Moito leite dá a nosa vaca rubia

Moito leite dá a nosa vaca rubia
A Banca privada está a muxir a vaca pública ate que seque, e despois....?

Dicía o Padre Astete no seu catecismo da era fascista española que “Fe é crer o que non vemos”, din os teólogos do OPUS actuais que “Fe é crer o contrario do que estamos vendo”. Por exemplo que os aforros que todos os que traballamos e producimos traspasados aos bancos ao través do Estado durante estes anos producirán a resurrección das economías no futuro a pesares de ser enterrados non sabemos onde; ou que si lle retiramos os ingresos as Comunidades Autónomas mellorarán os servizos de asistencia pública e poderemos xubilarnos antes e con mellores pensións, ou que si Galiza entrega os seus petos de aforro nas mans do demo virá un anxo rescatador en forma de dama xermana e mexará unha choiva de euros de ouro puro. Namentres non estudemos teoloxía vai ser imposíbel entender a economía.

Outra das vías de aproximación a realidade económica e social do noso país, Galiza pode ser profundar na análise da vida obra e milagres das nosas domesticadas especies rurais, como a vacún ou a asnal.

O capitalismo na súa fase actual e rexentado aquí e agora por Raxoi ou Feijoo ofrécenos tres posibilidades moi meritorias para gañar a vida eterna con moito antes que facíamos no pasado:
 
A) Traballar como unha vaca (do país).
B)Andar cargados como un burro (fariñeiro).
C) Ouvear como un can (de palleiro).
 
Poderíamos incluso adaptar as alternativas por etapas vitais: A “A” para os adultos, a “B” para os vellos e a “C” para a mocidade. Para que despois digamos que o PP non ten alternativas patrióticas galegas.
 
Grazas a ter nacido e vivido no rural aprendín uns mínimos de economía animal que serve hoxe en día de guieiro intelectual para defenderme dos ataques a lóxica e a intelixencia que en tódolos medios de comunicación propagan eminentes catedráticos ou cínicos “barrigas-verdes” con figura de ministros.
 
Un destes aprendizaxes que non se me esquecerá na vida foi a vida ( valla a redundancia) da nosa vaca Rubia. Traballou como unha vaca, deu leite como unha pincheira, foi unha excelente ama de cría e cando lle tiñan prometido que iría vir un tractor para darlle unha xubilación feliz foi parar cos seus oso e pelexa a Chacineira de Monforte.

Antes dela había un feudalismo mais estábel e menos especulador que dividía o traballo entre bois e vacas. Os bois andaban todo o día xunguidos e as vacas cando facía falla. Tiñan mais tempo para pacer e unha vida mais pracenteira. Estaban mellor mantidas e ate andaban mais cedo ao boi. Recordo que a vaca Rubia viña cun xatiño ao pe deulla meu pai a un tratante de Reigada pola parella de bois (o Morito e o Castaño) que andaban na serra da Medorra. Traer a casa un carro de carrascos foi o derradeiro traballo dos bois.

Daquela había que desfacerse dos bois porque non daban leite e non eran rendíbeis, hoxe din que tampouco son rendíbeis as vacas. Daquela había que emigrar para Alemaña para aforrar pra un tractor como emigrou meu pai deixando a vaca Rubia e ao se fillo de tractor provisional. Hoxe dinlle aos novos/que emigren para Alemaña para ir ser probes a outro lado, deixar o seu País e non aforrar nada. E si por casualidade aforasen algo xa verían de confundirllo a base de xogos máxicos deses de casino que fan os “tres tristes trileiros”, chamados TROI-KA. ¡ que pouco mudaron os mundos e as formas de explotación! Dirán hoxe as vacas descendentes, varias xeracións despois, do xato Rubio, fillo da Rubia, que tiña unha xenética especial para procrear féminas.

Temos os humanos a torpeza de chamarlle “burrada” a teimosía do asno, seguramente que polo complexo que sentimos fronte a un animal que é totalmente contrario a que o leven por onde lle convén ao amo. ¿Pensa alguén que si tiveramos a intelixencia do burro aturaríamos por novena vez que nos quitaran a cebada do fociño para botala na maseira dos porcos banqueiros?

Vistes a un burro diante dunha gabia profunda ou dun rego de auga pasar voluntariamente a fronteira do descoñecido por mais herba verde que divise do outro lado? Vistes a un burro algunha vez confundir un partido de fútbol coas cousas de comer? Si os burros tiveran eleccións, votarían sempre as mesmas burradas?

Imaxinades que se o burro carreta tódolos días cebada para o amo Estado que agarda a que o amo Estada lla día ao señorito para ornear e reclamala?

Dixéronnos durante moito tempo que había que facer s cousas “como deus manda” pero inda así sabiamos distinguir o que mandaba deus, ou o que manda o crego ou cacique que vai acabalo de nos. Os burros hai que atarlles a carga porque si non apéana; e a nos cárgannos con impostos, recortes, estafas, roubos, sen posibilidade de herba nin cortello e dinnos que debemos soportar tódalas cargas porque os arrieiros do mercado están cargados de ira. Ao final quérennos levar a reflexión obrigada do debuxo de Castelao onde o burro do arrieiro so lle quedaba un descanso: O tempo que o pau tardaba en ir e vir ao lombo. ¿ Porqué Castelao, que non era economista, adiviñaría fai tantos anos a ira dos mercados?...

Non pensedes agora que vou desprezar ao can de palleiro dicindo que é pasivo e non se quere apartar do pendello ou da currada por comodidade ou por non saír a buscarse a vida. Non home non, xa o fixeron así os que fai moitos anos pretendían que nun prazo curto desaparecese o can, o dono e mais o palleiro. E polo camiño que nos teñen trazado os señores de “El Camino” dentro de pouco nas nosas aldeas xa non quedan aldeáns nin can que lle ladre.

¿Recordades o can famélico de Castelao? ¿Quen lle diría a Castelao que Feijoo era o enviado de deus para acabar con Galiza?

Independentemente das actitudes individuais a mocidade de hoxe é como a de sempre, como os cans de palleiro foron sempre fieis as súas casa e as súas terras o que muda é que xa non teñen onde abrigarse, porque nun país con tantos recursos e tantos recunchos caeunos unha praga de pulgas a que estamos tan afeitos que non sabemos vivir sen elas. E si con Fraga xa estabamos ben cheos de pulgas agora con Feijoo, a parte de ter malas pulgas, ten para Galiza unhas carrachas “preferentes” que apañou polos poleiros de España adiante que se fixan a pelexa, zúgannos o sangue, inchan como pelotas e canto mais eles inchan mais degaxamos nos. Comprendedes que a nosa mocidade non lles queda mais remedio que ouvear?.

Pero inda que estou a describir animais domésticos e amansados ( liberais, socialdemócratas, modernos, integrados no sistema, posibilistas, anti-comunistas e de boas pulgas), non pensemos que todo foi sempre así nin que será, porque como moi ben lle dixo –tamén de Castelao- o raposo ao can “non che nacín para can”.

Non é o momento de discutir si merece ou non a pena domesticarse. Soamente queda deixarse mallar ou rebelarse. Termar do país ou extinguirse. Ate os domesticados e amansados sindicatos españois teñen que disimular e saír a rua antes que as galiñas se lle marchen para outros galiñeiros. Non queda mais remedio que pasar do dereito ao patexar a dar patadas.

Xa demos moito leite, o muxidor so entenderá si lle damos unha patada a canada....