O vento dos montes é noso?

O vento dos montes é noso?
O recurso eólico volve ser couto pechado de intereses alleos ao país

A existencia de recursos naturais dispoñíbeis nunha nación é un moi positivo punto de partida para o seu desenvolvemento económico. Pero non basta con iso, a forma e condicións en que se produce a explotación deses bens é determinante para que unha sociedade poida realmente beneficiarse das riquezas que se producen no seu chan. En especial, as materias primas escasas ou de alto valor, e dentro delas as fontes de enerxía primarias, eríxense como elementos clave para a formación económica de cada momento histórico. De aí a tradicional importancia do control dos recursos por parte dos diferentes países e a continua tensión que se produce, nos seus estremos, entre o colonialismo e as forzas que desexan poñer os recursos a disposición das maiorías sociais dun país.

Tradicionalmente a falla de capacidade de decidir exemplifica por que un país rico en recursos como Galiza non foi quen de favorecer un desenvolvemento económico e social acorde con eles. A continua extraversión das nosas riquezas naturais beneficiou minorías intermediarias e outras zonas do Estado, pero non deixou apenas rastro aquí, a non ser as consecuencias máis negativas dunha explotación irracional e espoliadora. Isto púidose verificar hai moitos lustros coa nosa pedra, cos nosos ríos, coas nosas minas de lignito ou con outras extraccións de materiais que, alén dos salarios e subprodutos residuais, pouco nos favoreceron colectivamente. Para remitirnos a un exemplo ben gráfico: marchou para fóra o carbón e a electricidade conseguinte, e no canto temos... un oco de mina, aire, nada, alí desapareceu o país fisicamente.

Agora, un novo recurso que nas últimas dúas décadas se está podendo explotar de xeito masivo e industrial repite o mesmo esquema pois Galiza non variou sensibelmente a súa posición e posibilidades de desenvolvemento autocentrado. O colonialismo eólico instalouse como antes o fixera con outras producións. En que nos podemos basear para afirmarmos ou rexeitarmos isto? Como medir se o vento producido nos nosos montes beneficia aos galegos e galegas? Para valoralo hai tres factores principais a atender: como afecta aos propietarios do recurso, como inflúe no medio ambiente, e como beneficia económica e socialmente ao conxunto de cidadáns e cidadás.

Os propietarios/as

O vento de maior calidade, o realmente explotábel prodúcese na súa inmensa maior parte nos cumios das serras galegas. Tamén na súa inmensa maioría eses terreos son propiedade veciñal, do conxunto dos veciños e veciñas das parroquias e lugares espallados por toda a nación. As Comunidades de Montes deberan poder decidir sobre as condicións de explotación dese recurso no seu monte, compatibilizándoo con outros usos. Non esquezamos que os montes están declarados legalmente de interese social polos beneficios de todo tipo que achegan (económicos, ambientais, de lecer) e só unha utilidade pública ou interese social de maiores proporcións pode relegar esa posición destacada. En calquera caso, as Comunidades de Montes deberan estar capacitadas para condicionar como, cando e para que se vai explotar o vento e, de ser o caso, beneficiar os veciños desas zonas rurais coas riquezas que se producen nelas. Os decretos de 1995 e 2001 dos Gobernos Fraga relegaban os montes veciñais a simples escenario da depredación dos grupos empresariais amigos, todos alleos a Galiza, onde nin sequera pagan os seus impostos. As empresas nin se molestaban en convocar os representantes dos veciños e veciñas: o Consello da Xunta declaraba o acto de prevalencia da instalación eólica sobre o interese social do monte, e vento! Coa Consellaría de Innovación e Industria e o decreto 242/07 as Comunidades de Montes eran escoitadas, non se producían declaracións de prevalencia sobre o monte cando non había acordo cos veciños e as empresas tiñan que aumentar bastante as súas ofertas se querían comezar a negociar a dispoñibilidade dos montes. Existía a capacidade de decisión sobre o destino a dar aos montes e, derivado diso, capacidade de negociación, como ben se comprobou co anterior concurso eólico de 2008-2009. Asistimos agora a unha volta ao pasado: a Lei 8/2009 tíralle calquera posibilidade de manobra ás Comunidades, que na práctica se ven imposibilitadas de decidir sobre os seus montes. Nun segundo momento, e con intención moito máis ampla que a cuestión eólica, o PP prepara a sanción legal dun modelo privatizador dos montes onde todo sexa posíbel, agás un desenvolvemento racional, equilibrado social e ambientalmente e acorde coa identidade territorial do país. En resume, volvemos a un modelo que non ten en conta nin beneficia aos lexítimos propietarios dos montes.

