Os termos monte e forestal non son sinónimos

Os termos monte e forestal non son sinónimos
A política de montes de Partido Popular na Xunta de Galiza foi na pasado e no presente, só forestalista
              
A defensa que fan moitas comunidades de montes de que os termos monte e forestal non son sinónimos; de que o forestal é unicamente un aspecto do monte veciñal, non é unha teima, nin é unha cuestión de debate semántico. E unha cuestión política.                 

Considerar o monte veciñal como forestal, leva a facer unha política de montes somentes "forestalista", que vai en contra da política de montes que se precisa para acadar un monte veciñal de futuro (multifuncional e sustentábel). Considerar o monte como forestal, leva a apostar pola posta en valor dos montes veciñais para beneficio dos intereses económicos, especulativos e urbanísticos; en contra dos intereses da veciñanza comuneira e das maiorías sociais da nosa Nación. A política de montes de Partido Popular na Xunta de Galiza  foi na pasado e no presente, só forestalista.                  
Considerar os termos monte e forestal como sinónimos. É unha cuestión que ven de vello e de fora do País. A mediados do século XIX cursaron visita ao monte veciñal galego un grupo de enxeñeiros de montes saídos da flamante Escola de Villaviciosa de Odón na bisbarra de Madrid. Estes enxeñeiros de montes eran discípulos da "escola de montes alemana", considerada como a mais avanzada de Europa, nesta materia. Estes enxeñeiros de montes observaron como o monte veciñal galego estaba pouco forestado e consideráronos que eran ermos, desaproveitados e semi abandonados, na súa concepción forestalista.                    
De tal feito que, emitiron informes nos que afirmaban "os montes veciñais de Galiza, están pouco aproveitados, xa que unicamente son aproveitados para a obtención de toxos polos nativos das aldeas (nótese a linguaxe  imperialista-colonialista), que non escoitan as posibilidades produtivas da explotación forestal". Mal sabían estes enxeñeiros de montes "listos", que os "nativos das aldeas" sabían que o monte era o soporte do sistema agrogandeiro e del sacaban o toxo e os pastos necesarios para a súa supervivencia. Facían xa que logo, un aproveitamento do monte acorde coas súas necesidades.                        

Estes enxeñeiros de montes "forestalistas"  consideraban que era un desperdicio o monte que non se adicara a produción de madeira, avogando por unha repoboación forestal xeneralizada, masiva e uniforme. Afirmaban que o mellor destino do monte era a madeira e desprezaban os usos que os veciños facían dos montes. Esta escola "forestalista" deixou profundas raíces: a repoboación franquista e os políticos e técnicos do Partido Popular que dirixen e dirixiron as Consellarías competentes en materia de montes.                       

Só dende esta consideración forestalista do monte veciñal pódese entender a negativa da Xefe do Servizo de Montes da provincia de Pontevedra, a rexistrar o plano de xestión do monte veciñal da comunidade de montes de Teis, no concello de Vigo. Un plano de xestión aprobado pola veciñanza comuneira e xa que logo, acorde coas súas necesidades. Un plano de xestión que ao ser o monte veciñal de Teis, un monte periurbano, sen esquecer a produción de madeira, dálle prevaleza a función social e medioambiental. Negativa que se basea en que o plano de xestión do monte veciñal de Teis, non ten como principal actividade a produción de madeira. Negativa que mesmo contradí as leis que impoñen; xa que a lei de montes de Galiza, actualmente vixente, contempla a existencia dos montes veciñais periurbanos e considera a función social dos montes veciñais.                      

Esta postura "forestalista" do Xefe do Servizo de montes de Pontevedra  condenará a comunidade de Teis, a partir do ano 2019, a non poder vender madeira e a non poder ser beneficiaria de ningunha clase de axuda de carácter público. Fica claro que o debate monte versus forestal, non é unha teima de certas comunidades de montes, nen é un debate de tipo semántico. E unha cuestión política.