Pepe, volvín de Suíza para tributar

Pepe, volvín de Suíza para tributar
Podemos establecer distintos criterios sobre o que é legal ou non, tamén sobre o que moralmente é aceptable ou chegar mesmo a manexar palabras como usura ou parasitismo

Correron nestes días noticias polos medios de comunicación, non sei se para informar, meter medo ou dirixir as consecuencias, sobre as pensións cobradas por países fora do estado español. E podo confirmarvos que é certo, a axencia tributaria está destinando non sei cantos esforzos para localizar aquelas pensións que cobra xente que logo de crear uns recursos de traballo noutros países ten que ver como ese esforzo é compensado desta forma.

Podemos establecer distintos criterios sobre o que é legal ou non, tamén sobre o que moralmente é aceptable ou chegar mesmo a manexar palabras como usura ou parasitismo. As normas que hoxe rexen os condicionantes a hora da obrigatoriedade de presentar a declaración da renda son claramente lesivas para a clase traballadora en xeral ( lembremos que quen teña máis dun pagador durante o período fiscal en cernes non poderá pasar de 11.200 € de ingresos totais e que a suma do segundo e sucesivos pagadores non pode superar a cifra de 1.500 €, cifras claramente superables, co cal fai que esta norma de non ter obriga sexa un mero trámite de imaxe e redunda na febleza do sistema poñendo a disposición do fisco unha recadación á que … posiblemente non tivese dereito ) e en particular para o colectivo tan grande de xubilados que no seu día tivo que marchar ao estranxeiro a traballar, a buscar a vida que aquí se lles negaba (case poderíamos dicir que expulsados da miseria que había e naqueles tempos grazas a esa xente entrou algo de diñeiro para darlle un pequeno impulso a todos e todas ) e acabaron volvendo, moitos para montar pequenos negocios ou para traballar co que aprenderon e aquí aínda soaba a chino, outros simplemente foron percusores do desenvolvemento económico do pequeno comercio, da vida en xeral mediante as súas achegas económicas dende lonxe, sendo eles, exclusivamente os que correron o risco de marchar, de aprender novos idiomas, de pasar penurias porque aquí se lles negaba todo, eles que viron mundo hoxe son  novamente aldraxados.

Se quixeramos entrar polas cuestións éticas, morais e non legais, e redundando no dito anteriormente, a alguén lle pode coller na cabeza que sexa esta xente á que se lle quite o pouco que gaña? Podo asegurarvos, por experiencias reais nestes días de declaracións de renda que é unha sangría o que sucede coa xente xubilada. Pero aínda podemos preguntarnos máis cousas, como é posible que a xubilación poda ser considerada como dous pagadores e, polo tanto, entrar no ábaco anteriormente explicado? Sería lóxico que alguén que se pasou a vida traballando, fose onde fose, non tivese ningunha obriga máis co fisco, que xa aportaría o suficiente durante toda a súa vida e, en todo caso, baixo ningún criterio podería ser considerado como un segundo pagador aínda que sexa un organismo doutro país, ao que por certo, na maioría dos casos, lle teñen aplicado o seu correspondente gravame fiscal.              

Máis todo isto non é máis que unha pequena mostra de cómo se están a encamiñar os conceptos fiscais de cara ao futuro, a persecución é para a clase media e baixa, a clase alta segue a ser intocable, unha inalcanzable cúspide allea a todo isto. Resulta paradoxal que o 80% dos recursos dos inspectores e inspectoras de facenda vaia dirixido a este tipo de clases e só un 20% se destine ao estudo dos verdadeiros defraudadores, das sociedades e sociedades que enmascaran máis cantidade de diñeiro que todo o que podamos defraudar na nosa vida. Pero se escoitades as noticias destes días aínda resulta mais preocupante o futuro. Todos os camiños apuntan a un endurecemento das condicións económicas e sociais da xente normal, todo apunta a que pretenden abaratar aínda mais o despido, baixar os soldos, etc, o que fiscalmente significa ter máis empresas para as que traballamos e polo tanto coller esta norma dos dous ou máis pagadores, e …. as consecuencias xa as sabedes.

Non obstante, e sendo aínda máis pragmáticos, todo isto que a nós nos choca e non entendemos ( se non hai riqueza, soldos, estabilidade non hai consumo ) ao sistema dalle igual, en realidade baixando os soldos, abaratando os despidos, etc os grandes beneficiados son as grandes riquezas e o resto importámoslles ben pouco, así que non esperemos que esta relación tan simple que todos e todas pensamos sexa  o movemento que provoque a reacción. Ese só está nas nosas mans, teremos que ser nós e só nós os que nos INDIGNEMOS dunha vez.