O ambiente

Por outra banda, a explotación eólica da época Fraga foi un auténtico desastre para o ambiente natural. O goberno e as empresas repartiron as serras galegas con potencial enerxético -case todas- e non só esqueceron a afección ambiental, senón que tiveron bastante interese en pasar por riba de calquera figura de protección existente, incluídas aquelas establecidas por eles mesmos. Houbo casos, como por exemplo nas Fragas do Eume, onde se xustificou que varios muíños eólicos se instalasen dentro do Parque Natural creado uns anos antes. A Consellaría de Innovación e Industria de orientación nacionalista durante os anos 2006-2009 foi quen de establecer a máxima compatibilidade entre a explotación eólica e a preservación natural, entre outras medidas co exclusión das zonas de Rede Natura que, se non eran máis extensas debeuse ao desleixo (o punto libertario seguramente que tanto encanta o portavoz parlamentar do PSOE) de quen tiña a responsabilidade de decidir en materia ambiental. Co Goberno Feixóo voltamos aos escuros inicios: nin se amplía a Rede Natura nin será incompatíbel cos muíños de vento. En definitiva, a natureza galega fica de novo aos pés das empresas que han crucificar todo o país, goberne quen gobernar.

Beneficio para Galiza

En terceiro lugar o desenvolvemento dunha industria eólica xurdida arredor dun recurso propio debera xerar importantes beneficios económicos aos conxunto da sociedade galega. Os decretos eólicos de Fraga recaeron nun 90% empresas foráneas, que estiveron moi lonxe de deixar auténtica riqueza, nin nas zonas de produción nin noutras áreas. O modelo de depredación colonial amosábase diáfano, sen estridencias nin disimulos. A seguir a 2006 o nacionalismo con responsabilidades na materia construíu un modelo legal e económico que permitía conectar a explotación eólica coa creación dun sector industrial forte nese ámbito e que implicaba aos promotores noutros sectores clave para Galiza. Así se demostrou no concurso do ano 2008, que a maiores incluía a participación pública como garante de compromiso co país e coa extensión ao conxunto da sociedade galega dos beneficios económicos dos parques eólicos. Malia a súa legalidade, o novo Goberno Feixóo deixou as cousas como estaban con Fraga. Non hai máis que ver quen son os beneficiarios, cales os seus compromisos co país e as condicións en que se produciu o actual reparto eólico. As dúbidas legais, o escurantismo, a negociación baixo corda e os grandes intereses de sempre é o que salienta da Resolución dos anteproxectos eólicos publicada hai uns días no DOG (28 de decembro de 2010). A maiores a Xunta admitiu que a maioría dos plans industriais asociados a parques eólicos quedasen sen efecto na práctica e sen obriga por parte das empresas de desenvolvelos, reducindo os investimentos en activos e os compromisos de creación de emprego, ou incluso renunciando as empresas a eles como se pode comprobar na citada resolución. Polo tanto, a sociedade galega non vai poder beneficiarse dos seus recursos eólicos nin vai ver como se crean empresas e industrias asociadas aos parques eólicos que inzarán o país enteiro.

Outra volta un recurso propio dos galegos e galegas, unha riqueza clave para un país como é a enerxía da que dispomos non vai valer para o noso desenvolvemento, para o noso beneficio conxunto. Mais unha vez perdemos o vento dos nosos montes sen poder aseguralo.