O sagrado dereito a roubar e matar

O sagrado dereito a roubar e matar
Roubar e matar está prohibido e penado en todos os códigos relixiosos e xurídicos pero, polo xeral, só se aplica cando llo fan os pobres aos ricos


É practicamente imposíbel chegar a rico e poderoso si non se cumpren estes dous sagrados principios. Os imperios, e o actual tamén, fundaméntanse nestas dúas inhumanas prácticas. Máis aínda, os saqueos e masacres que se están a realizar agora mesmo por boa parte do planeta fanse en nome de “Deus” e para “liberar” aos pobos de “satánicos tiranos”. Si volvese a Inquisición reclamaría a Sociedade de Autores por copiarlle os seus descubrimentos.                  

Unha ollada simple a como actúa cos pobos e grupos sociais o actual imperio da OTAN capitaneado polos exércitos e servizos de desestabilización máis perfeccionados que nunca houbo, amósanos como a aplicación sen escrúpulo deses dous mandamentos permite a uns poucos ordenar o mundo ao seu antollo o mesmo que o seu deus ordenou disque o universo fai moitos anos.                    

Estes poucos privilexiados  – nos que están incluídos os xefes relixiosos – dan grazas a Deus tódolos días porque os elixiu para este cometido de roubar e matar, tarefa a que eles chaman a construción do “Novo Orde Mundial”, e que polo visto xa é case tan vello como a humanidade.                    

Comecemos polos casos máis frescos:                  

 -Retirada da esmola dos catro centos euros as familias que xa están so co día e a noite: Antes incluso do capitalismo estaba permitido vivir das esmolas, estes ladróns fanáticos actuais nin se quer queren permitir que dos aforros dos que traballan se lles de esmola aos desafiuzados. Primeiro demonízanos tratándoos de vagos e ladróns de subvencións e logo queren condenalos a saír a praza pública ou a poxa clandestina  ofrecendo aquelas enerxías ou partes dos seus corpos que os ladróns do capital atopen substanciosas.              

-Atraso da idade de xubilación:              

O atraso na idade de xubilación é unha apropiación violenta dun apoio económico que lle dan os que traballan aos que xa traballaron e que tamén aportaron cando eran máis novos, pero que os ladróns de luva branca queren roubar para obrigar aos vellos a morrer pagando unha pensión que nunca gozarán. O dereito a gozar tamén está reservado aos citados ladróns. Son tan cleptómanos e tan enfermos mentais que tan se quer se decatan que postos a quitarlles a pelexa e o sangue daban máis de comer os novos e as novas. A ningún capitalista dos de antes se lle escapa que unha persoa no mellor da vida e con formación da moito rendemento laboral e aínda lle sobra para cotizar para un vello. Ademais tamén podían subir as cotizacións e non atrasar a xubilación, ou incluso baixar algo as xubilacións. Xa non digamos si quixeran aportar algo do moito que están quitando fora dise país que chaman España e do que se senten tan patriotas; entón subiríannos as pensións e teríamos que ir de vacacións a maioría dos galegos e galegas, cousa que hoxe non acontece.            

-O saqueo dos petos públicos e particulares por parte dos GRANDES BANQUEIROS, chamados mercados.                  
Caso de BANKIA: foi un dos poucos casos en que os bombardeiros mediáticos non fixeron renderse as vítimas, por varias razóns moi sinxelas; porque se fixo un grandísimo atraco e non aparecía un so atracador, e cando apareceu dixo que el era un de tantos e que xa avisara, e, o peor de todo; que nos fixeron cargar a todos e todas os que traballamos co morto.                  

Caso das prestacións complementarias e preferentes: Un acto firme e contundente de aplicación do mandamento de roubar realizado con toda a profesionalidade e mala fe que require tal acción. No momento en que os ladróns de luva branca se decataron de que levaban moito tempo intercambiándose papeliños e documentos co nome de diñeiro que eran tan falsos ou mais que os que fan os falsificadores e de que o lavado do diñeiro da delincuencia xa xerara un lixo (“diñeiro lixo”) que atufaba aos propios fabricantes de tal merda, decatáronse de que existían aforradores –moitos e moitas de Galiza- co hábito cultural e humana de gardar dos risos para os choros e ter uns aforriños para apuros da familia. Atoparon a vítima ideal. Nin aos cazadores se lles permite matar ao paxaro no chan, mais estes depredadores levan nos xenes o instinto de roubar e matar. 100.000 familias galegas foron estafadas e roubadas con total impunidade. Moitos deles eran afervoados crentes da fe nos ricos,nos negociantes e no PP. Pensaban moitos – a min téñenmo dito- que cando gañase o PP íase mover o diñeiro. E abofé que acertaron, moveuse dende as súas cartillas de aforro cara o estranxeiro e cara os paraísos fiscais. Os practicantes da relixión dos ladróns aplican o vello dito popular de que “hai que foder aos amigos que os outros non se deixan”.                    

