O delirio do becerro de ouro

O delirio do becerro de ouro
Entre uns e outros axudarán ao renacemento e salvación dunha cidade-estado que será a reserva da “cultura occidental”: A cidade-estado de Matriespania

Certos persoeiros andan a facer un novo milagre español disque construíndo un barco de ouro nos xardíns do Guadarrama. Parece que os deuses do Olimpo van a enviar a uns peregrinos extraordinarios que levanten unha mansión de felicidade infinda nos arredores dunha elegante urbanización as beiras do Guadarrama. Alí residen xa honradas familias de castes nobres e con poderío; e entre uns e outros axudarán ao renacemento e salvación dunha cidade-estado que será a reserva da “cultura occidental”: A cidade-estado de Matriespania. A princesa de Matriespania, dona cantora das moralidades modosiñas e recatadas, fixo un pauto cun demo dos infernos do xogo, do vicio e da ociosidade, para criar un paraíso no que se gozaría dos sete pecados capitais, pero dentro dunha moi grande arca de ouro, con moitos alpendres e de moito pendello. Sería Sodoma e Gomorra, pero “laig”. No complexo do parque das Veigas non habería leis divinas nin humanas. O principio do máximo pracer trocaría “As Veigas” nun “pedacito de cielo” ao dicir da princesa de Matriespania. A propia princesa de Matriespania pagaría as gaiolas de ouro e diamantes para que fosen a atracción e o cubil luxoso de millonarios moscóns que caerían como as súas donas no mel. Tamén, a princesa, pagaría o combustíbel para alimentar aquelas cálidas estancias nesa arca de felicidade que serán As Veigas. Estas Veigas europeas a beira do Guadarrama. Para que se poda construír e despois manter tan grandioso paraíso, terán que aturar os súbditos das terras que domina Matriespania un longo período de sacrificio e privación que xa comezou a súa primeira fase, e que tamén forma parte dos designios do Olimpo. ¡ Deus aperta pero non afoga! Berran entusiasmados a princesa e o seu séquito.            
As máximas autoridades relixiosas botarán a bendición a aquela obra, que parecía “Obra do Demo” pero que elas mesmas acabarán recoñecendo como “Obra de Deus”.            

Os que podían ser pecados quedaban deste xeito reducidos a praceres ocultos e cinguidos ao humilde uso doméstico;  gozados por xentes moi cultivadas da alta sociedade, que dese xeito evitarían males maiores, que podían vir si desbocasen o seu instinto en cal queira parte.                      
Que aquilo era obra de deus notouse coa chegada dun cabaleiro procedente do fin da terra chamado Xacobe que ía nun cabalo branco polas beiras do río cando se atopou coa princesa de Matriespania.                  

- Quen é vostede amábel dona? Pregunta aquel cabaleiro dourado mentres o seu cabalo branquiño zugaba auga fresca nunha fontela ao pe  do río.                

- Son a esperanza da cansada Europa que me encomendaron facer rexurdir unha “facha” de luz que desprenda as faíscas da cultura occidental. Mesmamente ti es aquí o sinal que os ceos me indicaron. E respondeu cabaleiro:                

- Eu tamén teño a encomenda de trasladar este facho ate un páramo cun amplo horizonte no que aparecería unha dama de branco. E teño ao mesmo tempo que axudar a unha gran misión salvadora.                  

- Esta é a proba definitiva - dixo a dama- esa misión será a de facer unha grande arca con moitos espazos para a que correrán tesouros de toda Europa e de todo o orbe da Terra. Traerá os planos da arca un home  moi poderoso disfrazado de castrón dos montes.                        
- Mesmamente será o demo - dixo o cabaleiro.                      

- Non, é un anxo disfrazado. Ti es moi anticuado. Hoxe mudaron moito as mensaxes dos deuses. Neses paraxes dourados estarán paseando continuamente e gozando os privilexiados da terra. Será un anticipo do paraíso futuro. Non haberá leis nin limitacións ao pracer. Non haberá nacións, nin Estado, nin trabucos, nin salarios, nin pensións, nin haberá que compadecerse da miseria, será un reino de riqueza. Os pobres e miserentos arredarémolos de nos. Estaremos nese reino como antes do pecado orixinal. Poderase andar espido.            
- Estou cheo de temores –retrucou Xacobe. –Quen van a ser os servidores de tanta atención que precisaremos nese paraíso?                        

- Non te preocupes, serán escravos e escravas que rescatamos das escuras pozas do paro, da droga e da marxinación. Estarán felices de amosar os seus corpos nus.        

E o cabaleiro dubida:      

-Estás tan segura de que esta é a vontade de Deus?        

-Claro que si. Deus sempre quixo ter un mundo no que o rico fose feliz na súa riqueza e o pobre fose feliz na súa pobreza. Xa o din tamén tódolos presidentes e reis da nova Europa. Compre salvar aos nobres, aos grandes, aos que os deuses teñen ennobrecido con fortuna, saúde e felicidade. Para salvar os valores de Occidente temos que acabar coa ambición tola da igualdade, do dereito ao reparto da riqueza, do benestar para todos. Esas loucuras foron as que fundiron a nosa moral e as nosas virtudes.

