O día que se aveciña

Digital StillCamera
O día que se aveciña hai folga xeral e eu vou ir, e todos e todas debemos ir

Había unha moza na cola da oficina de emprego para devolver a cantidade correspondente a un mes (420 €) polo simple feito de non asistir a unha entrevista coa correspondente orientadora laboral. Contoume que na anterior entrevista quedaran en enviarlle aviso para tal circunstancia. Deste feito facía 6 meses, tantos como deixara de percibir axuda algunha despois de estar máis de ano e medio sen traballar e sen recibir ningunha oferta por parte de ningún organismo público. O seu pecado, non asistir a unha solitaria e triste entrevista que pouco ou nada lle resolvería, iso si, tiñan o seu teléfono, o seu enderezo, todo. Simplemente é máis fácil sancionar que intentar solucionar os problemas. A día de hoxe esas axudas para parados de longa duración que xa tiñan extinguido o seu dereito xa non existen.

Outro día estiven falando con varios compañeiros de traballo de SEAGA e do Consorcio, foron despedidos como quen escribe, máis eles decidiron denunciar. Hoxe teñen varias sentencias favorables con indemnizacións que superan os dous millóns das antigas pesetas. Todo a costa da nosa paupérrima integridade fiscal. Ninguén pregunta de onde sae o diñeiro, as ordes para despedir a toda esta xente que estaba a traballar arreo por conseguir mellores prestacións para o rural nin tan sequera quen fai agora eses traballos e de que forma. As privatizacións encubertas atópanse diante dos nosos ollos a conta de todos nos e parece que miramos a outro lado. Hoxe o “empresario” responsable do maior número de despedimentos no noso país é o presidente da Xunta de Galiza.

Nestes días foron varias as voces que anunciaron unha forte subida do prezo dos cereais cos que se fabrican os pensos de alimentación do gando. Sobra dicir a importancia que ten esta suba nos resultados finais do balanzo contable das explotacións gandeiras, sobre todo daquelas que carecen dunha relación equilibrada entre a superficie dispoñible para producir alimentos coa cantidade de gando que posúen, ou sexa, a carga gandeira. Imaxino que nestes momentos todos aqueles que defendían este modelo de produción sobredimensionado hoxe, cando menos, gardarán un respectuoso silencio. Podería aforrar a pregunta, pero aínda así terei que facela para non ser cómplice, tamén, das inxustas e tópicas conversas de bar: Aos produtores e produtoras destes cereais váiselles repercutir directamente este diñeiro?
 
Por outra banda tamén se puido apreciar que as axudas para plans de mellora e primeiras instalacións á agricultura víronse reducidas con notoriedade, debendo ter en conta que entre o Estado español e a Xunta só deben aportar un 25% do montante total destas. Do mesmo xeito as inspeccións sobre as axudas da PAC (que manteñen a mesma porcentaxe de axuda que as mencionadas con anterioridade) multiplicáronse de forma exponencial ao mesmo que as sancións derivadas das mesmas. Tamén se viron reducidas practicamente todas as liñas de axudas que se tiñan posto en marcha en anos anteriores como firme paso para a súa desaparición.

Todo isto que vos conto podería ser o guión dunha película na que as historias se entrelazarían para formar un todo, pero non, é unha realidade pura e dura. Os sectores industriais (???) crean produtos que ao seu tempo provocan dependencia e todo se converte nun ciclo de necesidades escasamente útiles. Mais o sector primario -sempre esquecido- está a punto de claudicar, o que realmente é necesario para o sustento dun pobo está canso, esgotado e sobre todo desmoralizado. Os investimentos feitos para acadar o tan manido nivel de competencia son unha pesada lousa que en moi poucos casos se podería manter con éxito. Hoxe, poden crerme no rural galego as nosas explotacións son auténticas equilibristas capaces de sobrevivir baixo mínimos.

E a todo isto, quen rescata á cidadanía do éxito da política económica mundial? Quen vai ser máis que nós, quen está pagando máis IVE? Con que diñeiro se está rescatando á banca mundial, ao sistema financeiro e aos especuladores, mentre NUNCA deixaron de ter escandalosos beneficios? Miremos, por favor, o resultado do balance anual dos bancos e asombrarémonos do seu fin.

O día que se aveciña (parte da canción de Aute, Al Alba) vén con fame atrasada. O día que se aveciña temos que erguernos de verdade e comezar a petar na mesa coa razón por estandarte directo e coa arenga dos pobres da terra como imaxe permanente neste mundo de idiotas cada vez mellor postulados.

O día que se aveciña hai folga xeral e eu vou ir, e todos e todas debemos ir.

Os días que se aveciñan deberíamos ser consecuentes, valentes, decididos igual que foron moita xente na vangarda do noso pais, igual que existiron insubmisos ao servizo militar, empecemos pois a selo nos con este sistema que nada cambia, que sempre mexa cara un lado. Comezamos a revolución cos bancos???