Os Grupos de Desenvolvemento Rural deben (debemos) dar resposta

Os Grupos de Desenvolvemento Rural deben (debemos) dar resposta
A Comisión Europea de Agricultura vén de devolver o Programa de Desenvolvemento Rural (2014/2020), presentado pola Consellaría de Medio Rural e do Mar

A Comisión Europea de Agricultura vén de devolver o Programa de Desenvolvemento Rural (2014/2020), presentado pola Consellaría de Medio Rural e do Mar. Os argumentos para esta devolución son tanto do xeito de elaboralo como do seu contido. Entre os argumentos do xeito de elaboralo podemos citar que a Consellaría do Medio Rural e do Mar:

- Non informou dos criterios polos que se seleccionaron os membros do chamado Comité de Seguimento (unha especie de consello consultivo).
- Non contemplou a divulgación oportuna, nin o acceso a información relevante, nin o tempo para que os socios puideran analizar e comentar os documentos preparatorios, nin as canles dispoñíbeis para facer a preguntas, nin cales das súas observacións se tiveron en conta.
- Non acompañou a lista dos axentes sectoriais e territoriais que participaron na elaboración do Programa.
- Non incluíu a lista de actividades futuras nas que deben participar os interlocutores sociais para, tras a aprobación do Programa, mellorar a súa execución.  

A Comisión Europea de Agricultura deixa claro que o xeito de elaborar o Programa de Desenvolvemento Rural (2014/2020) por parte da Consellaría do Medio Rural e do Mar foi totalmente antidemocrático. Cousa que non nos pode estrañar xa que a falla de democracia é un sinal de identidade do Partido Popular.  

No que fai respecto aos contidos, a Comisión Europea esíxelle a Consellaría do Medio Rural e do Mar que explique porque:
- Considera as plantacións de eucaliptos como plantacións de grande valor natural.
- Sitúa as diversas administracións públicas como principais beneficiarios das axudas.
- Permite que as especies de crecemento rápido sexan a base dos cultivos enerxéticos.
- Chama restauración dos hábitats o que son simplemente forestacións encubertas.
- Conta soamente con criterios económicos para a priorización das axudas.         

É dicir, a Comisión Europea lánzalle un torpedo á liña de flotación da política forestal (que non de montes) da Consellaría do Medio Rural e do Mar que non é outra que forestar o monte con especies de crecemento rápido e encher o monte de cultivos enerxéticos. Ademais de racharlle o obxectivo que tiña de que os cartos para o desenvolvemento rural serviran, non para pór a este en valor, senón para pagar as débedas das diversas administracións públicas (sobor de todo os concellos), e descubrirlle a pintura verde coa que quer tapar as agresións ao medio.  

Outra das razóns porque a Comisión Europea de Agricultura devolve o Programa de Desenvolvemento Rural (2014/2020) é porque non dá alternativas ao problema da mobilidade da terra. É dicir, superficie para as explotacións agrogandeiras e concentración para os montes de particulares. Esta razón chama a atención polo feito de que Galiza xa contaba coas ferramentas para afrontar estas dúas problemáticas: o Banco de Terras para as primeiras e as Unidades de Xestión Forestal para a segundas (ambas promulgadas pola Consellaría do Medio Rural do goberno bipartito, dirixida politicamente polo BNG). Que fixo o Partido Popular con estas dúas ferramentas? Pois, nin máis nin menos que inutilizar a primeira (Banco de Terras) e eliminar a segunda (Unidades de Xestión Forestal). Ademais de que a actual Consellaría do Medio Rural e do Mar, a respecto da Consellaría do Medio Rural do goberno bipartito, reduciu en 302 millóns de euros o orzamento do Programa de Desenvolvemento Rural.

Que significa a devolución do Programa de Desenvolvemento Rural (2014/2020)? Significa, na práctica, que até ben entrado o ano 2016 non se poderá pór en marcha o Programa. Non se poderán abrir as liñas de axudas coas conseguintes consecuencias negativas para o rural galego. E todo isto por unha xestión antidemocrática e impresentábel da Consellaría do Medio Rural e do Mar.  

Os Grupos de Desenvolvemento Rural son a estruturación territorial para levar adiante o Programa de Desenvolvemento Rural. Están conformados por representantes institucionais, sectoriais e axentes territoriais. Ante esta actuación da Consellaría non poden permanecer calados. As súas asembleas xerais deben debater esta cuestión. Manifestarse e tomar acordos. Se cadra un dos acordos que poden tomar é solicitar a dimisión dos e das máximas responsábeis desta actuación antidemocrática e impresentábel de Consellaría do Medio Rural e do Mar. É dicir, da Señora Conselleira e do Señor Director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.