Os euroburócratas erran de novo

Os euroburócratas erran de novo
Con estes vimbios non é estraño que cantos máis bancos rescatan, máis se pregunte a xente si están seguros os seus aforros nos bancos

Dende fai dous anos houbo voces que advertían da posibilidade dun “corraliño” nos países do sur de Europa, tanto como consecuencia das decisión políticas que puidera tomar a Unión Europea ante persistencia da crise económica e do euro e dada a gravidade da crise no sistema financeiro europeo. O que está pasando aquí en relación a débeda subordinada, ou o recente caso de Chipre son un claro exemplo de que aquelas voces, tachadas de inconscientes, eran atinadas.                          
A actuación das autoridades europeas durante os días cruciais da crise da banca chipriota (que non de Chipre) son un claro exemplo da ineficacia máis absoluta e do desgoberno que provoca afastar da cidadanía e dos pobos a toma de decisións. A burocracia europea, idiotizada polo fanatismo neoliberal e entregada aos grandes grupos económicos de presión, é hoxe un cancro para a democracia, pero ademais é un perigo para a economía.                          

Resulta incrible que cando Europa pon inxentes cantidades de diñeiro público para salvar bancos, acompañe esas inxeccións cunha actuación opaca, ambigua, e de desprezo absoluto as sociedades, que provoca máis problemas dos que resolve. Pensan, eses iletrados, que a materia prima do sector financeiro é o diñeiro, unha verdade a medias, a materia prima é a confianza. As persoas que depositan o diñeiro nunha Entidade teñen que estar seguros de que o seu diñeiro estará garantido e a salvo.                            

É por iso que malia ter inmolado inxentes recursos públicos para “sanear bancos” espoliando ás sociedades, os rescates non tiveron o efecto agardado. Por moito que digan, que os bancos chipriotas están máis saneados despois do rescate, a desconfianza sementada fai que hoxe estean en maior risco que fai dous meses. A pescada que morde a cola.                        

O plan de rescate da banca chipriota demostrou que é posible un “corraliño” en calquera parte a Europa e unha quita xeneralizada dos depósitos bancarios. Con estes vimbios non é estraño que cantos máis bancos rescatan, máis se pregunte a xente si están seguros os seus aforros nos bancos.