Mass media = Menos crise

Mass media = Menos crise
Onde está a bara que mide que acontecemento desafortunado (intencionado ou non) é maior que outro?

Dá a sensación de que as desgrazas son maiores cando son desgrazas mediáticas. Na nosa memoria recente de seres mediatizados temos a morte de Miguel Ángel Blanco, o Prestige, o 11-S, o 11-M... acontecementos tráxicos que tiveron un amplo espazo informativo nos medios. Traxedias que nalgún caso conmoveron os televidentes, noutros desataron unha rabia contida e que, en menor ou maior medida, sacaron o noso lado máis humán ao sentirnos identificados tamén, en maior ou menor medida, cos feitos acaecidos. Onde está a vara que mide que acontecemento desafortunado (intencionado ou non) é maior que outro? Que é o que mide a dor de tal xeito que ocupe uns segundos ou toda unha tarde nunha televisión? Cal é a balanza que calcula o peso da gravidade dos feitos? Non creo que sexa cuantificable, pero moitas veces dá a sensación de que hai traxedias que carecen de importancia.

O día da folga xeral, un traballador morreu esmagado por unha prancha de metal mentres facía uso do tan loable e mediático dereito ao traballo. Levaba 14 horas seguidas traballando. No intre de coñecer a nova veume á memoria un rapaz de 16 anos que tamén morreu esmagado nunha canteira traballando un Domingo. Son mortes que semellan pasar desapercibidas. Serían máis dolorosas se saíran as imaxes, os compañeiros de traballo lamentándose? Serían máis humanas se as súas parellas ou pais sairán chorando? Se un alcalde ou conselleiro lles dera unha medalla a título póstumo?

Tal vez así alguén se identificara máis con eles ou se comezaría a aplicar o pé da letra a Lei de Prevención de Riscos Laborais?

A crise financeira provocada pola especulación bancaria e inmobiliaria desembocou nunha crise de produción e de comercio. Levamos nesta situación dous anos e neste tempo houbo moitísimas desgrazas humanas froito desta crise. Estamos vivindo unha traxedia diaria, na cal nos vemos inmersos por unha xestión pésima dos gobernos estatal e autonómico. Para as maiorías sociais os recortes e reformas que se están acometendo van provocar a medio prazo unha pauperización das condicións de traballo e dos dereitos laborais, unha volta ao pasado. A curto prazo as consecuencias son evidentes e a longo prazo o Capital dirá.

Esta crise é unha traxedia colectiva cúmulo de centos de miles de traxedias individuais: familias nas que ningún dos seus membros percibe ningunha prestación, persoas que xa non se sinten útiles, empresarios arruinados, traballadores no desemprego...

Mentres isto acontece en miles de fogares, nos medios de comunicación, pasan desapercibidos e pola contra canles (do "grupo socialista") como La Sexta nos agasallan unha serie de programas como "Mujeres Ricas" ou "Quién vive en esta casa?". Programas que insultan a sensibilidade colectiva co seu exhibicionismo de riquezas e privilexios. Agochando sempre a fonte destes caudalosos bens, probablemente da fonte na que os capitalistas máis fortunas amasan: o roubo, a estafa, a especulación e a explotación. Móstrannos un disfrace da realidade social onde uns non existen.

As causas desta crise están enmascaradas nos medios, de tal xeito que a maioría social crese complice désta, síntese culpábel. Culpábeis do déficit, responsábeis de que as cousas non poidan ir como antes. Como non se van sentir corresponsábeis desta crise se llo levan repetindo dous anos?

Levan toda a crise aboando o camiño para que estas reformas e recortes de dereitos non teñan oposición. Ao lema "estoloarreglamosentretodos.org" ímolo infectar co virus "acriseactualqueapagueocapital.cig", a ver se conseguimos rachar esas vendas de mentiras socialmente aceptadas.

No 2008 o 20% dos galegos e galegas acumulaban máis riqueza que o 80% restante. Cando remate este período de recesión (calcúlase que sobre o 2014) o 10% dos galegos acumularan máis riqueza que o outro 90%. Non viña nada mal que a prensa informase con imparcialidade e obxectividade. Basta de dar morfina para soportar a dor. É preciso informar con rigor e darlle a trascendencia mediática que se merece, como gran traxedia colectiva que é.

Estes que tanto enchen as súas bocas coa "liberdade de expresión" deberían rebuscar na súa conciencia onde deixaron o "dereito á información". A independencia informativa no noso país e no estado español non existe, é unha marabillosa utopía. Eu, ás directivas que vixían que ninguén se despiste das súas liñas editoriais, lles poño o seguinte castigo:

Que repitan mil veces para os mal informados cidadáns:

TVE disfraza a realidade, Antena 3 disfraza a realidade, Telecinco disfraza a realidade, La Sexta disfraza a realidade, Cuatro disfraza a realidade, Intereconomía disfraza a realidade, A RTVG disfraza a realidade, La Voz de Galicia disfraza a realidade, Faro de Vigo disfraza a realidade, O Xornal de Galicia disfraza a realidade...
Mentres tanto nós, dende as trincheiras da dignidade, seguiremos informando.