Podémolos parar

A intención máis profunda desta reforma é eliminar a mellor ferramenta de organización e loita da Clase Obreira; as Centrais Sindicais

O día 11 de febreiro deste ano o BOE publicaba o Real Decreto-Ley 3/2012 co texto da nova (a nº 52 creo) Reforma Laboral. Unha reforma que supón un ataque en dúas frontes á Clase Traballadora.

A primeira fronte, e máis evidente, ataca aos últimos dereitos laborais que aínda nos quedaban aos Traballadores e Traballadoras. A xustiza e igualdade salarial: "a igual traballo igual salario", que nunca foi un dereito UNIVERSAL (que lle pregunten ás mulleres polo seu grao de cumprimento), agora deixa de existir. A partires de agora, nunha empresa e por Real Decreto-Ley, os traballadores/as xa poden cobrar distinto salario por facer o mesmo traballo; ao albur da empresa.

A conciliación da vida laboral e familiar vese tamén eliminada por obra e graza deste Decreto que permite ás empresas modificar (cando lles pete) a xornada dos seus traballadores/as.

Por se isto non fose suficiente dispoñen tamén dun mínimo do 5% da xornada anual para usala ao seu antollo.

Falar do dereito a un salario digno é un sarcasmo nas actuais circunstancias; un mozo, ou unha moza (nisto si que non haberá discriminación) que accedan nestes momentos ao mercado laboral poden estar até os 33 anos con contratos de aprendiz ("para que aprendan!!!").

Poderiamos seguir: Protección da saúde, tipos de contratos, as indemnizacións por despido improcedente, a precarización da función pública, etc, etc, etc ...

A segunda fronte que ataca esta reforma laboral non é tan visible e, polo tanto, falamos menos dela. Esta reforma é un proxectil a liña de flotación das organizacións sindicais.

Vou cun par de exemplos sacados de asembleas en empresas de sectores distintos:

Nunha das empresas, do sector servizos, ao remate da exposición das "novidades" desta reforma, unha afiliada á CIG preguntoume: "Estasme a dicir que agora, a empresa, pódenos baixar o salario AOS AFILIADOS DA CIG?"

Noutra empresa, esta da conserva, a reflexión-conclusión dunha das traballadoras foi: "Bueno, entón agora os sindicatos xa non van servir para nada".

Estas dúas reflexións reflicten, exactamente, a intención máis profunda desta reforma: eliminar a mellor ferramenta de organización e loita da Clase Obreira; as Centrais Sindicais.

En contra do que reflexa a segunda das opinións agora, é o tempo en que traballadores e traballadoras teñen que estar mais unidos e organizados que nunca. Neste momento é cando os sindicatos, sobre todo os sindicatos como a CIG, teñen AÍNDA máis valor.

E non vale calquera tipo de sindicalismo; esta reforma é a consecuencia dun modelo de sindicalismo pactista que era (é) o practicado polas centrais sindicais estatais.

A partires deste momento as organizacións sindicais como a CIG, que nunca renunciou ao sindicalismo reivindicativo e solidario, son as que están mellor preparadas para afrontar os tempos que nos veñen enriba.

A Clase Traballadora debe asumir que se quere mudar as cousas, se quere combater esta reforma con algunha garantía de éxito debe empezar a actuar de maneira conxunta. O que lle fagan a un ou a unha de nos fánnolo a todos e a todas; ese debe ser o noso ideario.

Había traballadores/as que até o momento preferían defender os seus dereitos poñendo a súa confianza na lei. Preferían o "Pacto Social". Conformábanse co que outros asinaban por eles nas mesas de negociación. Non acreditaban no conflito como instrumento na defensa e conquista de dereitos. Renegaban del e criminalizaban a CIG por facer deste o seu modelo sindical. Pois ben, este goberno golpista e mentireiro do PP, acaba de demostrarlle a que leva esa actitude mansa e conformista. Polo tanto, ou espabilan ou serán a súa primeira vítima.

A primeira proba de unidade de acción teremos a oportunidade de demostrala nos actos preparatorios e, sobor de todo, na Folga Xeral do vindeiro 29 de marzo.

Dicir que do éxito da folga van depender, e moito, o noso éxito futuro é unha obviedade. Así e todo, a Folga Xeral NON é un fin. É un medio para conseguir un fin. E, o fin último desta unidade de acción, debe ser a ELIMINACIÓN deste decreto, NUNCA a procura dunha negociación para "suavizalo". Se isto último ocorre, os que se conformen, abandonen e se senten a negociar cometerán, máis unha vez, unha traizón á Clase Traballadora.

A loita contra desta Reforma Laboral continuará despois do día 29 de marzo e debemos (temos) de ser perseverantes.

¡Ánimo! ¡Adiante coa CIG!. Podémolos parar.