento e atención ás mulleres embarazas por parte da administración pública galega.

A dereita galega paga, unha vez máis, a peaxe eleitoral (ou pago de favores), do mesmo xeito que o fixo co decreto do galego impulsado para facerlle as beiras a Galicia (non) bilingüe, faino agora con Rede Madre, un grupo ultracatólico que considera o aborto como a primeira causa de defunción no estado español.

Na defensa enunciaron que coa lei pretenden que "as dificultades económicas non impidan ás mulleres decidir con liberdade, evitando que a maternidade sexa unha cousa de ricas e pobres", e para logralo, destinan cartos públicos a unha organización privada que vai desenvolver o labor que actualmente viñan facendo os servizos sociais e outros organismos de carácter público (moitos deles desmantelados coa chegada ao goberno por parte do PP).

Obvian que non están a dispor recursos públicos para poñer a disposición das mulleres o sistema sanitario para que sexa capaz de dispensar os métodos anticonceptivos para evitar embarazos non desexados (incluíndo ás solucións de urxencia como a pílula postcoital), obviando tamén iniciativas dirixidas a contemplar na rede educativa unha verdadeira materia de educación sexual que poida orientar á mocidade a vivir a sexualidade sen tabús e limitacións, pero cun maior coñecemento que poida evitar embarazos non desexados.

Pero acaso está garantido que unha muller que decida interromper o seu embarazo (vaia por diante, por suposto, que para elo deberá acollerse aos supostos estabelecidos regulamentariamente, e por tanto, fica claro que estará máis que informada das alternativas a esta decisión) poderá facelo no sistema sanitario público? Que tipo de iniciativas ten previsto por en marcha o goberno do PP na Xunta de Galiza cando o vindeiro 5 de xullo entre en vigor a Lei Orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo?

Dado que abandeiran a protección da muller embarazada, por que non apostan por medidas de estímulo á natalidade, ou por medidas que permitan exercer ás traballadoras a conciliación da súa vida familiar e profesional, por que non protexen ás mulleres embarazadas e en período de lactación dos abusos das mutuas, por que non se ofrece información sobre os planes de parto no sistema público de saúde, por que non se dá a posibilidade de humanizar o parto, porque non estendemos a duración da baixa maternal ate o destete, porque non podemos aleitar ás crianzas e compatibilizar este dereito co traballo durante o primeiro ano de vida?

Ou máis aínda, como se pode defender que unha organización privada teña a responsabilidade de asesorar ás mulleres cando se están a recortar orzamentos precisamente nos programas relacionados coa muller? Como pode enmascararse baixo unha política de austeridade a supresión de organismos como SGI, o desmantelamento da rede de Igualdade + Benestar, ou os centros de Información e Formación sexual para a mocidade, mentres destinan cartos públicos para criminalizar ás mulleres que pretenden por fin ao seu embarazo?... decisión, por certo que ningunha muller toma á lixeira.

E non remata aí, senón que seguen a promover outras leis que reforzan o seu contido, como é o caso do Anteproxecto de lei de apoio á familia e á convivencia de Galiza, que ten entre os seus obxectivos protexer o dereito á vida, incluíndo medidas para fomentar que o embarazo chegue a termo. Calquera que teña a posibilidade de revisar o contido da ILP, darase conta do seu carácter regresivo, do recorte de dereitos cara as mulleres que leva implícito, e da profunda carga ideolóxica que conleva. Con esta iniciativa retrocedemos moitos anos nas conquistas que as mulleres fomos capaces de conseguir co noso esforzo. Porque custounos séculos de loita defender o noso dereito a decidir cando e como ser nai, cando e con quen facelo, ou decidir non selo nunca.

Leo o contido do anteproxecto e dáme a impresión de que estou a ler un extracto dalgún texto da Sección feminina da Falange española. Pero o discurso anacrónico é actual. Voltamos a ser suxeitos de segunda que hai que protexer. Empregan vellos termos como o concepto de familia tradicional (heterosexual, por suposto) ou a maternidade como papel e función esencial das mulleres. O discurso do patriarcado emánase neste caso por boca de quen emprega a maioría no Parlamento Galego para artellar este paternalismo machista contra as propias mulleres. Co pretexto de protexer á maternidade, pretenden por control á vida sexual das mulleres, conculcando o dereito das mulleres a decidirmos.