Marx tiña razón

O Executivo do Estado moderno non é máis que o comité de administración dos negocios da burguesía

É obvio que non é nada sorprendente que un marxista coloque nun artigo o título que antecede a estas palabras, pero hai momentos na historia -e este é un deses momentos- en que a afirmación do obvio resulta un acto revolucionario.

Si, Marx tiña razón cando escribiu que "o Executivo do Estado moderno non é máis que o comité de administración dos negocios da burguesía". Para o autor de Das Kapital, o esencial é a natureza de clase do Estado e non a forma concreta de goberno  que ese Estado adopta. E a natureza de clase dos Estados no sistema-mundo do capitalismo globalizado está á vista de todos: é máis burguesa e oligárquica que no século XIX en que Marx viviu e produciu a súa obra.

A burguesía (cada día máis monopolística) existe. O proletariado (cada día máis atomizado e despistado), tamén. Non existen coa forma do século XIX, pero continúan a ser categorías básicas para entender a sociedade. Como o son tamén o centro e a periferia, o Imperio, as colonias, as semicolonias. Sen eses conceitos non é posíbel entender nada e se non entendemos nada non podemos transformar nada (e perdoade se isto soa a nihilismo, non o é, é, antes que nada, unha chamada á acción).

A verdade é que no capitalismo realmente existente a exhibición do carácter de clase (burgués) do Estado é dunha obscenidade absoluta. Non é só que Zapatero se reunise na Moncloa cos plutócratas españois en pleno: é que previamente o fixo co oligarca xefe europeu, o presidente do Deutsch Bank. E non é só que se reúnan (cousa que en si mesma non sería condenábel), é que a reunión é para recibir ordes. Así funciona o comité de administración dos negocios da burguesía. En épocas máis ou menos ordinarias, o comité de administración dos negocios da burguesía (formado por políticos profesionais) compórtase como se funcionase autonomamente, como eses executivos que dirixen as empresas tal que fosen propias e non dos donos capitalistas. Mais en épocas turbulentas e de crise, o comité de administración dos negocios da burguesía vese impotente e desbordado pola marcha da historia e entón fica en evidencia a súa absoluta dependencia dos burgueses xefes. Ese é o momento en que Emilio Botín e cia aparecen na Moncloa sen nengún tipo de embozo a tomar posesión da súa casa. Ese é o momento en que a democracia devén en plutocracia.

Nunha recente entrevista en El País, Zapatero anunciou que non ía introducir novos retallamentos sociais. Ese compromiso xa se viu superado polos acontecimentos. A palabra dun presidente non vale nada. Ningún compromiso ten ningún valor ante a presión dos xogadores no casino capitalista, así que Zapatero en breve se verá obrigado a desmentirse por enésima vez a si mesmo. Haberá máis retallamentos e máis duros para as maiorías sociais. A ditadura dos mercados exprésase con toda crueza, até o punto de dinamitar o carácter formal da democracia. Xa nin formal é. Son os mercados os que mandan e os políticos profesionais que representan a burguesía nen sequer maquillan a realidade. Compiten por ver quen resulta máis simpático aos ollos dos especuladores financeiros. Así as cousas, o grande capital financeiro quer máis. Está na súa natureza non coñecer límites. Quer máis xuros no pagamento da débeda, si, pero tamén maiores taxas de explotación e maiores taxas de plusvalía. En realidade, este último é o obxectivo final. Non se persegue tanto obter altos xuros na subscrición dos títulos do tesouro público, senón que desde o Estado se colabore para facer aínda máis escandalosa a acumulación do capital en poucas mans: máis privatizacións, despedimentos máis baratos, pensións máis baixas, menos emprego público.

A BURGUESÍA NON SE VAI REGULAR A SI MESMA

O problema non está tanto no neoliberalismo como na propia lóxica de funcionamento do sistema capitalista. Os chamados mercados financeiros non é que sexan voraces,  simplesmente funcionan así. O reformismo defende a perspectiva da súa regulación para saír da crise, pero esa perspectiva é utópica porque os eventuais reguladores son os Estados e os Estados son o comité de administración da burguesía. E a burguesía non se vai a regular a si mesma, como tampouco o fixo no seu tempo a aristocracia feudal.

Visto así, o problema é basicamente político. Voltemos a Marx: é un problema de economía política, isto é, de que grupo social detenta en definitiva o poder para gobernar a economía no seu beneficio. O problema só se resolverá se somos quen de levantar un movemento social de defensa da Democracia (a real, non a formal) na perspectiva de que sexan os sectores populares os que estean en condicións de ditar as políticas aos Estados. Trátase de desprivatizar os aparatos políticos, de colocalos nunha órbita popular e non oligárquica. Trátase de relevar das súas funcións ao consello de administración dos negocios da burguesía.

CLASE E NACIÓN

Non nos confundamos: non é posíbel unha acción política transformadora sen ter en conta o contido de clase. Nas condicións de Galiza como nación periférica colonizada, non é posíbel sen termos en conta que clase traballadora e nación funcionan na práctica como sinónimos (e aquí utilizo a expresión "clase traballadora" nun sentido amplo: asalariados, autónomos, pequenos empresarios...). A nación galega é o conxunto de cidadáns e cidadás que viven do seu traballo ou que teñen sido excluídos do traballo polo capital e fan parte do exército de reserva de desempregados e desempregadas. Ese é o pobo galego real. O que hoxe por hoxe non pinta nada nos cenáculos do poder.

Non saíremos da crise se o pobo galego non comeza a aspirar en serio a exercer o poder, se o pobo galego non repara en que o aparato político (tanto o goberno da Xunta como o español) está a ser ocupado por partidos que só representan os intereses da minoría oligárquica.

Ou imos a por todas (a criar espazos de poder popular, a reconquistarmos a Democracia) ou teremos que resignarnos a que o comité de administración dos negocios da burguesía continúe a repartir dividendos e a encherse os petos a nosa costa.