O pasado como punto de futuro. Segundo acto

O pasado como punto de futuro. Segundo acto
As miradas ao pasado son precisas para poder sustentar un futuro minimizado nos erros, pragmático e soberano, cada quen no seu sitio, sen acenos de salvaxe protagonismo magnificado por particulares intereses

Si (comezo cunha afirmación), teño que recoñecer que case tiña esquecido facer o artigo para a edición dixital do Terra e Tempo, co conseguinte apuro de última hora. Máis isto, teño que recoñecer, tamén me serviu para agudizar o cerebro e rebuscar na memoria a trama principal deste acto. E (si, teño que recoñecer de novo) que botei man dun texto que tiña xa feito para unha revista fai como uns sete anos (que nunca chegou a publicarse, que conste) e que pode chegar a ser clarificador en moitos sentidos da memoria que parece nos abandona por veces, coa fraxilidade dunha pluma ao caer. As miradas ao pasado son precisas para poder sustentar un futuro minimizado nos erros, pragmático e soberano, cada quen no seu sitio, sen acenos de salvaxe protagonismo magnificado por particulares intereses. Déixovos co artigo e ao final analizamos algún detalle.

"Cando me convidaron a facer este artigo sobre a situación actual do sector agrario no noso pais, resultábame difícil atopar o punto de arranque, as palabras máxicas que fixeran entender o que está sucedendo na actualidade. Foi así que me acordaron eses espantallos que festexaban lúas e amenceres na terra que os sustentaba. Hoxe volvín recordarme deles e, sen menoscabo algún, encontrei parella afinidade nunha definición exacta para ambas situacións: Tanto o espantallo como o sector agrario están fora de sitio no seu propio medio natural.

Hoxe en día aquelas figuras que se erixían entre o millo axexando o voo dos paxaros, non pasan de ser meras fantasías dos vellos do lugar. Se nos poñemos a pensar un pouco, coa agricultura pasa o mesmo, calquera diviso de tradición quedou esmagado pola nova orientación que os post-modernistas teñen tramado ó son das políticas agrarias, das agroindustrias e dos gobernos que se deixan manipular ó seu son.

Volvendo ó rego, como din na miña terra, a situación actual é facilmente coñecida por todos e todas, máis se nos centramos na gandería de leite (posiblemente a máis importante). Hoxe practicamente non existen empresas propias, tan só temos transformadoras foráneas que teñen gañado un creto irresponsable coas súas actuacións. Non creo que me equivoque ó mencionar que a maior parte delas teñen un especial interese no selo de calidade que se tiña logrado cos anos, así como no mercado de venda pasando moi por encima de ter serias preocupacións polo sector produtor. Exemplos sobran, e se non tan só chega dar unha pequena volta polos supermercados do país e comprobar a invasión de marcas brancas, os prezos por baixo do custo de produción e o carrexo indiscriminado de leite ou sucedáneos por tren, barco ou estrada. Como vedes exemplos sobran, e todo isto sucede cando aquí nos impiden producir o suficiente para o consumo interno. Outra derivación destes procesos é a paulatina desaparición ou, cando menos, depreciación dos mercados locais, factor de inflexión para un sector totalmente desenvolto e con perspectiva de salvación en tempos de crise, un sector con definición propia.

Con respecto ós dereitos de produción sobra dicir que son insuficientes e totalmente inadecuados, aínda que non nos podemos quedar simplemente nestas reclamacións. Hoxe en día para establecer criterios de rendibilidade económica estase a falar de kgs de cota láctea ou de dereitos de vacas aleitantes. Esta perversión do economicismo máis puro fixo que as nosas explotacións perderan poder adquisitivo e que para poder mantelo teñan que estar por riba destas trabas burocráticas. Estas grandes directrices (perfectamente marcadas polas multinacionais e polos propios gobernos) fixo que os gandeiros e gandeiras asumiran como seu o fracaso da actividade agraria e tentaran resolver pola súa conta e risco un problema político trasladando, desta forma, o problema ó sector produtor, sendo tratados como verdadeiros delincuentes, cando tan só se trata de subsistir decentemente duna profesión. Nestes tempos é frecuente observar como existe unha verdadeira guerra interna entre compradores e vendedores de cota láctea, incluíndo ós pertinentes intermediarios que aproveitan a situación (a río revolto...). Mais a perversión que mencionaba anteriormente é maior dende o momento en que o negocio consiste e vender os dereitos de produción e non esta en si mesma.

