Máis madeira, pero... para salvar a quen?

Máis madeira, pero... para salvar a quen?
O sistema financeiro mundial é a maior estafa piramidal da historia, que necesita continuas inxeccións de liquidez para seguir engordando a vincha especulativa

Desde finais de 2008 até 2009 asistimos atónitos ás inxeccións masivas de cartos no sistema financeiro por parte dos bancos centrais. Países como Holanda, Alemaña ou Estados Unidos, por citar só algúns casos, salvaron da desaparición, da quebra en definitiva, a non poucos bancos e entidades financeiras, que chegaron a unha situación de inanición por mor das hipotecas subprime, dos vehículos estruturados, dos derivados, dos CDS (Credit Default Swaps) e demais xogos que están a súa disposición no gran casino global das finanzas.

Como non podía ser doutro xeito -en realidade si podía ser doutro xeito- toda esta inxección masiva de liquidez no famélico sistema financeiro global correu a cargo dos Estados, que se endebedaron aínda máis para afrontar este salvamento de proporcións épicas.

Mais este salvamento de miles de millóns de euros e de dólares foron inxectados polos bancos centrais e os Estados no sistema financeiro; non saíron da nada, non; os Gobernos non tardaron moito en pasarlle aos cidadáns a factura en forma de recortes nos dereitos laborais, recortes salariais, subida de impostos, etc, e todo para que a grande ruleta do casino non deixe de xirar.

Ano ou ano e medio despois, volvemos ás andadas. Mais desta volta a quen temos que salvar non son os bancos, son os Estados, os endebedados estados, que segundo os medios e a clase política dominante, fixeron unha pésima xestión dos recursos públicos. Así non son poucos os que sitúan os problemas de déficit dos estados na corrupción da clase política, na duplicidade das administracións públicas (xa se oen voces a favor de suprimir concellos e comunidades autónomas), etc, calquera escusa é válida con tal de desviar a atención sobre os verdadeiros culpábeis: un sector financeiro e unhas institucións supra-estatais sen ningún tipo de control público e democrático.

Todos a unha; o circo financeiro, mediático e político, púxose de acordo para poñer na picota a estados soberanos como Grecia, que apenas debe uns miles de millóns de euros se os comparamos cos 13 billóns de dólares (e subindo) do déficit público do Imperio Americano. Mais o dedo acusador, curiosamente, non ousaba sinalar Estados Unidos, sinalaba Grecia, o Estado Español, Portugal, Italia, Irlanda, ... como os culpábeis dos males da economía global.

E esta presión tivo o seu efecto; así, o 9 de maio a UE acordou un paquete de axudas de 750.000 millóns de euros para "salvar" os Estados da Unión Europea, contado coa inestimábel colaboración do FMI, de infausto recordo en países como Arxentina, Brasil ou Bolivia, que os obrigou a privatizar empresas e servizos, e que os levou a unha importante crise social e económica.

Pero a quen se está salvando realmente? Aos estados? Aos cidadáns?, non, este paquete de medidas servirán para tapar, unha vez máis, as miserias do sistema financeiro.

Temos que recordar que as inxeccións masivas de capitais de 2008 e 2009 non foron parar a economía produtiva, como se tiña anunciado; de feito a restrición de creto foi tal que está a afogar economicamente a miles de empresas, xerando millóns de parados cada día; non; esta inxección foi directamente para comprar débeda soberana, que lles resultaba máis rendíbel economicamente; e especular con ela, por suposto.

Pero a grande locomotora das finanzas necesita máis madeira, aínda quere máis. Así, unha das medidas aprobadas pola UE na cimeira urxente do 9 de maio foi que o Banco Central Europeo mercaría no mercado secundario bonos de débeda soberana, isto é, os grandes bancos comprarían débeda nunha primeira instancia para venderlla posteriormente ao BCE. Daquela, por que o Banco Central non compra directamente a débeda aos Estados? Moi sinxelo, porque non son os Estados os que teñen problemas, é o sector financeiro, cuxa débeda está a por de xeonllos a países enteiros.

E niso están. O goberno de progreso e de esquerdas do que tanto presume o PSOE aprobou esta semana unha serie de medidas, que seguramente diminuirá o déficit público, pero non só afondará na crise económica, senón que se cebará precisamente na clase traballadora e nas clases máis desfavorecidas da sociedade para que a grande ruleta do casino non deixe de xirar.

O Estado Español cedeu parte da súa soberanía -algo que non cuestionan en absoluto os grandes partidos de ámbito estatal- para entrar no clube da Unión Europea. Así mecanismos para atallar a crise como a devaluación de moeda para aumentar as exportacións e a competitividade non se poden facer ao termos unha moeda única, cuxa flutuación controlan ao seu antollo os países máis ricos da UE, isto é, Alemaña e Franza. E curiosamente, como dixen antes, PP e PSOE non cuestionan o modelo, para eles vivimos no mellor dos mundos posíbeis, e todo se reduce a se goberna un ou outro.

Por se alguén tiña dúbidas, a UE, a Europa dos mercaderes que tantas veces ten denunciado o BNG, íspese por completo nestes días, amosándose tal e como os nacionalistas tiñamos analizado en múltiples ocasións. Esta UE, creada para a circulación libre e sen trabas do grande capital, é unha estrutura super-estatal gobernada por institucións (Comisión, BCE, ...) que non son elixidos directamente polos cidadáns europeos, consagra un trato desigual entre os estados e os pobos que a conforman, onde hai uns países que mandan e outros que obedecen, onde hai uns países que venden e outros que compran, afogando sectores vitais das economías locais (na Galiza sabemos moi ben o que implica a pertenza a este clube).

A UE é unha peza máis do grande esquema Ponzi que son as finanzas globais, que ten no cumio da pirámide aos Estados Unidos, cuxa estratosférica débeda pública e privada ameaza o benestar de millóns de persoas en todo o mundo.

Hai alternativa? Haina!, pero a pregunta é se optamos por seguir inchando a vincha da especulación que aforca as economías do mundo enteiro, ou optamos pola economía posta a disposición dos pobos e do benestar das persoas, e o respecto á soberanía dos pobos nun mundo cunhas regras de xogo iguais para todos. O cambio de modelo económico non será doado, pero será inevitábel, porque o crecemento continuo da economía é imposíbel cos límites físicos do planeta e cos limitados e finitos recursos naturais deste, e no que se ten baseado o crecemento da economía mundial dos últimos 100 anos.