Pero fagámoslle agora a proba do algodón que se lle pode facer a cal queira delincuente. Apliquémoslle unha pequena dose do seu medicamento: Retirémoslle dunha área comercial, as que se lles permite saltar tódalas leis e acumular beneficios a conta de consumidores e empregados tódolos días do ano facéndolles a lei de encarga, simplemente un pequeno tributo para alimentar a desafiuzados polos ladróns. A proba non fallou: Roubar, estafar, arruinar aos cidadáns, afundir o Estado e as Comunidades Autónomas é un mandamento obrigatorio si o fan os ladróns con “pedigree” si o fai a xente necesitada é  roubo con violencia e condena preventiva de prisión decretada por tódolos medios de comunicación. O pobo ten tamén un dito para estes casos pero non deixa de ser un acto de boa fe inda que inútil. “O que rouba a un ladrón ten cen anos de perdón”. O pobo sempre foi moi inxenuo; aos ladróns de verdade non hai quen os roube, eles mesmos convencen a xente de que os seus roubos son un grande beneficio para todos/as e que os chupábeis somos os roubados por avarentos e “querer vivir por enriba das nosas posibilidades”. Escoiten a Rajoy cando nos ameaza tódolos venres coa fin do mundo ou a Feijóo dicindo: “Estamos mellorando”. E ten razón, os da súa seita están mellorando... Ou sexa que: “SI VOSTEDE QUERE SER RICO POÑA A UN PEPERO NA SÚA CONTA, E SE QUERE SER ROUBADO TAMÉN”. Como dixo aquel que metía un billete de 100 € por debaixo da porta do banco, “os cartos chaman aos cartos”. E cando viu que se marchara para dentro tivo que vir un veciño explicarlle outra das normas dos ladróns. “Son os moitos aos poucos”...                

Poderíamos falar moitas cousas de como aquí en Galiza non só nos rouban os cartos si non de como nos rouban o propio País e están desfacendo o pouco que nos queda, pero a realidade obrigaranos a xuntarnos para defendernos destas pragas depredadoras distes poucos, pero famentos ladróns, que non teñen pensado pasar pola cadea. Moi ao contrario do que pensa moita xente os ladróns de verdade están todos soltos e son ben considerados. Estes non matan a xente cun coitelo, mátana cun ordenador e a distancia e non nos damos conta da cantidade de vidas que están segando.                    

Para poñer uns pequenos exemplos do ben que cumpren os devotos do becerro de ouro o mandamento de matar chega con dous comentarios escoitados fai catro días nos medios de comunicación:                  

Nun caso trátase de Santiago Segura facendo referencia a vellos actores norteamericanos que fumaban con toda fachenda nas súas películas. “Agora non se pode fumar porque é dar mal exemplo, non sei porque se pode matar e tirar bombas.” A continuación tamén aconsellaba non fumar.                  

Un locutor de Radio 5 lamentábase da pouca presa de EE.UU. por non ter invadido xa Siria como se fixera en Libia e que a VI flota tiña que ter invadido  Siria. Para el a súa proposta era a lóxica, a natural e a normal. Non buscou argumentacións nin se quer xustificacións. Este señor defendía sen ningún tipo de complexos que cando o Imperio da OTAN que mangonea Israel, EE.UU. e algúns mais decide que ten que matar o normal e cumprir ese mandamento.                

Soamente unha vez, na segunda invasión de Iraque, en Europa sectores da socialdemocracia alertaron a cidadanía de que non se podía trocar sangue por petróleo. Dende aquela tódolos anos os discípulos, disque dos mandatos das táboas da lei de Moisés, quédanse con dous mandamentos prohibitivos, o quinto e o sétimo e póñenos en positivo para abrir as veas dun novo país e comezar pouco a pouco a escoarlle o sangue. O mesmo Busch que Obama ou os coidadores das Sagradas Escrituras en Israel ofrécenlle a Deus xuramento de que cumpriran os mandatos de matar e roubar. Afganistán, Iraque, Libia, Siria, Palestina, O Congo dun lado, O Congo do outro, Os Balcans...                   En realidade teñen un deus bastante axeitado as necesidades duns poucos aloucados depredadores. O Demo non me coma se non o fixeron de encarga. Ou puidera ser que cando Moisés lles entregou ao pobo de Israel as Táboas da Lei e as rachou enfurruñado porque estaban adorando ao becerro de ouro andivo a recompoñer os anacos e quedaron eses dous mandamentos sen a partícula da negación e o “non matarás” e “non te apropiarás do alleo” resultou afirmativo.              

Creo que estou a punto de descubrir un gran segredo teolóxico. Vou mandar un correo aos servizos segredos de Israel e outro aos sucesores do Santo Oficio para que vaian ao monte onde Noso Señor lle entregou as Sagradas Táboas da Lei a Moisés. Si se descobren as verdadeiras Táboas da Lei ate Yavé o agradecerá, porque aínda que el lle dera as táboas ben escritas e correctas, tamén puido despois de tantos anos mandar algunha inspección a ver que acontecera coas Táboas. Si esta operación saíra ben poderíamos rematar coa maioría da delincuencia no mundo.              

Namentres os únicos mandamentos válidos para os seguidores de Moisés seguen a ser dous:              

1º-Rouba con luvas brancas.  
2º-Si non se deixan roubar mátaos.