Podo ir á folga porque miña nai non vai

Podo ir á folga porque miña nai non vai
Que pasaría se houbese unha folga de coidados?

Falando coa miña nai de se podía facerse cargo das miñas fillas o día 13 para poder participar no traballo previo á convocatoria de folga do 14 de novembro, comentamos entre risas que a que iría á folga sería eu, porque a ela “tocáballe pandar coas tres nenas ese día, así que de folga, nada, todo o contrario”. Na parola comezamos a analizar cantos homes ficarían na casa ese día, e sempre repetiamos a mesma pregunta: que pasaría se as mulleres fixeran folga?      

Ese mesmo lema foi empregado hai uns anos nunha campaña de Emakunde onde aparecía unha neveira baleira e un dato: as mulleres realizan o 75% das tarefas domésticas e de coidado. Deberiamos deternos a pensar as consecuencias nos fogares, nas empresas, nas escolas, nos hospitais, desa folga xeral nos traballos domésticos e de coidado familiar. Porque ninguén sería capaz de imaxinarse unha folga desas dimensións.      

Cando abordamos unha convocatoria de folga desde unha perspectiva feminista, soemos afondar nas cuestións que nos afectan como traballadoras, e, en todo caso, estendemos o chamamento ás estudantes, ás desempregadas, ás traballadoras domésticas, ás inmigrantes sen papeis, para denunciar, unha vez máis, a precaria situación que atravesan día a día, facendo un chamamento a que se mobilicen con nós. 

Mais poucas veces mencionamos a quen fai posíbel que moitas e moitos de nós participemos activamente na folga. A toda unha marea, maioritariamente de mulleres, que quedan ao cargo das nosas crianzas para poder así deixar baleiras as aulas, os centros de traballo, os lugares de ocio, os servizos públicos, mentres participamos en asembleas de traballadores e traballadoras, facemos reparto de propaganda na rúa, ou colamos cartaces. Porque no caso das parellas nas que ambas traballan, quen se fai cargo das persoas ao seu cargo?      

Porque obviamos, de novo, que son as mulleres as que, desde a súa invisibilidade no fogar, coa forza do seu traballo doméstico e de coidados, posibilitan tamén que boa parte da clase obreira poida exercer o seu dereito á folga.    

Xa hai tempo que desde o feminismo se demanda que as folgas xerais sexan tamén unha folga de coidados. E, concretamente, unha folga de coidados das mulleres. Porque unha xornada de folga pode ser un éxito se somos quen, tamén, de amosar que o día da folga parámolo todo, incluído o traballo no fogar. Porque é unha oportunidade de denunciar que o traballo de coidados non pode ser só responsabilidade das mulleres. E que é preciso que os homes recoñezan o que supón este traballo, que o redistribúan e o colectivicen entre todas as persoas que conviven no fogar. Por iso hai que facer un chamamento á rebeldía das avoas, á resistencia e a loita das mulleres que co seu traballo invisíbel sustentan, co seu sacrificio individual e colectivo, a maior parte dos fogares. A que saian do espazo privado e invadan o público, a que enchan as rúas amosando tamén a súa indignación.  

O 14 de novembro non só debemos facer unha folga laboral. Toda a cidadanía, homes e mulleres podemos computar na folga. Podemos facer unha folga de consumo durante toda a xornada. Deixando de consumir bens e tamén servizos, xa que debemos ter en conta que haberá moitos traballadores e traballadoras que veranse obrigadas a traballar por mor dos - cada vez máis abusivos- servizos mínimos fixados polo goberno.    

E debemos participar de xeito masivo nas mobilizacións convocadas durante a xornada de folga en numerosas vilas e cidades de Galiza para coa nosa presenza amosar o noso rexeitamento á redución de salarios, á suba de impostos, á suba das taxas universitarias, ao copago sanitario e farmacéutico, á reforma laboral que facilita e abarata o despedimento, á precariedade, á inestabilidade laboral, ao resgate bancario mentres desafiuzan familias, á emigración da nosa mocidade, aos recortes asistenciais, aos recortes en políticas de igualdade e de prevención da violencia de xénero, á falta de investimento en servizos sociais públicos, ao desemprego, aos ataques contra os nosos dereitos laborais e sociais, á nosa soberanía, ao noso futuro.    

Non temos outro camiño como pobo e como clase traballadora. Debemos amosar colectivamente a nosa disposición de resistencia e de loita contra este saqueo. Pero o éxito dunha folga xeral non só se mide no número de persoas que ese día non foron traballar (pese as dificultades cada vez maiores por exercer o dereito á folga), non só se debe a quen non levou ás súas crianzas aos colexios e garderías, á mocidade que baleirou as aulas, a quen ese día decidiu non consumir bens, produtos e servizos, ou non usar os servizos públicos.    

Porque hai toda unha marea de mulleres que deben encher as rúas de Galiza o día 14 de novembro, amosando visíbeis, por fin, outras facianas responsábeis tamén do éxito dunha folga xeral, ás mulleres desempregadas, ás traballadoras do fogar, as sen papeis, as avoas que suplen coa súa carga de traballo o que debería ser responsabilidade do estado, reivindicando un traballo non recoñecido e carente de dereitos e garantías, que fan que o país non quebre. Por todas elas e por todas nós amosemos a nosa indignación. Pode que non computen na folga, pero si terán o seu espazo nas rúas. Vaiamos á folga por aquelas que non sairán nunca nas estatísticas, por aquelas que non van porque non poden ir.