O nacionalismo galego ten todo un patrimonio doutrinal que compre divulgar

O nacionalismo galego ten todo un patrimonio doutrinal que compre divulgar
Sobre "Problemática nacional e colonialismo. O caso galego"

Quixemos traer a libraría do Terra e Tempo, transcorridos 33 anos da súa publicación, após de décadas esgotado e cando a súa compra resulta un imposíbel, mesmo nas librarías de vello, o libro "Problemática nacional e colonialismo. O caso galego", da autoría de Francisco Rodríguez e Ramón López-Suevos e editado por Edicións Xistral, co fin de dar resposta á demanda que esta obra segue a ter entre o publico nacionalista pero fundamentalmente pola actualidade das súas análises e apartacións doutrinais, a pesar do que cambiou o mundo e Galiza, no que alguén deu en chamar este curto século XX. Queremos, en primeiro lugar, agradecer a autorizacións para a súa posta en internet aos seus autores.

Non imos caer na tentación de atoparlle parentes, tanto no campo internacional como galego, para que fose aínda máis gráfica a súa auténtica dimensión, posto que a nosa intención é simplemente o de facer posíbel a súa lectura, de contribuír a clarificación e ao debate político entre a militancia nacionalista e tamén a poñer en valor os contributos que se teñen feito a racionalizar e explicar o feito nacional desde Galiza.

Reparemos logo, na explicación que se fai nela da alternativa nacionalista, da caracterización da nosa dependencia, da clarificación conceptual sobre o noso corpus ideolóxico, das análises sobre as consecuencias para Galiza do marco autonómico que empezaba a debuxarse ou da integración no Mercado Común Europeo. Tanto é así que non nos equivocamos ao afirmar que non hai debate que lle sexa consubstancial á alternativa patriótica que non atope resposta nestas páxinas, se somos quen de facer unha lectura do mesmo entendendo e atendo ao momento político en que foi elaborado e as mudanzas que desde aquela se teñen dado no mundo.

É de xustiza reparar no particular libro de estilo dos seus actores, na mellor tradición do nacionalismo e do marxismo, isto é, a reflexión non responde a unha preocupación intelectual, na contra, do que se trata é dotar de artillería argumental ao nacionalismo para a batalla política. Porén non se cae na vulgarización nin nunha explicación simplista do noso proxecto, aparecendo novidosas achegas no plano teórico, de xeito particular no que ten a ver coa revisión de enunciados da teoría do estado.

O nacionalismo galego ten todo un patrimonio doutrinal en bo estado hoxe agochado presto para o uso, ferrados de sapiencia dos nosos devanceiros contrastados na práctica política abandonados por descoñecemento; fanegas de experiencia acumulada que fan vellas as achegas da politoloxía de hoxe, elaboracións teóricas cheas de actualidade esquecidas por soños dunha noite de verán, elaborados co copia e pega do último berro da intelectualidade de moda.