O vento que zoa

No horizonte aparece o debuxo dun neofeudalismo

Por fin o verán presentouse nesta segunda quincena de agosto: calor, praias cheas, festas, gastronomía e, sempre, este vento alborotado. Intriga a “bolsa” con caídas e alertan os movementos das multitudes. Eu, estes días, na aba do Monte Alegre, vexo un Ourense inquedo e chamuscado. Quero convencerme: un final do neoliberalismo-unha das fases salvaxes do capitalismo! Tamén un final  do capitalismo? Hai suficiente literatura finalista; hai outra continuista. Historiadores do “Sistema-mundo” comezaron por predicir a volta do ciclo capitalista neoliberal a un neokeynesianismo ou tamén a unha forma socialdemócrata. Immanuel Wallerstein -un significado  deses historiadores- anda agora preocupado. Defende a caída do neoliberalismo á outra estrutura inda ignota, fóra do capitalismo. Ante o “kaos” denunciado por Wallerstein, analistas segundo os ciclos Kondratiev vén a situación económica mundial na metade dun ciclo de crecemento duns 10 anos máis. Pensan que a crise é superábel. Como? No horizonte aparece o debuxo dun neofeudalismo. A nobreza -os señores das finanzas- anda a pactar. Coinciden na humillación da xente do común. Eles que proceden da gran burguesía, aquela que asasinou a Marat (13-VII- 1893), que devorou os sanscullottes, logo de utilizalos para derrocar o Antigo Réxime, agora dominan o cosmos nun teatro evocador da era dos cabaleiros golfíns. Sería terríbel o rol deste sector ou casta na transición do neoliberalismo a outras modalidades capitalistas. Mais zoan, igualmente, outros ventos: os do países emerxentes, o de economistas innovadores, os dun neosocialismo. Desde estes tres pode que a “nova burgonobreza” sexa derrotada e civilizada ou cautiva. Se China, Brasil, etc contan con medios e con persoal de recambio hexemónico mundial e eluden o poder de USA, é posíbel a saída do cerco económico da “burgonobreza” das finanzas. Podería emerxer unha vía, unha estrutura nova xa neste decenio “kondratiev” fóra do poder dos burgonobres...

Europa está a moverse na liña da finanzarización. Está a ser dirixida polo Parlamento, a Comisión e tantas institucións supeditadas á banca. Non acertan. Levan ao caos e á miseria. A UE podería moverse con Rusia, cos países meditarráneos, etc. para saír desta circunstancia de crise e ousar abriren fiestras na solución ecolóxica, climática e de eliminación deste neoliberalismo desenfreado. Aí quedan aludidos diversos ventos a zoaren. Xoguemos a carta cos ollos tapados: o decenio ten sinais negros. Ruxe a tempestade... Por moitas  cavilacións que os mass media suxiran -en sumisión aos seus propietarios-, por diversas que sexan as opinión dos científicos, por arriguizos a sufriren tantos maltratados pola crise, a esperanza de sair é un cravo ardente... "Soñemos, alma, soñemos". Hai economistas firmes nas propostas de superación do capitalismo, na defensa clara de modificacións do sistema contraria ás de Bruxelas. Saídas diversas. Termos luvas de amarre a ese cravo ardente.