Os ricos, cada vez máis ricos

Os ricos, cada vez máis ricos
A construción dunha grande mentira como é a de que o incremento dos salarios e que estes lastran o investimento e a xeración de emprego

Anque sempre foi unha constante no mundo do traballo, é dende fai uns cantos anos a esta parte que estamos asistindo a un esforzo redobrado para convencernos de que é necesario reducir os salarios para poder crear máis emprego.

Sen ires a máis, o real decreto-lei 3/2012, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral é o último elo desta cadea que, baixo a escusa de poder crear emprego, profunda neste camiño e asegura o desmantelamento da negociación colectiva como instrumento vital para garantir unhas mínimas condicións de traballo dignas.

Efectivamente este real decreto-lei garante o descolgue do convenio colectivo en vigor esencialmente por razóns económicas e, a súa vez, dálle prioridade ao convenio de empresa e regula o que chaman ultractividade dos convenios colectivos. Esta medida, acompañada doutras contempladas neste RDL, persigue como obxectivo principal a rebaixa das condicións salariais e de traballo establecidas como mínimas no convenio que ata o de agora aplicaban na empresa.Pero ímonos centrar nos salarios e o argumento persistente da necesidade de baixalos para poder competir mellor e crear emprego. A esta ofensiva da patronal, sumáronse diversas entidades como son o Banco de España, a Comisión Europea, o Banco Mundial ou o Foro Monetario internacional, acusando que son os salarios os causantes do incremento do desemprego e, como non, os que causaron o déficit público. Vaiamos por partes:

- Segundo as entidades antes nomeadas, a rixidez na formación e o incremento dos salarios obriga a axustar os gastos das empresas recortando emprego. Si analizamos os datos da táboa seguinte chegaremos á conclusión que non é certo, inclusive houbo anos nos que a suba estivo por debaixo do IPC.

E dado que existen grandes diferencias entre os salarios que perciben os traballadores e traballadoras e entre estes e o persoal de alta dirección; que os primeiros en perder o emprego, dun xeito brutal, foron as persoas eventuais e nos sectores con man de obra máis barata e que a participación dos salarios nas rendas ven caendo dun xeito ininterrumpido dende fai moitos anos, como o demostran que no ano 2000 as retribucións das persoas asalariadas pesaban o 49,5% do PIB e os excedentes empresariais o 40,5%, e no ano 2010 os salarios representan o 47,9% e os beneficios o 43,4%, reducíndose a diferencia ao 50%, concluímos que hai unha perda acusada na capacidade dos salarios fronte a un crecemento dos beneficios empresariais que non foron capaces de xerar máis investimento para mellorar a productividade e, polo tanto, a competitividade.

- Mención aparte merece o capitulo da tributación fiscal tanto das rendas de traballo como do imposto de sociedades, ou o IVE e os impostos especiais dos que hai que destacar os relacionados cos hidrocarburos ou a electricidade. En definitiva, hai un incremento constante da tributación polas rendas do traballo, so amortecido polo incremento desmesurado do desemprego, unha caída do imposto de sociedades e unha repercusión do IVE no consumo global, o que ven a representar unha carga dos tributos fiscais inxusta recaendo unha maior carga impositiva nos que menos teñen.

- A construción dunha grande mentira como é a de que o incremento dos salarios e que estes lastran o investimento e a xeración de emprego queda constatada tamén se analizamos os datos das sociedades non financeiras colaboradoras coa central de balances do Banco de España, e que queda reflectido no seguinte cadro:

Desprendéndose os seguintes resultados:

1.- Hai unha diminución da renda disponibel o que reduce a capacidade para o investimento e a creación de emprego.
2.- Esta situación é producto dun incremento no reparto de dividendos mentres baixan os beneficios.
3.- Prodúcese unha caída apreciábel no imposto sobre beneficios.
4.- A conclusión é que, na maior intensidade da crise, hai unha maior apropiación da riqueza xerada por parte do empresariado mantendo, ao mesmo tempo, unha contribución fiscal á baixa.

Os anteriores datos e conclusións demostran que é unha autentica falacia que a baixada de salarios faga máis competitivas as empresas e vaia crear emprego, máis ben todo o contrario; o que hai é un ataque sistemático ás rendas do traballo para apropiarse dunha parte cada vez maior das mesmas en beneficio de quen amasan fortunas e son os verdadeiros responsábeis desta crise, utilizando as necesidades das persoas para aumentar o precipicio da pobreza que divide e segmenta á sociedade, desmantelando os servizos públicos e o estado do benestar, pero tamén ao propio estado como instrumento ao servizo das maiorías sociais, da redistribución da riqueza e da eliminación das desigualdades sociais. A estes e aos seus valedores políticos compre darlles unha contestación e temos unha magnifica oportunidade para demostralo coa convocatoria de folga xeral para o próximo 29 de marzo. De nos depende.