Pacto social ou a ruína da reivindicación laboral

Pacto social ou a ruína da reivindicación laboral
Hai quen pode entender que renunciando a parte dos seus dereitos pode ser o menos malo

Nunha crise como a que estamos sufrindo e que, ao parecer, non ten antecedentes de tamaña magnitude e repercusión, hai quen pode entender que o mellor contribución para superar esta situación dramática pola que atravesan miles de mulleres e homes, nenos e vellos, é a de que "todos temos que contribuír cos sacrificios necesarios", pois o máis importante é a superación deste momento e logo xa viran tempos mellores.

Efectivamente, hai quen pode entender que renunciando a parte dos seus dereitos pode ser o menos malo e, polo tanto, mellor ter un traballo precario que non ter ningún. É o que intentan convencérmonos cos minitraballos argumentando que en Alemaña foron capaces de criar miles de empregos grazas a esta modalidade. Esquecese, quen así fala, que os galegos e galegas sabemos deste tipo de condicións laborais dende fai moito tempo pois, así e todo, tense incrementado o paro a cifras nunca antes acadadas. As políticas de austeridade centradas na contención salarial, na precariedade, na redución dos servizos públicos e do gasto social o único que provocan é maior recesión e incrementan as diferenzas sociais, facendo recaer as consecuencias naqueles sectores sociais máis débiles.

E é que dende fai tempo os poderes económicos veñen facendo un grande esforzo e teñen acadado unha grande capacidade, non so para influír nas decisións dos gobernantes senón, e sobre todo, nos distintos mecanismos que moldean o pensamento das persoas construíndo unha poderosa maquinaria de convencemento e logrando un control exhaustivo dos medios e dos procesos de información e adoutrinamento para que asumamos un maior esforzo e por iso é necesario un deterioro continuo dos salarios e das condicións de vida das clases traballadoras, insistindo en que non hai outra alternativa e que so así sairemos máis fortalecidos. Un exemplo do exposto é aquel grande estadista que dedicou os anos do seu goberno a convencernos de que "vivíamos no mellor dos mundos posíbeis" e acabou no consello de administración de Gas Natural.

Pois ben, esta reflexión ven a conto porque, nestes mesmos días, producíronse tres acontecementos que non deben pasar inadvertidos: a visita do presidente do Consello Europeo, Herman Van Rompuy, ao novo xefe do Estado Español; as propostas sobre políticas de emprego feitas polo comisario de emprego da Comisión Europea e a sinatura do "acordo de concertaçao social" asinado en Portugal entre o Goberno, a patronal e a central sindical minoritaria.

O primeiro veu a darlle unha chamada de atención ao presidente do Goberno do Estado manifestando que "é urxente a reforma laboral", traendo a colación os mandatos deixados pola misión do Fondo Monetario Internacional na súa visita de inspección en xuño do ano pasado como son a reforma da negociación colectiva, a eliminación da revisión salarial ou a creación de emprego precario para os máis xoves.

O segundo centrase en cobrar menos para manter o posto de traballo como receita para frear o desemprego, facendo especial fincapé nos minitraballos ou short-time working. E o terceiro, máis do mesmo; neste acordo de "concertaçao social" contemplase a prolongación e distribución irregular da xornada de traballo polo mesmo salario, a facilidade e o abaratamento do despedimento ou a redución do subsidio de desemprego como algúns dos aspectos máis destacados e mostran "os avances nos dereitos laborais derivados desta "revolução laboral" porque "aborda medidas de crescimento e emprego", como a define o secretário-geral da UGT, a única central sindical asinante.

Nin que dicir temos que o Partido Popular xa esta maos a obra e traballa nesa dirección como ten manifestado; o compromiso dilixente de Rajoy de aprobar a reforma laboral a mediados de febreiro, a introdución do sector privado na colocación de desempregados no canto de reformar os servizos públicos de emprego; a modificación da negociación colectiva, a eliminación da revisión salarial e prorroga indefinida dos convenios ou maior precariedade para os máis xoves son algúns dos contidos das novas medidas que van poñer en marcha. Vellas receitas xa experimentadas noutros lugares e o único que conseguiron foi un reparto tremendamente desequilibrado das consecuencias da crise prexudicando ás maiorías sociais, maior precariedade, o afondamento nas diferenzas sociais, maior marxinalidade en determinados segmentos da sociedade, o incremento do número de persoas por debaixo do umbral da pobreza, etc.

Aquel refrán de que "se miras as barbas do teu veciño afeitar, pon as túas a remollar" serve para ilustrar o panorama que nos agarda. Mais non houbo clase social ou pobo que, renunciando aos seus dereitos, acadara un estado de benestar acorde ás súas necesidades,  todo o contrario xa que os dereitos non se mendigan nen son unha concesión graciábel senón que se conquistan e defenden. Por iso un pacto social con este contido representa o aval á maior agresión aos dereitos dos traballadores e un retroceso social sen precedentes nas relacións laborais que incrementa a explotación, as desigualdades e o empobrecemento.