O moito presumir ou dá que chorar ou dá que rir

O moito presumir ou dá que chorar ou dá que rir
As cifras desmenten o discurso triunfalista en relación á débeda de igual xeito que a nosa realidade económica reflexa unha caída importante na actividade económica

A base dun formidable exercicio de propaganda o Presidente da Xunta de Galiza ven presumindo de que Galiza lidera a clasificación da solvencia e do bo estado das nosas finanzas públicas en todo o Estado.                  

Chégase ao extremo de fachendosamente insistir nos medios de comunicación de que Galiza paga e Cataluña pide. De que Galiza non necesita acudir ao fondo de liquidez autonómica.                      
A realidade é que segundo se desprende dos datos do Banco de España  cando Feijoo inicia o seu mandato no 2009 a débeda pública  financeira de Galiza era  de 3.923 millóns de euros e en 3 anos de mandato a débeda situouse en 7.381 millóns de euros. Nas  sete lexislaturas anteriores a débeda acumulada ata o 2009 eran 3.923 millóns de euros e en só unha lexislatura Feijoo, o campión na solvencia e da redución da débeda, incrementouna en 3.458 millóns de euros, practicamente unha cantidade similar a acumulada en toda a historia da autonomía.                            

A media de endebedamento anual ata o 2008 era de 145 millóns de euros e no goberno de Feijoo subiu a 1.152 millóns por ano.                              

A marzo do 2012 a débeda formalizada con entidades financeiras recóllese neste cadro do Banco de España e vemos como grazas a Feijoo en cifras absolutas Galiza é a quinta máis endebedada despois de Cataluña, Valencia, Madrid e Andalucía.                                      

Se o comparamos co PIB somos a sexta máis endebedada despois de Cataluña, Valencia, Baleares, Castela-A Mancha e Navarra.                                                            
Polo tanto, as cifras desmenten o discurso triunfalista en relación á débeda de igual xeito que a nosa realidade económica reflexa unha caída importante na actividade económica co goberno Feijoo cunha espectacular destrución de emprego e aumento de máis de 113.000 persoas sen traballo.


En relación ao cumprimento  do déficit público o propio Consello de Contas recolle en información publicada no xornal El Pais do 9 de outubro que a Xunta de Galiza desviou irregularmente facturas por importe de 400 millóns de euros do exercicio 2010 ao 2011 para con este artificio contable cumprir cos obxectivos de déficit do Ministerio de Facenda.                                  
Estes datos demostran que as políticas de recortes para salvar a banca están a provocar unha recesión económica coa conseguinte caída de emprego, destrución  e privatización de servizos públicos, precarización das  condicións laborais, perda de poder adquisitivo, etc… e ademais non serven nin para reducir o endebedamento nin axustar o déficit. Diante desta realidade un non sabe si chorar ou rir pero dende logo como di o refrán non dá para moito presumir.