O poder das empresas nos medios de comunicación

O poder das empresas nos medios de comunicación
Occidente foi quen de exportar o seu xeito de vida pero non de exportar as conquistas sociais e laborais

Lendo a prensa desta fin de semana, véuseme á cabeza un feito que vivín no ano 2001.

Existe unha rede internacional, chamada Campaña Roupa Limpa, que colabora con máis de duascentas organizacións e sindicatos de todo o mundo, e que se ocupa de denunciar e promover a mellora das condicións laborais das traballadoras e traballadores no sectores téxtil e de materiais deportivos. Perseguen utopicamente que, alí onde haxa unha fábrica do sector, as condicións de traballo sexan, como mínimo, as que establece a OIT. A Campaña analiza as contas, os proveedores e as fábricas que traballan para os xigantes téxtiles que cotizan en bolsa.

O 23 de maio de 2001, sae a bolsa a primeira empresa téxtil galega, Inditex, e a Campaña decide mercar un número simbólico de accións para poder denunciar desde a Xunta Xeral de Accionistas, os abusos laborais aos que están sometidos as traballadoras (pois maioritariamente son mulleres) das fábricas de Turquía, Tánxer, India, Camboxa... onde se fabrican as prendas que se venden con tanto éxito.

Podo asegurar que a experiencia é desagradable. Antes da intervención hai que depositar o texto que se vai ler perante o notario que está presente na xuntanza e colocarse a metro e medio por debaixo do nível das cabezas da mesa presidencial. O obxectivo é que quen teñan algo que dicir non se sintan cómodos.

Ao fío destas accións, a compañía creou o Departamento de Responsabilidade Social, cantratando para o caso a un empregado da mesma empresa que lles fixera o traballiño de auditoría das contas para facelas públicas antes da saída a bolsa. Incorporáronse ao ETI (Ethical Trading Iniciative) e asinaron o Pacto Mundial de Nacións Unidas polo cal se comprometían a escoller só aquelas fábricas que cumprisen coa lexislación laboral. Ora ben, se esas empresas subcontrataban, xa non era da súa responsabilidade. Moi hábiles.

Todo politicamente correcto para conformar unha enorme memoria anual que presentar aos medios de comunicación sumisos que recollerán eses compromisos con grandes titulares, mais tamén perante unha Xunta de Accionistas á que tanto lle ten o que pase nesas fábricas.

Actualmente están vencelladas a Inditex 212.000 traballadoras e traballadores de Dhake e un de cada dous da área de Tánxer. No último ano incrementou nun 75% os proveedores dos países máis pobres do mundo e non precisamente para botar unha man ao seu tecido productivo. Entrevistadas 670 traballadoras das fábricas de 8 países nin un só caso acadaba os mínimos esixidos para o que se considera un traballo digno.

En Bangladesh estase a vivir ultimamente un grande enfrontamento entre traballadores do sector téxtil e o goberno para tentar subir o mísero salario de 24 euros. En Camboxa, por convocar unha folga que reivindica os 80 euros ao mes, mínimo establecido para a subsistencia, 261 delegadas e delegados sindicais foron despedidos. De oito casos de violación graves dos dereitos laborais, Inditex estaba implicada en catro, dos cales en dous houbo mortos e feridos. Estes son datos oficiais, os reais son peores.

Pero o máis desolador é ver cómo os medios de comunicación se axeonllan ante os poderosos. O dominical deste domingo aseguraba que "unicamente se subcontrata a fase de confección con empresas ubicadas no norte da península". E logo, como é que nas etiquetas pon made in China, Marrocos...

Como pode ser que unha empresa con 4.705 tendas en 77 países, peche as caixas diarias ao céntimo e, porén, non sexa quen de controlar e presionar ao sector téxtil dos países empobrecidos para que garantan un salario digno e dereitos laborais básicos?

Inditex crea tendencia e crea opinión. É un xigante e debemos esixirlle ser un exemplo para os demais. As súas desculpas non son cribles. Se acabamos pensando que todos fan o mesmo, e miramos cara outro lado, estamos perdidos. Son estas compañías as que impoñen o ambiente abafante que se está a respirar no mundo laboral, por certo, algo que xa viña anunciando desde ai anos a Campaña Roupa Limpa.

A día de hoxe é evidente que a Campaña, máis alá de accións puntuais, fracasou. Adolfo Domínguez acaba de recoñecer publicamente que só o 40% dos seu proveedores teñen representación sindical.

Ante este panorama, quixera facer unha reflexión cos compañeiros e compañeiras que non secundaron a folga do 29-S. Estásenos a facer crer que os dereitos laborais son un obstáculo para a creación de emprego e para a recuperación económica, e o caso é que cada vez hai máis traballadores que o pensan. O medo á deslocalización está presente. Occidente foi quen de exportar o seu xeito de vida pero non fomos capaces de exportar o que máis traballo custou conseguir: as conquistas sociais e laborais. Agora atopámonos con sectores aburguesados da cidadanía que xa non se lembran das loitas históricas levadas a cabo pola clase obreira para conquerir a dignidade do seu posto de traballo. Unha cidadanía amedrentada que, influída por certos sectores do mundo da comunicación, comeza a comulgar co cuestionamento do sindicalismo.

Por que as empresas, sexan públicas ou privadas, ían ter máis coidado cos traballadores occidentais que cos asiáticos? Se apoiamos a quen establece esta situación no mundo (empresas, gobernos, organizacións..) estamos condenados a importar o seu xeito de traballar, iso sí, maquillado con palabras máis glamurosas como flexibilidade, readaptación, incentivos...

A esperanza vén outra vez de América Latina. Publicouse o último informe de Economía Solidaria e Comercio Xusto de Bolivia onde se constata o avance no sector da ECONOMÍA con maiúsculas. Quedamos á espera.