-Ti – di  a princesa – estiveches moitos anos vagando co teu cabalo e mentres tanto apareceu a degradación: Non hai respecto a propiedade, non hai santo temor de deus, viñeron os anarquistas, os terroristas, os comunistas, os separatistas, e ate están a mandar no mundo aqueles da media lúa. E urxente ter paraísos para salvar as nosas esencias, mentres non demos acabado con todos eses dexenerados. O cabaleiro botou man dun pequeno caderno que traía nas alforxas e díxolle:    

- A min mandáronme respectar este códice, dis que dos dereitos humanos, que tódalas relixións aceitan.        

- A merda ese códice, dixo a dama alporizada. Non entendes nada de política. Ese códice é para ensinar. Ese é un desexo utópico ideal, e tes que levalo sempre, pero non se poden conceder todos eses dereitos porque a natureza humana e perversa e demoníaca e se lles das dereitos vólvense soberbios e cambian a orde natural do mundo; e póñense a facer sindicatos, partidos, nacionalidades, nacións, servizos públicos e vicios para todos; e vólvense tolos e violentos e matan aos nobres, aos reis, aos sabios,  e aos que dirixen o mundo, e entón reinaría o caos.                  

O cabaleiro sentíase sorprendido pola firmeza e seguridade do verbo da aparecida princesa. Tal foi que tirou para adiante cos ollos pechados a cumprir a misión que os deuses lle tiñan encomendado.                    

De repente comeza a abrir o arco da vella e a buligar o luceiro, e vese baixar nunha nube roxa cara a terra, adornado con vestimenta de banqueiro, aquel castrón que a princesa lle anunciara. O estrondo que o tal “banquicornio” causou no chan ao apearse da nube fixo que o cabalo botara a galope, como se lle caera a tapa do ceo enriba, polos carreiros da beira do río.              

Mais todo foi calmando. Polo oco dun ameneiro ao pe do río abriuse un pano branco e un horizonte de primavera como se fose comezar un grandioso filme. A princesa, o cabaleiro de louros cabelos, o  aparecido “banquicornio”, e tamén o propio cabalo, quedan pampos ao ver ao  propio arcebispo coas vestimentas sacras de oficiar, que devotamente coas mans xuntiñas e con fonda devoción, os aloumiñaba dicíndolles: “ Paz teñades benditas criaturas! Son a voz do paraíso; de tódolos paraísos do ceo e da terra. Esta que ides ver pasar é a antesala do futuro, a onde iremos os escollidos.” Viron pasar en pouco tempo grandes xardíns con paxaros e paxaras, fontes, feras mansas, humanos de tódalas cores, do mesmo e distinto sexo, apareándose nas Veigas con toda normalidade, e unha música silandeira ruando suaviño...                

O cabaleiro comezou a dubidar e mirou para o arcebispo e logo para o castrón e exclamou: ¡Estamos no inferno! Isto é cousa de Satanás!                    

O arcebispo desapareceu, o castrón transformouse nun robusto mozo ben vestido apreixando un computador cunha placa chea de números na palma da súa man esquerda. A princesa vólvese mais nova e mais fermosa, o cabalo marchou polo río navegando e un vento morno levou a princesa e cabaleiro a unha grande catedral con paredes douradas onde uns anxos tiraban papeis de preciosos metais no rebulir dunha danza na que corpos fermosos de mozos e mozas ían renovando disfraces vestíndose e espíndose seguidamente. Ora eran seres salvaxes dando bruídos, ora eran xuntoiros en coro de cabuxas e castróns... Nun acto de delirio pasional  a princesa montou de acabalo do “banquicornio” e a trote a trote foron marcando cun garabullo sinos no chan para abrir os cimentos do futuro paraíso. E de pronto pararon, e de moito vagar, trazaron unha cova cun letreiro luminoso na entrada:                

“Pago obrigado de peaxe para pagar tódalas guerras. Sen guerras nos non temos paraíso”....
                                 

De repente, a princesa apareceu sentada ao pe duns penedos onde había unha cova e estaba acompañada de varios peregrinos,que se acompañaban dun can e dun cabalo tordo. Doíalle lixeiramente a cabeza e comentáronlle que tivera un pequeno desvanecemento cando quixo entrar na cova. Continuou o paseo pensativa e silenciosa. Estaba convencida de que o gran paraíso das Veigas non fora un soño, si non un proxecto moi avaricioso que ela soñara esperta e que xa comentara cos seus íntimos. Mais fora soño ou fora tentación do demo debía acudir ao seu confesor, que era precisamente o Sr. Arcebispo. O propio acompañante da viaxe que tiña o cabalo tordo lle porfiou de que non tiña culpa ningunha, soñara durmindo ou soñara esperta...                          

Como a conciencia non pousaba o remorso foi ao pe da Súa Eminencia e cando xa tiña confesado de avaricia, soberbia, luxuria, e ira, intervén  o santo varón para tranquilizala:                            
- Non veñas agora acusándote de gula que ti es moi fraca. Non hai pecado en soñar con riquezas e poderes, tamén o diaño tentou ao Noso Señor coas riquezas do mundo. Recorda: ¡Ben aventurados os probes de espírito!... Ego te absolvo”...