Pescanosa

Era un principio e unha esperanza da que agora sabemos o fin

Vello acontecer con novos disfraces. Volve a repetirse unha historia de castros e castelos familiares, enviciados e ó final traizoados, romanizados e desmantelados. Envoltos nunha espiral tramada de trampas, onde non hai que deixarse durmir para non desaparecer do mapamundi. Debéramos ter sabido que o mar e a terra son camiños de  produción e  comercio. E deso, da produción de alimentos este país prehistórico está ben experimentado. Inventamos e acollemos técnicas para conservar e distribuír os alimentos, recursos que deixamos perder na desmemoria: secados, salgados, afumados, os escaveches ...as laceiras que tiñan os mosteiros e os señores nos montes para almacenar o lazo, o xeo para conservar... para finalmente, paiolos, deixarnos seducir por outros e consumir o dos demais. Historia embardelada  por nunha pésima planificación. Afogamos á galiña dos ovos de ouro. Deprecióusenos como man de obra barata, soamente validos para os riscos que non queiran facer outros: nas minas, sobre as estadas dos rañaceos, ó pe dos precipicios ou no fondos das foxas, sobre as plataformas nun mar convulso, nas trincheiras de vangarda, en Afganistán…E sempre a emigrar.        

A golpes  medraron as cidades, o Vigo do traballo, dos conserveiros, dos amadores, das consignatarias.... Portos afeitos a despedidas e chegadas. Concellos asimilados como barrios das novas urbes recibían a mozos que deixaban casa petrucial do rural para ser obreiros de empresas. Cara  Redondela, cara Bouzas e  Alcabre aparecían galpóns industriais que agrandaban o porto, a imaxe do “desanrrollismo” dos sesenta, os estaleiros de Barreras, Vulcano, Ascón.... O pintoresco Vigo, popular e mariñeiro, de dornas, bucetas, roupa e redes tendidas baixo os soportais caleados do Berbés, xunto co urbano e modernista muda a súa identidade en favor dos novos mitos. E velaí no mapa franquista de Galiza unha nova burguesía industrial con xermolos identitarios abortados: a explotación de canteiras no Porriño pola familia Ramilo, as Porcelanas Álvarez en Lavadores , as industrias Oural de Alvaro Gil e Zeltia nas mans dos Fernández... outras vinculadas ó motor e á automoción como a do ourensán Eduardo Barreiros, ou en Viveiro “Barro”, “Castro” en Vilagarcía, a tradición dos conserveiros pola beiramar das rías  “Massó”, “Escurís”, “Calvo”... os experimentos ourensáns de Franqueira co UTECO de polos e ovos... e iso si, por enriba de todos e dándolle a man á ditadura, Barrié e FENOSA, os encoros... As contaminantes de celulosas, aluminios, térmicas... propiciadas polo Goberno. Outra cousa eran as iniciativas cerámicas  aguilloadas por Isaac Díaz Pardo no Castro de Samoedo e Sargadelos.      

Así é que sumando saberes artesáns, mariñeiros, de pescadores, armadores e empresarios unha revolución desenvolveuse en Vigo: naceu M.A.R.,  axiña ensombrecida por PESCANOVA, empresa que sumou innovación, que asumiu a irmandade histórica con Portugal, para lanzarse polos mares do mundo na busca de novos caladoiros e chegar a ser das primeiras multinacionais de España, que experimenta técnicas pesqueiras, que busca novas capturas, que anova procesadoras do peixe,con conxeladoras no propio barco,con plantas acuícolas pola beiramar atlántica, para a cría do lagostino, da dourada, do rodaballo, da robaliza, do salmón, do ollomol, do congro, das algas... Entre os riscos da perda de rumbo, o desnorte ante o canto das sereas dos beneficios e o conseguinte fronte co ecoloxismo, con fracasos como o da planta acuícola de Mira en Portugal, apresurada alternativa á negada en Touriñán polo Goberno Galego do bipartito. Novas ofertas sobre o mostrador dos supermercados: muslitos, palitos, tronquitos, rollitos, crabis, pescaburguers... Todo o que supón cambios, riscos, novas tecnoloxías no transporte, novas inversións: acondicionamento de  barcos, de camións con furgóns conxeladores, paso xigante do artesanal ás industrias dos estaleiros, as carrozarías. Moitos mozos e familias hipotecáronse e mercaron a prazos un camión conxelador, multiplicouse a trama empresarial, con filiais polos portos e camiños do mundo, até crear tamén un corpo diplomático propio, ó marxe das lentas e barulleiras xestións burocráticas do Estado... E sempre axexante o espionaxe dos competidores e imitadores.          

