Non merques produtos financeiros complexos

Non merques produtos financeiros complexos
Lamentablemente a lexislación española ten baleiros que están sendo utilizados habilmente polos especuladores financeiros

A crise está destapando numerosos casos de indefensión das persoas atrapadas na arañeira tendida por bancos e caixas coa colocación de productos financeiros complexos. As entidades consiguen liquidez (con cédulas hipotecarias) ou incrementan a súa solvencia (con participación preferentes) a costa da clientela que se ven atrapados indefinidamente ou con vencementos a moi longo prazo e coa única posibilidade de recuperar o seu diñeiro no mercado secundario creado polas propias entidades.

Son cada día máis as persoas que se dirixen á CIG Banca ante problemas derivados da adquisición de productos financeiros, nomeadamente cando chega o momento de querer recuperar os aforros investidos. En moitos casos son os aforros familiares froito dunha vida de traballo, noutros  os destinados a mercar unha vivenda.

Lamentablemente a lexislación española ten baleiros que están sendo utilizados habilmente polos especuladores financeiros coa complicidade do Banco de España e da Comisión Nacional do Mercado de Valores.

A liquidez deste tipo de productos é practicamente nula, cotizan nun mercado secundario creado polas entidades financeiras, coñecido como AIAF. Se un cliente precisa recuperar o seu diñeiro está condenado a agardar a que apareza un comprador durante meses e meses, nalgúns casos a retirada leva a unha merma importante do capital, noutros casos son as propias entidades as que fan amortizacións anticipadas das emisións cun valor menor do de adquisición. Se hai unha necesidade inmediata do diñeiro a alternativa é pedir un préstamo ao propio banco ao que ti lle tes prestado o diñeiro, indignante.

As campañas de colocación son moi agresivas, tanto para a clientela como para o persoal bancario que ten a obriga de colocar de xeito masivo estes productos, estando vinculado o salario á consecución de obxectivos comerciais, pero ademais non vender é tamén motivo de traslados ou incluso despedimentos. Enganar aos clientes para sobrevivir a curto prazo.

A Directiva Europea coñecida como MIDIF, dicía ter como un dos obxectivos a protección dos clientes, establecendo para o tramo minorista a maior protección.  As entidades deberían clasificar aos clientes en base aos seus coñecementos financeiros, algo que ninguén fai e ninguén vela para que se faga (BdE e CNMV).  A lei 47/2007 do mercado de valores, introduce no artigo 79 bis as obrigas de información á clientela de xeito vago o que permite que se vulnere diariamente.

Lamentablemente pouco se pode facer cando unha persoa cae na arañeira, en primeira instancia debe denunciar ante o servizo da atención á clientela da entidade e ante o Banco de España, posteriormente cabe a posibilidade de interpoñer unha demanda xudicial en solitario ou a través dunha asociación de consumidores (a creación dunha asociación galega de consumidores asignatura pendente do nacionalismo galego).

En todo caso debemos  reclamar unha lexislación que protexa ás persoas ante os desmáns da gran banca e un maior  control por parte do BdE e da CNMV sobre a comercialización dos productos; obrigar ás entidades a clasificar á clientela realizando test de coñecementos financeiros; e por último controlando e regulando o mercado secundario AIAF creado polas entidades. Malia que o mais sinxelo sería a prohibición deste tipo de productos especulativos.

Clientes, non merquedes cédulas hipotecarias, participación preferentes ou productos complexos. Si queres ter os teus aforros nunha entidade financeira esixe imposición a prazo fixo das de toda a vida  e non deixes que te convenzan para mercar cousas que non entendes por moi bonitas que as pintemos os traballadores e traballadoras de bancos e caixas.

Enlaces de interese:

http://www.aiaf.es/aiaf/index.home?1291373041972

http://europa.eu/legislation_summaries/internal_market/single_market_services/financial_services_general_framework/l24036e_es.htm

http://noticias.juridicas.com/base_datos/Privado/l47-2007.html