O capitalismo anormal

O capitalismo desenvolvido, sen dúbida constitúe unha excepción; unha anormalidade no conxunto deste sistema mundial, tanto en extensión coma no tempo histórico

O capitalismo desenvolvido, sen dúbida constitúe unha excepción; unha anormalidade no conxunto deste sistema mundial, tanto en extensión coma no tempo histórico. Este modelo particular aséntase sobre a base do consenso social entre as oligarquías capitalistas e os representantes das clases traballadoras do centro imperialista. Europa foi o paradigma deste capitalismo avanzado, chamado Estado de Benestar.          

Mais, que aconteceu para que esta socialdemocracia europea fora substituída por un novo liberalismo puro e duro ?. A resposta haberá buscala nos mecanismos económicos, e non na política, que fan funcionar o sistema capitalista. Atopamos que baixo este “capitalismo anormal” excepcional e bondadoso das potencias europeas avanzadas, a taxa media de ganancia do capital mantívose durante un tempo, a pesares das concesións dadas as súas maiorías sociais, grazas a sobre explotación dos países periféricos e a  expansión imperialista (globalización); que chegou a abarcar a dominación total do planeta.          

É ben certo, que os grandes éxitos son o preludio dos grandes fracasos; é aquí a historia repítese tamén. É un lugar común, dicir, que todo los Imperios teñen fin; mais está demostrado que o capitalismo non morre, (se non o matan), pois posúe mecanismos dabondo para resolver as súas contradicións e recompor a taxa media de ganancia do Capital, aproveitando as súas crises. Primeiro recorre a especulación financeira para atopar oportunidades de ganancias ante a diminución do monto global de beneficios na economía produtiva e tenta de recompor as condicións  da  recuperación da taxa media de ganancias nun proceso de concentración e centralización do Capital, que expande o “exército de desocupadas e desocupados”; unha gran reserva de forza de traballo inactiva. O paro obreiro constitúe, xa que logo, un mecanismo necesario e fundamental para que a oferta de forza de traballo poida baixar o seu prezo as mínimas condicións precarias, e así, volver a súa sobre explotación no espazo do capitalismo avanzado, é dicir, volver a normalidade do capitalismo ao desmontar progresivamente os “Estados de Benestar” a partir das periferias internas do centro imperialista.          

Porén, as crises capitalistas cos seus sucesivos “liberalismos” son a situación normal do capitalismo; lonxe das excepcionais e curtas etapas de consenso socialdemócrata, que xeralmente rematan con fascismos e guerras imperialistas.          
Para recuperar e retornar ao modelo de “Capitalismo avanzado” hoxe en grave recesión, e unha restauración do Estado de Benestar, é necesario que se poida ter acceso a apropiación dos recursos naturais primarios vitais para o sistema capitalista global; e é aquí onde hoxe atopamos as maiores dificultades, polas seguintes causas;      

- Unha forte e inesperada resistencia dos países das áreas periféricas, ante as inxerencias e agresións armadas imperialistas, malia o apoio e patrocinio da OTAN e a ONU e das corporacións mediáticas globalizadas, baixo o pretexto da defensa dos dereitos humanos da democracia capitalista.      
- A existencia de países que transitan cara a súa Soberanía Nacional, e nalgúns casos a acadan, conxugando a Soberanía política e a popular, liberándose en certo grao das dependencias imperialistas; principalmente na área Sudamericana, pero tamén noutras partes do mundo, incluída Europa, tanto en nacións con e sen Estado.      
- A emerxencia das potencias do BRICS, que avanzan cara un mundo multipolar, pondo en cuestión a hexemonía estadounidense, xunto con Europa e Xapón e os seus Estados Xendarmes, (Israel....). No terreo económico, particularmente a forte competencia das Corporacións transnacionais  estatais chinesas, e en menor grao rusas, pero cunha  alta capacidade de produción militar, fronte as transnacionais privadas imperialistas.      

O feito de que moitas nacións non se deixen dominar e espoliar, obriga aos medios de comunicación globalizados a intoxicar e degradar o patriotismo destes países no nome do cosmopolitismo e do pensamento único, onde os dereitos humanos da oligarquía capitalista  representan o interese xeral da humanidade global. Estes países son presentados coma os culpábeis dos males que coa crises padece a poboación do mundo, e parece necesaria a súa destrución. Malia, hoxe nunha guerra imperialista globalizada,  posiblemente fora o final da humanidade e non a podemos descartar. Porén, o mais probábel , de continuar o mesmo rumbo histórico, é que o capitalismo retorne a normalidade e deixe de ser “capitalismo anormal”(Estado de Benestar); pero cun espazo máis reducido e debilitado; mais, con capacidade suficiente para seguir manténdose e influíndo no mundo. Novamente atopará na economía produtiva as condicións apropiadas no seu ámbito, para a obtención dunha alta taxa de plusvalía contando cunha forza de traballo submisa e desvalorizada e, xa que logo, a restauración da taxa media de ganancias para seguir funcionando con normalidade. Será posíbel?  Dende logo, de producirse esta nova situación, sen dúbida propiciaría a agudeza da loita de clases: o fin da historia e o soño imperialista de Fukuyama co seu pensamento único, xa quedou afastado... fai algún tempo.         

Os movementos nacionalistas e patrióticos de liberación dos pobos oprimidos, con ou sen Estado, e a conquista da súa Soberanía en diversos espazos do planeta, incluíndo o europeo, chegou a seren hoxe unha realidade; malia que, a Soberanía Nacional non pode ser efectiva,  mais que cun Estado propio baseado nunha Democracia popular (Goberno do pobo polo pobo), política e  económica ben asentada, e a Galiza non debe permanecer, nin neutral nin indiferente diante desta oportunidade histórica, sendo hora de ir rematando co colonialismo español que a abafa e os males que este carrexa para o pobo galego. Porén, non pode haber Soberanía Nacional cando unha Nación como, a galega, sofre directamente a opresión dun poder Imperialista, ou a soporta ao través dunha minoría propia vinculada e dependente do mesmo. É moi importante afirmar e clarexar dunha vez, que Galiza nunca obtivo do finado Estado de Benestar ou “Capitalismo anormal” ningún beneficio, todo o contrario. O noso pais mantívose e mantense hoxe, na máis estrita dependencia do Capital transnacional, no derradeiro elo da cadea imperialista.       

A situación internacional, política, económica e social...determinará en gran medida a consolidación, avance ou retroceso da liberación en cada espazo concreto, nación ou grupo de nacións. A este respecto resulta salientábel e oportuna a derradeira reflexión de V.I. Lenin, pouco antes da súa morte. “ E o mañá da Historia Universal será o día na que espértense definitivamente os pobos oprimidos polo Imperialismo, que xa abriron os ollos, e que comece a longa e dura batalla final pola súa emancipación”.       

Parece estar inspirada no noso Himno: "Esperta do teu sono fogar de Breogán"