Non ao AVE!
Un tren de alta velocidade non é un regalo. Para construílo, como para levantar calquera das grandes infraestruturas, cómpre arrasar o que ao planeta lle levou séculos constituír
Cando de nena souben do nacionalismo, identifiqueino como unha forza política anovadora. Daquela non manexaba estas palabras mais perante os meus ollos aparecía un movemento rebelde, contra-poder, destinado a insuflarnos orgullo, a facernos conscientes de que Galiza non respondía ao perfil folklórico da fermosa terra pobre senón, máis ben, ao da nación empobrecida e negada. Tiñamos que aprender a desmontar prexuízos se queríamos pensar en clave nacionalista. Ese obxectivo non é doado e por iso con frecuencia non advertimos como algunhas ideas manipuladas se infiltran nas nosas argumentacións. O mellor exemplo desta actitude é o uso do tren de alta velocidade como reclamo político.
Un tren de alta velocidade non é un regalo. Para construílo, como para levantar calquera das grandes infraestruturas, cómpre arrasar o que ao planeta lle levou séculos constituír. Cómpre ocupar espazos de terreo enormes, furalos e enchelos de cemento, recortando as fragas e desorientando os animais salvaxes que verán aínda máis limitado o seu espazo. Cando era nena ouvín os meus maiores laiarse de tanta construción de estradas: "se enchemos o país, dicían na casa, de alquitrán, como se vai realizar o ciclo da auga?, como quererán que chova, se a auga está retida polo cemento?" Non sei se a seca e o cambio climático derivan de cuestións tan sinxelas mais parece claro que as grandes infraestruturas resultan ben agresivas coa natureza. A enxeñaría non é unha práctica ecolóxica; ao contrario, asegura un estilo de dominación do contorno do que sae favorecido un poder patriarcal e asoballador. Finalmente e por se ficar algunha dúbida, ese AVE que pasa por Galiza dificilmente será unha infraestrutura galega, no sentido de servir aos intereses desta nación. Acabo de escoitar na radio que o 20% dos fogares galegos vive baixo o limiar da pobreza. Quizais a cifra non sexa exacta, tanto ten. Mais o certo é que, á vista do noso escaso poder adquisitivo, non seremos nós, galegas e galegos, os principais usuarios dun tren que nos coloque en poucas horas en Madrid. Os destinatarios deste AVE serán @s madrileñ@s que veñen de fin de semana. Para iso saqueamos a nosa paisaxe? Para que os turistas volvan pronto á súa capital? Algunhas persoas, non eu, dirán que paga a pena estragar un pouco a natureza a cambio de beneficios económicos e asegurarán que a construción do AVE xera postos de traballo. Si, postos de traballo de alta sinestralidade e temporais mais, en todo caso, o AVE non é un tren de mercadorías que poida exportar os nosos produtos; é un transporte de elite para viaxeir@s apresurados, que non poden demorarse un momento, un transporte que afonda na fenda entre a Galiza interior e exterior, que vai eliminar a rede ferroviaria que podería vertebrar o noso territorio e que non evitará que usemos o automóbil porque realmente vai destinado a competir co avión. A única vez que viaxei en AVE fixen o traxecto Madrid-Zaragoza e comprendín que as mesmas razóns non valen en territorios distintos. Con todos os respectos para Aragón, aquilo era un deserto: terra pobre, sen auga, entre rochedos, erma. Apenas unha parella de voitres aniñaban nun poste á vista. Non, non todas as terras son iguais.
Máis unha cuestión: o principal argumento dos defensores das grandes infraestruturas é unha xustiza de crianzas: "se aquel o ten, eu tamén o quero". Concordo en que o estado español nos discrimina. Concordo en que non merecemos menos que outras nacións ou territorios do estado. Mais, unha vez declarado isto, quero romper a pauta da medición e a comparanza. Cada vez que reclamamos a nosa soberanía damos por sentado que ninguén debe decidir por nós. Precisamente esta autonomía moral e racional ponse a proba co asunto do AVE. Porque nós estragamos moito máis que Aragón para que circule o AVE. Porque nós podemos decidir formar parte dun mundo distinto e non emular os pobos desa España que nos traizoou tantas veces. En moitos lugares do mundo, mesmo na Europa capitalista e depredadora da que nos debemos distinguir, hai espazos de fonda acción ecolóxica. Neses espazos non se reclama esa mentira do desenvolvemento "sostíbel" -que non é máis que un lavado de cara do actual modelo produtivista-, senón que se pide directamente decrecemento. E a mensaxe anovadora que o nacionalismo supón en toda a súa acción política, mesmo na súa crítica á Europa dos mercadores, empuxa cara á ecoloxía.
