Máis madeira!

O monte no debate político. O actual borrador da lei de montes amósanos un modelo de monte ancorado no patrimonio forestal dos anos 40 do século pasado

Outro modelo de monte é necesario


Están aparecendo numerosos sinais (pragas, doenzas, incendios forestais,...) que nos están a avisar de que o actual modelo de monte non funciona e provoca numerosos problemas en todo o territorio.

A aposta en exclusivo polo monocultivo (e ademais o seu aproveitamento concentrado nun só produto, madeira para trituración) xera efectos non desexados no propio monte que comprometen a súa viabilidade a longo prazo.

Ante esta situación é preciso formular un novo modelo de monte, que sexa sostible (que non é outra cousa que perdurable no tempo) e integrado no territorio. O espazo monte non é algo aillado do resto do país e o que se faga nel vai afectar a toda a nosa sociedade.

Para deseñar ese novo modelo de monte é imprescindible realizar participación pública que xere un consenso sobre que tipo de monte queremos en conxunto para as vindeiras décadas. Chegado a ese punto hai que crear os elementos normativos que marquen o camiño. Pois ben, a estratexia seguida polo PP e en concreto polo seu conselleiro Juárez é a de seguir ancorado no pasado non deixando que as novas ferramentas de participación pública entren na planificación e na xestión forestal, amais de impulsar unha nova lei de montes galega de carácter especulativo, liberal e afastada da realidade.

Unha nova lei de montes ancorada no pasado

O deseño da nova lei galega de montes comezou a principios deste ano cun borrador inicial que sufriu numerosas modificacións ata a súa fase de información pública na que un 75% do seu articulado tivo alegacións. Tras a incorporación de unha pequena parte das achegas, na súa maior parte de carácter formal e nunha mínima parte alterando o fondo, o pasado 9 de novembro foi aprobada no consello forestal o borrador da futura lei de montes galega. O texto aprobado conta coa postura en contra de numerosas organizacións (ADEGA, Amigos da Terra, CIG, FEG, FRUGA, SLG, ORGACCMM) ao faltar a súa conexión con aspectos agrarios, sociais e ambientais. Todas elas, ademais, criticaron abertamente a forma de abordar a incorporación de achegas; sen debate, sen intercambio de opinións e sen consenso.

Agora iníciase un percorrido que levará o texto aprobado primeiro ao Consello Económico e Social (CES), logo ao consello da Xunta de Galicia e finalmente ao Parlamento Galego (previsiblemente a principios do vindeiro ano). Os cambios que se poden agardar no proceso que queda son mínimos, tendo en conta a vontade de diálogo do PP, e polo tanto podemos ter xa unha clara imaxe da futura lei de montes.

Neste sentido, a nova lei de montes galega debería responder a un novo modelo de monte consensuado entre as distintas sensibilidades existentes e darlle solución aos problemas que ten na actualidade. A realidade indícanos que estamos ante un texto que perfila un escenario completamente oposto ao desexable. Así, tendo en conta que un dos problemas de maior importancia aos que o sector do monte se enfronta é o do abandono (da terra, do manexo, ...), a opción escollida polo goberno do PP é precisamente a de rebaixar a capacidade de intervención da administración e deixar nos mercados e na opción individual a especulación da xestión da terra. Esta situación tan só favorece as grandes empresas e as grandes propietarias da terra, ao ter mellor posición nunha situación de pouca transparencia (ao ter anulada a participación pública) e baixa intervención administrativa a prol da interese común.

Esta nova lei non ten un carácter integral, a pesar da importancia do monte na vertebración social e territorial do noso país, ao faltar a súa conexión con aspectos agrarios, sociais e ambientais. Desenténdese dos montes veciñais en man común e non ten unha visión de construción a longo prazo do noso monte ao non apostar pola implicación de toda a sociedade na conservación e mellora do monte. Modifica pola porta de atrás a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobada no 2007, sen unha base técnica xustificada e baleirándoa de contido na ordenación do territorio (elemento clave para a loita contra o abandono e os incendios forestais). Finalmente aposta en exclusivo polas SOFOR para a agrupación da xestión forestal, non deixando alternativas legais a outras opcións e impedindo a viabilidade para os montes privados do interior do noso país.

O monte no debate político

Cando pensamos no debate normativo do monte, consideramos que é unha mera cuestión sectorial; mais estamos a asistir a un verdadeiro debate político que incide directamente no futuro do noso territorio e na propia identidade do noso país.

A marexada non só está no ámbito normativo, xa que tamén a nivel administrativo se suceden as reivindicacións de distintos colectivos que conforman a administración forestal, entre eles a celebrada polos axentes forestais nos últimos meses.

A política de non acción elixida pola actual consellería do Medio Rural está a trasladarse tamén ao deseño das futuras normas que rexerán as regras de xogo nos vindeiros anos para o noso rural. Esta situación de deixar facer, é similar á política que se está a seguir nos incendios forestais: máis pendente do fume que do lume.

Ante esta situación non podo esquecer a seguinte reflexión de Martin Luther King: "Ao reflexionar sobre o noso século, o que nos semellará máis grave non serán as falcatruadas dos malvados, senón o escandaloso silencio das boas persoas".

En definitiva, a nova lei de montes vai representar moito máis que unha nova lei sectorial, xa que incide directamente en elementos vertebrais do territorio e do noso futuro. Polo tanto, precisamos que as voces das boas persoas se alcen para esixir:

OUTRO MODELO DE MONTE É POSIBLE E NECESARIO !!!