¡¡¡MAYDAY, MAYDAY, MAYDAY!!!

¡¡¡MAYDAY, MAYDAY, MAYDAY!!!
Como no Prestige, na crise hai demasiadas cousas que sigan a estar como antes do comezo da catástrofe

A estas alturas existe case un consenso total sobre a orixe e as causas que provocaron a actual crise que estamos a vivir. Pola contra, as opinións son máis que diverxentes cando se fala de cómo saír dela.

Algún cremos, cada vez máis firmemente, que os banqueiros, os grandes inversores, os especuladores, vanno facer "sen despeitearse". Todos os efectos da súa busca de hiperrendabilidade a curto prazo e da falsidade dos seus balances económicos ímola sufragar os que pagamos os nosos impostos. De facto, xa somos os contribuíntes e os orzamentos dos estados -que, dende hai anos, dedicáronse a eliminar a súa propia capacidade regulatoria e a desmantelar os seus instrumentos de intervención na economía e a favor da cohesión social- os únicos que estamos a pagar as facturas dos desmáns dos mercados financeiros internacionais.

Ao principio desta crise, e durante algún tempo, parecía que se ían acometer reformas en materia de regulación e control público das entidades financeiras e do seu latrocinio. A día de hoxe está claro xa que o reformismo financeiro quedou en nada e que seguimos asistindo ao espectáculo macabro do fortalecemento e empoderamento dese mesmo sistema que nos trouxo ata este punto no que estamos.

En definitiva, somos nós, a clase traballadora, os que pagamos a un altísimo prezo esta crise con medidas que padecemos en carne propia: Redución da calidade e cantidade dos servizos públicos, elevadísimo número de persoas desempregadas, redución dos salarios, abaratamento do custe do despido, raquitismo do sistema público de pensións, aumento dos impostos indirectos ... ¡¡¡MAYDAY, MAYDAY, MAYDAY!!!.

Neste contexto véñenseme á cabeza as imaxes daquel novembro do 2002, no que o chapapote que asulagaba as costas do nos país atopouse cunha marea humana e coa resposta inmediata e desesperada dos homes e mulleres dos pobos de toda a beiramar.

Daquela, fronte a un Estado e uns poderes públicos reticentes a poñer os seus recursos ao servizo do pobo, ergueuse un movemento cidadá capaz de autoorganizarse, sen medios pero inventándoos a partir dos recursos máis básicos e elementais. Daquela evidenciouse como nunca antes que o Estado, dotado de moitos medios, estaba ao servizo doutros intereses, e só a presión da propia catástrofe, das mobilizacións, obrigáronno a respostar.

Daquela, diante da ausencia, e moitas veces diante do propio ataque do Estado, os mariñeiros galegos, as confrarías, as mariscadoras ... o pobo galego demostraron que este Estado non é imprescindíbel. Moi ao contrario, organizáronse e fixeron fronte á traxedia.

Neste contexto de pesimismo, de chapapote negro que o abrangue todo -e a pesar de que os tertulianos pagados polo poder repiten unha e outra vez que non hai outra forma de saír da crise distinta aos recortes sociais brutais que se están a levar a cabo- temos que, igual que no 2002, coas nosas propias mans erguer a bandeira da defensa da clase traballadora e do país.

Neste momento é cando debemos reaxir, mobilizarnos e defender que a crise pódenna e débenna pagar os que a provocaron, é cando debemos blindarnos fronte a novas burbullas, novos capitalismos salvaxes e desregulados,e novos financeiros de casino.

De quen pague a crise e de cómo se pague vai depender o noso nivel de cohesión social, de liberdade e de democracia no futuro.