Isto ten unhas implicacións lóxicas, a primeira é que un sector que mantén unha rendibilidade alta na venda dos seus dereitos non é un sector que teña futuro. A segunda é a cantidade de investimentos que se están a realizar para poder acadar os niveis axeitados, pero claro como tampouco existe un organismo que garanta o prezo de venda dos produtos resulta imposible aseverar un éxito a tales operacións, máis tendo en conta que nun breve espazo de tempo non teremos a quen comprar nin a quen vender dada a supersónica velocidade dos acontecementos e o nivel de endebedamento das explotacións. Estes factores fannos pensar que o sistema de cotas que nos venderon non é máis que unha ferida sangrante que nos vai levar a unha morte segura se non se pon remedio de inmediato, unha vez máis fomos enganados ou confiados en demasía.


Outro abrente que compre resolver é a perda de capital territorial. O sistema implantado de cesamento anticipado na actividade agraria (insuficiente e mal dotado economicamente) non fixo nada por salvar os criterios que debían imperar e non se converteu nun proceso de renovación e ampliación de terreos agrarios que supuxeran unha mellora nos rendementos económicos das explotacións. Xunto con isto a falta dunha perspectiva que denote confianza fai que a renovación natural nas granxas sexa un mero espellismo e quedando como única ilusión palpábel a chegada da xubilación para os que logren resistir.

Contra todo isto só compre a dignificación dende o primeiro até o derradeiro punto. Compre espertar do letargo e retornar ás xustas reivindicacións de fai anos (que aínda seguen sendo válidas) e levantarnos desta poeira de desilusión. Temos que facerlle entender á sociedade e, poida que a nós mesmos, que non somos meros comerciantes senón produtores de alimentos lonxe dunha mera especulación económica e que polo tanto a remuneración ten que ir en función das persoas activas para a elaboración deses alimentos. Sucesos como o das vacas tolas, o das dioxinas, etc e outros que esperemos que non cheguen a darse (transxénicos, etc) son clara mostra dunha irracionalidade que conta co beneplácito dos gobernos. Temos que ser conscientes de cal é o noso medio natural e defender como nunca a soberanía alimentaria,  punta de lanza de calquera país que pretenda ser minimamente racional,  desenrolado e que realice prácticas sustentables como único camiño de éxito, senón converterémonos nun pobo servil e débil á mercé dos grandes intereses económicos. Non sirve de nada meternos nunha carreira de obstáculos, debemos escoller unha diferenciación clara e contundente pero segura e real sen trabas e sen enganos. Todos sabemos da importancia que ten este sector na economía do noso pobo e o desenrolo que se ten dado ó seu carón dada a escaseza doutros sectores revitalizantes.

Así mesmo debemos ter un medio rural rico, desenrolado e dinámico, receptor de propostas reais e aproveitando ó máximo as oportunidades presentadas (véxase plan leader, proder e derivados), un medio rural con servizos (garderías, atención ós maiores, ocio, etc ) que fagan que o establecemento de poboación con carácter indefinido non sexa unha rémora incapaz de salvar.

Para facer todo isto temos, sobre todo, crer no sector, empezando por nós mesmos."

Quixera facer algún apuntamento sobre o escrito (insisto, fai máis de sete anos) para que teñamos en conta certos factores que hoxe en día seguen en vigor, agora, por certo, moito máis. Comezando polo final, en relación ao desenvolvemento rural, ao dinamismo propio e necesario supoño que asimilaremos que o factor determinante é a propia existencia de poboación activa no medio rural (non existe bosque se non hai árbores) que dispoña duns medios de vida dignos e similares aos existentes nas cidades. Ben, deste proceso ou deseño estratéxico tíñase que encargar o "AGADER" mediante as axudas dos proxectos dinamizadores. Sabedes canto diñeiro se tiña destinado durante o ciclo 2008/2009 para este fin: 14.585.889 €. Adiviñades con canto diñeiro se ten dotado a campaña 2009/2010 xa con pleno poder do Partido Popular: 3.616.000 €.  

Son datos sacados do DOGA, claros e rotundos.

Sóanvos de algo o desmantelamento da industria láctea galega, o problema das cotas, dos prezos, da falla de terra, etc. Verdade que si. Poida que coa perspectiva que dá o tempo medidas como o banco de terras, o contrato homologado, a prohibición de forestación de terras agrarias, a lei de prevención de incendios, as unidades de xestión forestal e outras que repetirei día tras día, non foran tan malas para ser repudiadas con tanta acritude. A memoria é feble e selectiva, máis tamén necesaria e os cambios son lentos, pero iso deixámolo para outro artigo.