O noso rural ten futuro

A pesar das declaracións de Juárez, nas que considera que o despoboamento da nosa terra non ten remedio, o noso rural está vivo e ten futuro

A renuncia do PP a traballar polo rural

Na comparecencia do conselleiro do medio rural o pasado 31 de maio no parlamento, quedou patente a despreocupación e a falta de interese que o PP ten polo noso rural. Teñen, certamente, detectado un dos maiores problemas que temos no noso territorio que é o despoboamento (especialmente no interior de Ourense e Lugo), mais na vez de poñerse a traballar para solucionar o problema, afirman que non ten solución e renuncian a defender o que é noso. Que representante renuncia a loitar polo que se lle ten encomendado? Con que lexitimación se mantén no cargo quen di que non ten que facer? Como se pode permitir tal neglixencia? Quen vai pagar as irresponsabilidades de non actuar no presente?

Juárez confirma que a única cuestión que pode facer este goberno é reducir o ritmo de despoboamento, xa que non ten ningunha alternativa nin proxecto que o poda frear. Esta afirmación supón a intención política clara por parte desde goberno de que o rural pasa a un segundo plano e a súa xestión queda limitada a actuar sobre as cuestións que poidan ser titular nos xornais.

Exemplos claros de que o camiño marcado polo PP é o de que o noso rural serva como base de empresas privadas para facer actividades especulativas a curto prazo empobrecendo aínda máis o rural, o constitúen as últimas regulacións normativas (SOFOR, borrador da lei de montes, anteproxecto de lei de mobilidade de terras), ou plans territoriais (plan director da Rede Natura, PLADIGA).

O borrador da lei de montes, unha mostra da renuncia

Un dos problemas de maior importancia aos que o sector do monte se enfronta é a do abandono (da terra, do manexo, . . .). Para resolver esta cuestión, é fundamental que os elementos normativos doten á administración de maior poder de intervención no territorio. A opción escollida polo goberno do PP é precisamente a oposta; rebaixar a capacidade de intervención da administración e deixar nos mercados e na opción individual a especulación da xestión da terra. Esta situación tan só favorece as grandes empresas e as grandes propietarias da terra, ao ter mellor posición nunha situación de pouca transparencia e baixa intervención administrativa a prol da interese común.

Poucos días despois de facer as declaracións polas que renuncia a traballar polo rural, o pasado día 9 de xuño, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Samuel Juárez presentou xunto a Alberto Núñez Feijóo o borrador da Lei de Montes de Galiza. Esta lei basearase, segundo palabras do Presidente da Xunta, na consecución dun triplo obxectivo: a concienciación social sobre a importancia dos montes e a súa ordenación, a loita contra o minifundismo forestal e o regulamento dos usos forestais para facer rendíbel o monte e frear o abandono rural. Unha lectura polo miúdo do borrador, indícanos que ningún dos obxectivos trazados serán cumpridos co texto presentado.

Como punto de partida, cómpre salientar que o sector do monte contaba cun borrador anterior da lei de montes impulsado pola consellería nacionalista do Medio Rural no goberno bipartito e aprobado no Consello Forestal por consenso no mes de xullo do ano 2008. Na vez de continuar o traballo xa iniciado, a Dirección Xeral de Montes, emprendeu un novo borrador (o terceiro que se fai público) para darlle un cambio de rumbo ao trazado con anterioridade; e na vez de sumar esforzos, opta por impoñer un modelo liberal e conservador.

Este novo borrador presentado polo goberno da Xunta de Galicia non é unha lei de carácter integral, a pesar da importancia do monte na vertebración social e territorial do noso país, ao faltar a súa conexión con aspectos agrarios, sociais e ambientais. Non introduce aspectos novidosos na xestión do territorio como son: a participación pública, a custodia do territorio, a multifundionalidade, a compra responsable de produtos e servizos do monte. Non aparecen cuestións fundamentais e que deben incorporarse na xestión do monte como son: a cultura, a etnogarfía, a restauración de terreos queimados, a paisaxe, os vieiros ecolóxicos, os hábitats prioritarios, as especies prioritarias, a prevención de pragas e doenzas, . . .

É un borrador de lei que reduce a intervención pública, deixando en mans privadas e do mercado o cumprimento dos obxectivos principais (desenvolvemento rural, a fixación da poboación no medio rural, a conservación e a xestión forestal sostible) e non define uns obxectivos claros para a xestión pública. Hoxe en día os montes en xestión pública supoñen algo máis do 12% de todo o país, concentrándose maioritariamente nos lugares máis desfavorecidos. Polo tanto, a nova xestión pública pode ser unha ferramenta para loitar conta o abandono do rural e acadar os obxectivos dunha xestión integral do territorio.

Modifica pola porta de atrás a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobada no 2007, sen unha base técnica xustificada e baleirándoa de contido na ordenación do territorio (elemento clave para a loita contra o abandono): diminuíndo as distancias de salvagarda da vexetación sobre vivendas, instalacións e labradío; reducindo os anos nos que se limita o aproveitamento nun terreo queimado; eliminando o mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 50 hectáreas continuas; abrindo de novo a posibilidade de forestar terras agrarias; desviando cara os concellos parte das responsabilidades de control;. . . Cun total de 43 modificacións, máis que pequenas cuestións coa mesma norma preténdese crear unha nova lei (a de montes) e variar substancialmente outra xa aprobada (cando menos cun procedemento pouco transparente e aínda menos elegante). Todo apunta a que este goberno está obsesionado con deixar a súa marca e destruír todo o bo traballo feito polo BNG na pasada lexislatura, aínda que vaia en contra de toda lóxica.

Digan o que digan, o rural ten vida


A pesar da renuncia a traballar a prol do rural deste goberno, moitas persoas seguen a crer que o rural ten vida e con ela futuro. Serva de exemplo as conclusións da xornada: "o monte como oportunidade sustentable fronte a crise" que se celebraron en Melide o pasado 4 de xuño organizadas por Adega e a Organización Galega de Comunidades de Montes. Nesta xornada confírmase que o futuro dos nosos montes pasa por unha xestión sustentable, integral, activa e participativa. Entre as cuestións formuladas nestas conclusións están:

- O monte foi, é e será unha fonte de xeración de emprego que fixa poboación no rural e favorece a economía local.
- O monte sustentábel preséntase como oportunidade ante a crise especulativa actual ao fundamentarse no traballo da terra.
- A multifuncionalidade e a diversidade do monte son alternativas reais fronte ao abandono.
- Contamos cun monte activo, vertebrador territorial e social, que contén os elementos necesarios para dar estrutura ao territorio e ao capital humano do noso rural.
- Numerosos proxectos de montes se teñen posto en marcha nos últimos anos, o que nos indica que un monte baseado na terra e contando coa xente é posible.
- Polo tanto existe monte vivo e con futuro no noso país!
    En definitiva o noso rural ten futuro, a pesar dos que nos gobernan. Apostar polo noso rural non é unha opción, é unha obriga para quen nos represente en calquera das institucións democráticas. O contrario supón negar o noso pasado e pechar as opcións das xeracións futuras.