Medidas urxentes para a recuperación do sector naval

Medidas urxentes para a recuperación do sector naval
O nacionalismo levou o debate ao Parlamento Galego con medidas concretas

O sector naval galego, que viviu a súa maior expansión nos anos de desenvolvemento grazas a protección e os subsidios do Estado, enfrontou a mediados dos anos setenta a crise do transporte marítimo e os efectos da incorporación na CEE e nos anos 80 e posteriores, sufre os grandes procesos de desmantelamento da súa capacidade de construción reflectido tanto no número de empresas como, sobre todo, no número de traballadores ocupados así como a súa transformación, converténdose os estaleiros en empresas de síntese e descargando a maior parte da responsabilidade operativa nas industrias auxiliares.

Sucesivos desmantelamentos, que non reconversións, teñen levado ao sector á máis mínima expresión, estando nestes momentos nunha situación crucial da que depende a súa continuidade ou a súa desaparición ata chegar aos extremos da súa extinción ou, en todo caso, da súa redución ate extremos testimoniais. A nula carteira de pedidos, os progresivos expedientes de regulación de emprego (perdeu en quince meses 5.000 traballadores) e a falla de financiamento ten orixinado que o sector no seu conxunto, pero nomeadamente as empresas auxiliares fagan unha chamada a desesperada, pois a súa continuidade pasa por poder refinanciar ás súas débedas para continuar ou desaparecer.

Pola contra, o Goberno galego lonxe de liderar a reposta necesaria, adícase a realizar proclamas publicitarias enmarcadas no proceso electoral que vivimos, pero seguindo ausente e consumido na inacción, deixando o sector e os medios postos en marcha polo BNG no Goberno de coalición esmorecendo sen prestarlle a máis mínima atención. Moitos réditos electorais poderanlle subministrar ao Partido Popular, e mesmamente aos "socialistas" ás necesidades de financiamento do naval ao vender as garantías que teñen as administracións con vistas ás municipais; máis as declaracións do conselleiro de Economía e Industria de que "o Goberno galego non quere ser o protagonista da recuperación económica" pódese enmarcar dentro da incapacidade e ineficacia deste Goberno.

Na vez de continuar co traballo desenvolto polo BNG dende o anterior Goberno galego, aproveitando os anos de plena carga de traballo e desenvolver os instrumentos que poderían dotar de maior robustez tecnolóxica, impulsaría a industria de bens de equipo e sentaría as bases para un sector altamente competitivo a medio prazo non desenvolve un verdadeiro plan para o sector con medidas a curto e medio prazo. Así asumiu o nacionalismo esta situación e por iso foi o único grupo que levou o debate ao Parlamento galego con medidas concretas, pero os dous grupos restantes votaron en contra pola sinxela razón de que entenden que o naval é un sector sen futuro. Pero a serie de medidas que propuxemos son a curto, medio e longo prazo e son as esenciais para garantir a viabilidade e a continuidade dun segmento da nosa economía.

Medidas como:

- Habilitar unha liña especial de avais para o sector naval galego que permitan garantir a viabilidade económica das empresas integradas nesta actividade, para poder refinanciar a súa débeda e facer fronte a carga de traballo condicionando, a súa vez, ás concedidas aos estaleiros ao pago da débeda que manteñan coa industria auxiliar naval,

- Evitar despedimentos precipitados neste período de conxuntura, preservando os postos de traballo e retendo a man de obra altamente cualificada, que xa escaseou nos últimos anos.

- Non permitir que a capacidade de produción dos estaleiros diminúa por debaixo dunha masa crítica, pois como consecuencia, e nun futuro moi próximo, non se estaría en condicións de producir buques ou atender outras demandas (reparación, transformación, etc..)

- Desenvolvemento dun plan específico de formación prestando especial atención ás necesidades do sector para elevar a cualificación profesional e que, aproveitando o tempo de inactividade das empresas, poña en marcha medíante axudas de custo e cursos remunerados.

- Establecemento de medidas complementarias de apoio para as empresas que se atopen en situación de ERE suspensivo ou de redución de xornada, mediante complementos da prestación por desemprego.

- Potenciar o centro de reparacións na ría de Vigo, aproveitando as sinerxías existentes no armazón industrial e derivado do tráfico do Porto e a da súa propia localización nunha zona de intenso tráfico marítimo. Dentro desta actividade aproveitar as necesidades existentes e derivadas dun mercado emerxente como é o da transformación dos buques de "segunda man".

