Nin para diante, nin para atrás

Nin para diante, nin para atrás
Nestes días estase falando da reforma da Política Agraria Comunitaria (PAC) e da súa repercusión no eido rural do noso país

Nestes días estase falando da reforma da Política Agraria Comunitaria (PAC) e da súa repercusión no eido rural do noso país. Evidentemente que se trata aínda de propostas, de borradores, pero aínda así é bastante significativo o que se avanza.

Dende tempos remotos, por non dicir inmemoriables, temos falado da importancia da base territorial a hora de confrontar rendementos netos óptimos nas explotacións de vacún leiteiro. E non só dende un punto de vista puramente económico directo senón dende a visión ampla dos procesos que signifiquen unha permanencia estable no tempo. Cando se constrúe unha casa non é para o xúbilo inmediato da mesma, do seu desfrute, senón con vistas a dar un servizo de moitos anos,  cando menos tantos como a duración do préstamo hipotecario.

Con estas premisas simplemente podemos establecer coordenadas que nos sitúen no medio, tampouco son definicións ou teorías que redunden nun único camiño, xa sabemos que todos conducen a Roma. A consecución de beneficios para quen ostenten a titularidade do traballo nas explotacións son variados e útiles pero maleables según os condicionantes externos. Existen, ou existiron, explotacións que obtiveron moitos beneficios co sistema de produción predominante, coas súas eivas, que agora están afogadas polos distintos factores dos que falaba. Os insumos pasaron de ser aliados de fácil trato a cómplices das noites máis frías.

Máis estamos a falar dun sector primario, cunha importancia vital para o desenrolo das sociedades e do seu benestar. Lamentablemente, hoxe, as políticas agrarias establecidas dende os distintos organismos perverteron esa imaxe, ese fin último, e convertérona nun simple acto de mercadoría que se mostra, por veces, inmoral diante da cidadanía. O desacoplamento da produción nas axudas, independentemente do seu uso, provoca situacións estrañas que non contribúen a fomentar a fixación de activos agrarios.

Todo isto planea sobre as nosas cabezas dende fai tempo, pero velaí que a situación pode ser revertida e converterse nun arma de dobre fío, toda vez que os cambios estruturais non se teñen dado. As distintas políticas aplicadas dende os gobernos foron case que unidireccionais, pero tivemos a nosa oportunidade. A contribución do BNG na Consellería do Medio Rural non foi una aposta de cara á galería, hoxe, cos datos que hai enriba da mesa, podemos apreciar o transfundo e o camiño que se abría. Os procesos internos dos sectores teñen que ser protagonizados polos propios actores, pero a actuación ou intervención dos poderes políticos son os que poden e deben asumir as orientacións, a apertura de novos guieiros que redunden en propostas adaptadas ao medio no que se pretenden aplicar. As políticas de despacho non funcionan.

Hoxe, posiblemente, poderíamos dicir que perdemos o tempo, que o malgastamos. A mobilización de terras agrarias, o cese da forestación das mesmas, a orientación das producións cara a modelos máis sustentables deberían facer que máis de un ou de unha se sintan arrepentindo dos seus actos. Pero non hai tempo para mirar atrás, senón de modelar de novo, de dicir en voz alta dunha vez por todas o que queremos, de quitarnos a careta e deixar de ser manexados por espurios intereses alleos ao noso fin. O exemplo dun grupo lácteo galego está á vista e as actuacións que se levaron a cabo pola administración tamén, imaxino que a xente tomará nota e analizará polo miúdo a implicación e o desastre que dende a Consellería do Medio Rural se realizou.

A reforma prevista fala de establecer as axudas en función da superficie agraria das explotacións, que curioso. Este termo que nos podería alegrar por supor unha práctica sustentable, máis respectuosa co medio, ecolóxica até certo punto, hoxe fainos ter que mirar para outro lado e rexeitala por non ser favorecedora aos intereses da nosa agricultura. Atopamos maior contradición? É difícil centrarse de forma correcta sen caer nas nosas trampas, no base dos nosos principios, pero é a realidade. Hoxe que poderiamos estar ledos por que, ao fin, a comisión europea optara por racionalizar (cando menos algo) as producións agrarias, hoxe temos que falar en contra ou calar??????

Evidentemente as axudas non o son todo e, polo que parece, o verdadeiro problema sigue sen resolverse e non é outro que o establecemento de prezos dignos, o fortalecemento dos mercados internos e de proximidade, a diversificación da produción, etc, pero claro iso xa é meterse noutro fariñal e revolver o sistema que sigue favorecendo aos intermediarios en detrimento dun produto final para os consumidores.

Queda moito por falar, por destapar, pero o tempo, mundano el, acaba golpeándonos de cheo e converternos en seres moito máis pequenos do que pensamos que somos. As palabras, os feitos están aí, só hai que ter valor para recoñecelos. Cadaquén que saque as súas conclusións.