O monte fronte a crise
É necesario revisar o que temos ao noso redor; para de inmediato xuntar presente, pasado e futuro
O monte sustentable como oportunidade
O vindeiro sábado 4 de xuño celebrarase en Melide unha xornada organizada por Adega e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común que leva por título: "O monte: oportunidade sustentable fronte a crise". Nesta xornada de reflexión presentaranse distintas olladas de como afrontar a crise desde o monte, ofrecendo alternativas reais e sostibles ao sistema especulativo instaurado na nosa economía. Temos, cada vez máis, que apostar por proxectos produtivos asentados na terra; pensados nas persoas e para as persoas.
Cando o meu avó plantaba comigo os castiñeiros no souto dicíame: estamos a pór o futuro dos teus fillos/as. Con esta frase, agóchase un pensamento que agora etiquetamos como de sustentabilidade, mais que no noso rural e na nosa historia recente estivo sempre moi presente. Ata fai poucas décadas as actuacións no monte e no agro tiñan unha proxección a longo prazo e perseguían a continuidade das actividades de forma colectiva.
A realidade mudou en moi poucos anos e en momentos de crise como o actual, os valores históricos existentes no rural ofrecen unha alternativa real e de futuro, que tan só hai que contextualizar coa situación presente en cada territorio.
O monte como fonte de emprego
O valor económico do sector do monte ascende a 28.253 millóns de euros, dos que 16.404 corresponden ao sector produtivo, 9.285 millóns de euros ao aspecto ambiental, e 2.564 millóns de euros ao aspecto recreativo. Os datos da produción forestal en Galiza con mercado (que posúen valor monetario) e as súas achegas por actividades, ascende a unha media de uns 355 millóns de euros anuais, entanto a renda total anual sitúase nos 565 millóns de euros. É necesario remarcar que algunhas das producións non reflicten con exactitude toda a realidade, debido fundamentalmente a que non son debidamente contabilizados ao pasar por mercados locais ou formar parte do autoconsumo. Tamén é necesario indicar que moita da actividade no monte ten unha forte repercusión no emprego ao precisar unha gran porcentaxe de man de obra as actuacións das distintas actividades vinculadas.
É necesario diversificar os produtos e os servizos que os terreos agroforestais ofrecen adaptándoos ás novas demandas da sociedade. O monte pode prover múltiples bens e servizos que contribúan tanto á xeración de emprego como ao mantemento da calidade de vida, ofrecendo espazos de ocio, sinais de identidade cultural e procesos ambientais clave para garantir a necesaria seguridade e estabilidade ambiental.
Os montes galegos son os principais produtores de madeira do Estado, cun volume de cortas anuais que, na media da última década, superou os 6 millóns de metros cúbicos anuais, representando esta cifra ao redor da metade da produción estatal. Se comparamos polo miúdo esta situación coa do total do Estado comprobaremos unhas diferenzas significativas. Estas diferenzas atende, no noso país, á concentración e pouca diversificación das especies (eucalipto e piñeiro fundamentalmente) e do destino da madeira do noso monte (trituración principalmente); que fai que esteamos nunha partida cun só pau e ás veces cunha soa carta (incumprindo a regra básica de ter o maior número posible de cartas distintas).
As empresas vinculadas ao monte galego facturan preto de 2.500 millóns de euros ao ano, dando emprego directo a 26.000 traballadoras e traballadores e xerando, aproximadamente, o 3,5 por cento do produto interior bruto de Galiza.
Elementos para o futuro do noso monte
Se o monte sostible se asenta en tres patas: a social, a ambiental e a económica; hai tres marcos claves para o futuro do noso monte, e son:
1) Marco normativo e de transferencia. Precisamos unha lei galega de montes (imos polo terceiro anteproxecto en seis anos), a aplicación da normativa xa aprobada polo parlamento galego (aínda que fora aprobada por un bipartito: lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, lei do banco de terras). Amais todo isto ten que comportar a transferencia de información e formación aos distintos grupos de interese no monte a través da extensión rural (que engloba a extensión agraria e forestal). Necesitamos tecer pontes entre o sector do monte e a sociedade como foi a experiencia iniciada con Foresgal no ano 2007 e que rematou coa chegada do PP ao goberno.
2) Marco planificado e incentivador. Precisamos unha política de montes a longo prazo, diversificada, con base local e asentada na suma de esforzos e na vertebración social e territorial. Para iso é necesario impulsar plans forestais con participación pública (serva como exemplo o plan do distrito VII Fonsagrada-Ancares impulsado con participación pública pola consellería nacionalista do medio rural na pasada lexislatura, que coa chegada do novo goberno quedou no estante do esquecemento), para que a administración canalice actividade a prol do monte. Todo o contrario da política de "non xestión" impulsada polo señor Feixóo.
3) Marco consensuado e de participación pública. A diversidade de olladas e intereses que conflúen sobre o medio débense ter en conta para acadar o consenso sobre o uso no territorio, e a participación pública no noso monte pode aportar transparencia e intercambio de información coma requisitos básicos de ese consenso. Como cidadáns debemos esixir ás distintas administracións que poidamos decidir cal vai ser o futuro que queremos para o noso entorno próximo. Todo o mundo debera ter a posibilidade e o dereito a participar naquelas decisións que afectan as súas propiedades, actividades e servizos. É máis, a construción da sociedade do futuro fundaméntase en procesos horizontais (de abaixo a arriba), onde a información e as decisións flúen sen barreiras, na procura de obter o punto de equilibrio.
Cada vez máis, nun mundo globalizado, faise necesaria a agrupación das persoas para facer cousas en común e reivindicar a importancia do local. Se descoñecemos o entorno que temos próximo, será moi difícil poder chegar a valoralo; e así moi doado deixar de preocuparse por el. Polo tanto, o noso rural precisa cada vez máis da implicación de todos e todas para a consecución dos novos retos. Esta implicación só é posible acadala a través da coparticipación na toma de decisións de quen ten algo que facer e dicir no territorio. Escoitar o que a xente pensa e quere sobre unha determinada actividade nun lugar concreto, debera ser a base para tecer as seguintes actuacións e investimentos de calquera goberno. Esa escoita activa que remata coa implicación das persoas nas súas propias decisións é a mellor forma para construír en conxunto o noso porvir.
En definitiva trátase de planificar e construír o futuro común contando coa xente; tendo en conta que o monte é unha oportunidade e alternativa real fronte a crise ao incorporar elementos básicos para a construción da nosa economía como son a vertebración social e territorial.