- Habilitación dunha liña de axudas para o fomento do uso das deducións fiscais e das bonificacións na cotización á Seguridade Social por actividades de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i), no ámbito do sector naval, abranguendo tamén á industria auxiliar e á produción de bens de equipo.

- Promover unha maior coordinación e conexión entre o conxunto das empresas asentadas nos dous núcleos da actividade naval para, con carácter integral, lograr unha mellorara continua da súa xestión (inclusive no acceso a bens e materiais), dos seus desenvolvementos e procesos técnicos e tecnolóxicos, converténdose nun referente nos novos deseños e nas novas estratexias construtivas.

- A posta en marcha dunha unidade tecnolóxica oceanográfica, que estará situada na futura Cidade do Mar, e servirá de base para os buques oceanográficos, tendo como obxectivo o soporte técnico, loxístico e tecnolóxico á administración na prestación de servizos de apoio á investigación oceanográfica e pesqueira e no deseño e desenvolvemento avanzado de tecnoloxía para a observación do océano, destacando dentro destas actividades, a realización de investigación tecnolóxica que serva non só para lograr avances nos buques oceanográficos senón tamén para transferir estes desenvolvementos á industria naval civil.

- Habilitar liñas de actuación orientadas á I+D+i que teñan como obxectivo o potenciación do subsector de bens de equipo, o incremento da seguridade e o respecto ao medio ambiente así como ao aforro enerxético para lograr unha diminución do consumo global da enerxía a bordo, mediante a eficiencia dos sistemas, a mellora dos deseños, a incorporación de novos materiais de propulsión, a hidrodinámica e o illamento, así como a aplicación de novas técnicas aplicadas ao mantemento do buque e a utilización de novas fontes de enerxía de propulsión e para os servizos auxiliares a bordo.

- Promover, mediante a Comisión do Arco Atlántico, á Comisión Europea e aos estados membros a implantación sen demora dun programa de emerxencia para contrarrestar os prexuízos que esta ocasionando a escasa actividade no sector.

- Potenciar o CETNAGA, Centro Tecnolóxico do Naval Galego, como confluencia do interese e obxectivos da administración galega, o conxunto do sector e as sinerxías das universidades no camiño do fortalecemento, potenciación, crecemento e mellora da competitividade na industria naval galega, mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, permitindo a recollida de toda experiencia e coñecemento de aquelas persoas que, por motivo das distintas reconversións, tiveron que desvincularse do sector.

E a súa vez solicitar do Goberno do Estado a:

- Promover de xeito conxunto e a nivel da comunidade europea, e con obxectivo de facer posíbel que o sector naval supere a crise, a aplicación a curto prazo de medidas de carácter temporal que teñan en consideración a especificidade do sector.

- Instar á Comisión Europea a eliminación do veto a construción naval civil de Navantia.

- Esixir á SEPI que impulse, dinamice e poña en coñecemento do sector marítimo o centro de reparacións de Navantia en Ferrol, ao obxecto de incrementar a carga de traballo de reparación e transformación e botar a andar un centro de reparacións nas instalacións de Navantia-Fene, recollido no estudo elaborado polo Goberno galego anterior sobre a ría de Ferrol e o sector naval.

- Que promova dentro da UE novos mecanismos de financiamento a longo prazo do sector creando, conxuntamente co BEI, un instrumento europeo para a financiamento dos estaleiros e a industria auxiliar.

- Apoiar e adoptar medidas máis incisivas para favorecer a navegación fluvial, nomeadamente a de transporte de mercadorías, a marítima de curta distancia, as autoestradas do mar e buques adecuados para estes servizos que cumpran coas mais esixentes recomendacións ecolóxicas e enerxéticas.

- A promover dentro da UE a modernización da flota pesqueira baixo os criterios de mellora na seguridade e o maior respecto ao medio ambiente.

- A promover o pago dunha cota ou arancel para os barcos que toquen regularmente os portos europeos pero que non foran construídos nos estaleiros comunitarios. O resultado desta recadación pasaría a formar un fondo de garantías para o conxunto do sector naval europeo.

Estas medidas son imprescindíbeis para que o sector naval teña continuidade na súa actividade e saia reforzado da crise pola que atravesa.