Montes veciñais e baldíos: A problemas comúns, resposta conxunta

Montes veciñais e baldíos: A problemas comúns, resposta conxunta
A loita pola defensa de estas terras, sitúase nun primeiro plano e precisa de unha resposta unitaria dos compartes portugueses e da veciñanza comuneira galega

Nos pasados meses de abril e maio, tiveron lugar en Portugal, dous foros importantes relacionados cos montes veciñais galegos e cos baldíos portugueses. Estes dous eventos foron o "1º Congreso Galaico-Portugués das Áreas Comunitarias", celebrado en Mondin de Bastos e "A Economía dos lugares remotos", celebrado en Louça. Ambos os dous eventos foron convocados pola Asociaçao para a Cooperaçao entre Baldíos e pola parte galega, asistiu a Organización Galega de Comunidades de montes.

Cómpre destacar nos dous foros, a presenza do Sr. Fernando Oliveira Baptista, que foi Ministro de Agricultura nos primeiros gobernos da Revoluçao dos Caraveis (goberno de Vasco Gonçalves) e que puxo en marcha a Reforma Agraria, reforma que logo, paso a paso foi desmantelada por sucesivos gobernos do Partido Socialista Portugués; e a presenza do xurista Sr. Antonio Bica, que dende o seu posto de Director Geral das Florestas, tamén nos primeiros gobernos derivados da Revoluçao dos Caraveis, foi o promotor da Lei de Baldíos, mediante a cal, estas terras pasaron a titularidade dos compartes.

Nos debates de estes dous foros, constatouse o acoso a que están sometidas estas terras comunitarias por parte do capitalismo co obxectivo de privatizalas ou apropialas  e o feito de que as políticas europeas de desenvolvemento rural, non son as adecuadas, nin para os territorios rurais galego e portugués, nen para  as populación que moran esas terras. O capitalismo transnacional, fase actual do capitalismo, tamén chamado globalización, que xa privatizou todos os servizos públicos dos Estados (apenas queda sen privatizar parte do ensino e parte da sanidade), ten posto no seu punto de mira, a privatización de estas terras comunitarias. O capitalismo non acepta a existencia de terras comunitarias onde os seus titulares, xestionan democraticamente os seus recursos.


Non é casual que , o goberno galego de dereitas e goberno portugués (daquela socialdemócrata), as dúas caras de mesma moeda capitalista, pretendan a privatización destas terras comunitarias que son os montes veciñais e os baldíos. O primeiro mediante a modificación da lei de montes veciñais e o segundo mediante a promulgación do Regulamento da Lei de Baldíos. Como, tampouco é casual que as modificacións previstas polos dous gobernos vaian na mesma dirección. A saber: eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal para que estas terras entren no tráfico do comercio, eliminación da veciñanza como único requisito para gozar dos dereitos de estas terras e a eliminación da xestión asemblearia e democrática de estas terras.

As políticas europeas de desenvolvemento rural, para que sexan efectivas, teñen que formar parte da política de cohesión e as medidas que as acompañen, teñen que ser multisectoriais. Se non é así, se só se busca a rendibilidade económica, cada ano, van ser menos poboación e menos territorio os beneficiados. Se se quere acadar un medio rural vivo, con un desenvolvemento sustentable e equilibrado, o territorio, ten que estar habitado. Cabo disto, as políticas europeas que potencien o medio rural, non poden esixir única e exclusivamente a acreditación de unha viabilidade económica, senón que teñen que ter en conta a función social que cumpren, que polo de agora, foi a grande esquecida. As políticas europeas de desenvolvemento rural, foron e son, elaboradas ao marxe dos intereses das persoas que viven, traballan e xestionan o medio rural. As políticas europeas de desenvolvemento rural, non avanzan na dirección correcta. Cómpre darlle unha volta, precisa unha nova orientación. Esta nova orientación ter que camiñar por entender a política de desenvolvemento rural como unha política multisectorial, onde teña un peso importante a función social.

Máis dun millón de hectáreas de terras comunitarias portuguesas e galegas (máis as que pode haber no resto de Europa), corren o risco de ser privatizadas. De serllas roubadas aos seus lexítimos titulares para entregarllas ao capital. A loita pola defensa de estas terras, sitúase nun primeiro plano e precisa de unha resposta unitaria dos compartes portugueses e da veciñanza comuneira galega. O mesmo que o logro de unha política de desenvolvemento rural que beneficie as poboacións que aínda se resisten a abandonar este medio. De aí que as conclusións dos dous eventos arriba citados fosen: A celebración dun Congreso Europeo das terras comunitarias e a reivindicación doutra política para o medio rural.

Agora ben, a loita pola defensa de estas terras comunitarias, non é soamente unha loita pola titularidade das mesmas. É tamén unha loita pola defensa do territorio e pola súa posta en valor de xeito multifuncional e sustentábel. E, en definitiva unha loita polo País. De aí que debería contar como aliados as maiorías sociais dos países respectivos. Se cadra, e agora que o nacionalismo galego vai ter representación de cheo no Parlamento Europeo (na persoa da eurodeputada Ana Miranda ), puidera ser interesante, que se levasen á Unión Europeia, as conclusións do 1º Congreso Galaico-Portugués das Áreas Comunitarias e do Encontro da Economía dos lugares remotos.