Era un principio e unha esperanza da que agora sabemos o fin. Os promotores eran sagas de familias emprendedoras con iniciativas e ideas: Alvaro Gil, os Fernández, Valentín Paz Andrade... Nas vilas-balneario e nas praias aquela nova burguesía construía chalets ou rehabilitaba pazos para veraos de guateques, piscina e yate.        

Até entón negociábase con xeo, “a granel”, con aquelas barras que se picaban e repartían entre o peixe ... a experiencia deu de si e demostrárono os irmáns Fernández López en Frilugo e logo en Frigsa con  novas técnicas  industriais que os levaron  a probar en Vigo cos produtos do mar. Aquí súmase ó saber, a inquedanza  dun “bo e xeneroso” nacido ás causas da man de Castelao,  Valentín Paz Andade, economista e poeta, autor do ensaio  “Galicia como tarea” , como estrela na fronte  “unha Galiza dona do seu destino” e como praxe un xeito de manufacturado do pescado que leva ó liderado por aquí e máis alá, nos portos dos terceiros mundos, onde se pesca e nas urbes onde se vende. Envícianse e enrédanse as ideas, os fins, suceden os fillos e os netos, súmase a  “Business intelligence”, os yuppies , os broquers, esa fauna dos parqués e as poltronas,  pegados ás gráficas, ás subidas da Bolsa, a un maletín e a un mobil; e aínda os vendemotos, o márketing publicitario con “Rodolfo Langostino” e  o “Capitán Pescanova” , o  fin é entrar nos frigoríficos de  cada casa....penetran os intereses financeiros das Caixas e dos bancos, as políticas e conseguintemente as incontrolables mareas administrativas e burocráticas, as ameazas de absorción por parte de lobbys angloholandeses, canadienses, americanos... Velaí a colisión da industria no istmo do Cabo Vilán e por Lira, as plantas de cría de rodaballo e robaliza  da multinacional Stolt Sea Farm, a que cotiza en bolsa en Oslo.          

Abonda as parábolas mariñeiras extrapolables  ó acontecer  entre os peixes gordos desa centroeuropa que volve a un  Reich , a un imperio tutelar dunha periferia castrexa disminuida. Medran as deslealdades e traizóns dos  novos, dos que parecían fieis asociados. Féndese un esoterismo autoregulador , un apostolar consello de doce cadeiras, as dos irmáns Fernández Souza, as dos seus familiares, sobrecargando o carro dos triunfadores cos amigos dos días da opulencia. E acenderon as alarmas os seus últimos e díscolos accionistas, a luxemburguesa Luxempart e o grupo español Damm, os que parecen levar agora o temón cara fora.  O instinto animal  campa no panorama económico: os s voitres asexan. Difícil escudriñar na realidade das contas, na desigualdade dos soldos, nas axudas e contraprestacións da Banca, dos gobernos... Algúns analistas dentro dos tópicos da segregación  extrapolan  o mal goberno familiar e de amigos, a desbandada corporativa,  como de “Cortijo Andaluz” a “Pazo a la gallega”, nova e pexorativa nomenclatura para os que foron continentes ilustrados. Segue a caída do efecto dominó para desarmar identidades: a banca non avala, falta financiación para proxectos inacabados entre o“cazoleo”, as dobres contabilidades, un burato que se di duns 2.700 millóns de euros. Págana os máis débiles, 10.000 empregados no brete... E o sálvese quen poida, antes os propietarios foron vendendo títulos. Cirurxía sobre o capital,  fálase de plan B, busca de socios estranxeiros... Nun "toma e daca" a Xunta ábrelle as portas do sector naval vigués á mexicana PEMEX... Dificilmente  será “Cabo de Fartura/ o que soamente de esperanza fora”, escribía Valentín Paz Andade.