Como Galiza historicamente estivo na retagarda, o nacionalismo afíxose a reclamar para ela máis de todo. Porén, hoxe estarmos na vangarda é cuestionarmos o crecemento económico porque parece demostrado que non é posíbel un crecemento infinito nun planeta finito. Se o 20% da poboación da terra que vive nos países ricos consome o 80% dos recursos naturais, non fica máis camiño que decrecer. Galiza aí vive unha contradición porque, dunha banda, por situarse en Europa forma parte dos países ricos e, por outra, non hai máis que mirar a súa realidade económica e social para nos decatarmos de que unha análise axeitada resiste a calquera simplificación. No nacionalismo reclamamos dispor dos nosos sectores produtivos para xestionalos mellor e para negarmos economías puramente especulativas. Mais iso non xustifica caer no produtivismo capitalista nin pensar en desbaldirmos recursos para sermos tan "modernos" como os outros. Nun modelo de cotas aos países subdesenvolvidos ou en vías de desenvolvementos pode permitírselles contaminar máis para alcanzaren niveis de satisfacción material semellantes aos dos países que xa levan contaminado bastante. Porén, se os países do sueste asiático se toman a serio esa posibilidade e todos os seus habitantes deciden ter carro propio e levalo a todos os seus desprazamentos como facemos nós, as reservas de petróleo apenas durarán esta década(1). Non se pode aplicar logo a lóxica de querermos o mesmo que teñan os demais para non sermos menos. Resulta excesivamente simplificador. E pouco ético.
Agora, que xa non son unha nena, espero do pensamento nacionalista galego que nos siga mantendo na vangarda. E a vangarda da acción política mundial empúxanos cara a un pensamento radicalmente anovador, humanista e solidario, como é a ecoloxía. O AVE estraga a nosa paisaxe e cando escribo isto non penso na paisaxe como nunha postal que contemplarmos, aínda que iso mesmo non sexa insignificante. As fragas, as montañas, os outeiros, os regachos non están aí como recursos dos que nos podemos servir libremente, furándoos ou cambiando o seu percorrido: son unha parte de nós, desa Galiza que debe ser preservada para as xeracións vindeiras; son integrantes da natureza cun valor de seu, que nos corresponde coidar e preservar pola nosa condición de seres racionais, se se quer de irmáns maiores. As fragas, as montañas furadas para o AVE tardaron séculos en se constituíren como tales e apenas uns meses, que tan longos se lles fan a algúns, en desapareceren para sempre, a fin de que o chucuchú do tren se sinta sonoro nos vales. A estas alturas debería ser evidente que a liberación nacional non atinxe unicamente as mulleres e os homes; debemos concederlle tamén ao territorio ese estatus de autodeterminado, soberano e libre do dente do capital: os ríos, a capa freática, as criaturas que pululan arredor de nós, os mares, as montañas, as minas, as reservas enerxéticas e as fragas precisan ser liberados.
Hoxe vivo na parroquia de Aríns, nun val deitado cara ao Ulla, que permanece case igual a como debía de ser no século XIX, agás pola imaxe da ponte do AVE ao fondo esmagando as herbeiras, secando as fontes e facéndolle sombra aos campos. Nuns anos o AVE circulará por riba das nosas casas... probabelmente baleiro ou case. Gustaríame paralizar as obras e que a ponte servise para colgar a roupa a secar ou para facer randeeiras onde tranquilamente fósemos sentar o noso desacougo ao sol.
1.-Vid. Cheynet, D. (2001): "Automóvil y decrecimiento", 164 en AAVV: Objetivo decrecimiento. Colectivo revista Silence, Leqtor, 2001.