Os EREs chegan ás administracións públicas

Os EREs chegan ás administracións públicas
A administración galega é a primeira, e única, que a día de hoxe optou por esta vía nunha empresa pública

Nos últimos anos e poñendo coma desculpa  a crise económica, os expedientes de regulación de emprego (EREs) constitúen un instrumento comunmente utilizado no sector privado, pero agora empezan a invadir o espazo público e rompen o principio básico de que as administracións públicas non desenvolven ningún tipo de negocio, que están para atender intereses xerais a través da prestación de servizos públicos, obrigatorios por lei, e nos que ten que primar o criterio de calidade e as condicións laborais de quen os presta.

Co tratamento que se lle está a empezar a dar a administración pública, no tema dos EREs, pretenden poñela ó mesmo nivel no que está actualmente  unha empresa que está sometida as leis do mercado e que se encontra comprometida a súa viabilidade por razóns de posición competitiva. Os recursos das administracións públicas non dependen do mercado, nin os seus problemas responden a falla de competitividade. Os problemas da "viabilidade" das administracións públicas vai máis ala do deseño dun plan global que permita unha mellora dos ingresos e un maior e máis eficaz control do gasto público.

O ERE aprobado pola Consellaría de Traballo de aplicación en SEAGA (Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos) supón un feito histórico no ámbito das administracións públicas. É  o primeiro caso, e único en Galiza e no Estado no que unha administración, neste caso a galega, fai un ERE nunha empresa adscrita a un departamento administrativo. Así o caso SEAGA se finalmente chega o seu fin (na actualidade atópase recorrido) pode converterse no detonante dunha cascada de EREs en todas as administracións.

O expediente que inicialmente afectaba a 47 traballadores/as, foi ampliado por Seaga pasando a afectar a 114 traballadores/as, afectando á totalidade do cadro de persoal, o que en realidade supuxo a utilización do ERE como vía encuberta para proceder o despido destes traballadores/as e proceder a un peche patronal, non a unha regulación de emprego.

Deste xeito, a empresa pública SEAGA presentou o ERE e a Consellaría de Traballo doulle o visto bo, convertendo a Galiza na primeira comunidade que aplica un expediente de regulación a unha empresa pública autonómica. Non ten xustificación, nin cabe este ERE no que a Xunta de Galiza actúa como xuíz e parte.

En todo caso, e até que a Xustiza teña a última palabra, a vía da regulación de emprego a través de ERE está aberta na administración galega. A realidade é que a Xunta xa dou o primeiro paso co visto bo o ERE de SEAGA. O caso non está pechado e a pelexa continua nos tribunais, pero se segue o seu curso poderá ser referente para outros moitos.

Se ben a administración galega é a primeira, e única, que a día de hoxe optou por esta vía nunha empresa pública, a nivel de administración local téñense rexistrado casos, que se materializaron en ERE, en dous concellos andaluces e un en Madrid.

O Ministerio de Traballo do goberno español, ten remitido informe preceptivo que no seu día enviou ao concello de Fuente de Saz, en Madrid, en relación a un ERE nese Concello, no que claramente argumenta que o concello como administración pública que é, non pode acollerse a unha "medida limitada a actividade empresarial ou entidades que perseguen a obtención dun lucro". Este informe do Ministerio manifesta claramente que as administracións públicas non poden facer EREs, máis esta argumentación non deixa de ser máis que unha opinión non vinculante, xa que a decisión final e última corresponde a autoridade laboral da comunidade autónoma, salvo que os centros de traballo se encontrasen en varias autonomías.

En todo caso, así están as cousas. A realidade é que se fixeron EREs en  dous concellos andaluces e un en Madrid e que SEAGA é a primeira empresa pública na que se fai un ERE.

Non se pode permitir que, a parte dos moitos EREs encubertos que xa se están a facer nas administracións públicas (cesamento de contratos laborais temporais, amortización de prazas  vacantes, cesamentos de  persoal interino , taxa de reposición do 10%... etc), se empecen a producir con total descaro estas estafas e fraudes dentro da propia administración que sen ningún pudor eliminan prestacións de servizos públicos básicos e necesarios.