Lumes 2011: Feixóo mangueira en man
Malia vivirmos unha primavera de seca, a Xunta de Galiza destina menos medios humanos e materiais para loitar contra os incendios
"Difícil". Así cualificou o presidente da Xunta a campaña contra incendios deste ano. Tenta curarse en saúde Feixóo logo da nefasta xestión dos lumes do pasado ano. O conselleiro de Medio Rural, por non variar, cala. Neste contexto, o Consello da Xunta aprobou esta semana pasada o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (Pladiga), á vez que advertiu do estado de seca que vivimos no país. Mais de nada serve laiarse se non se toman as medidas preventivas e de extinción necesarias. O Pladiga deste ano conta cun menor orzamento, o que significa que haberá menos medios humanos e materiais para atallar os incendios. Así, o Goberno galego sinalou que só reforzará o dispositivo contra incendios en época "de máximo risco", isto é, entre xullo e setembro.
Seguindo a liña da privatización impulsada polo PP nas distintas Administracións, a Xunta reducirá os contratos a través de Seaga primando a externalización do servizo -con contratos estacionais en precario e coa desprofesionalización que esta xestión conleva. E iso que os datos anuncian unha situación complicada: Galiza vive a primavera máis cálida desde 1961, con precipitacións escasas. O resultado: os nosos montes están feitos polvoreiras.
Pouco críbel é este Pladiga 2011 cando xa parte dunha situación irreal. A Xunta asegura que reducirá os lumes practicamente nun 70 por cento, até os deixar en 1.120. Mais esas 1.120 queimas xa están máis que superadas hoxe en día. Segundo cifras do Seprona, á altura do marzo había rexistrados máis de 1.200 lumes, o suposto tope anual do Goberno de Feijóo. Datos da CIG apuntan a que no que vai de ano xa foron calcinadas unhas 3.000 hectáreas. Cómpre lembrar que con Feixóo á fronte do Executivo galego, a superficie queimada en Galiza aumentou nun 35 por cento. No 2009, as hectáreas afectadas por lumes foron 10.700 e no 2010, pasaron a 14.500. Todo depende de a quen se lle pregunte, porque a propia Xunta, cunha política máis escurantista que responsábel, só contabilizaba os incendios de máis de 20 hectáreas, contra as recomendacións da Fiscalía Superior de Galiza.
Na intervención logo do Consello da Xunta, Feixóo reclamaba tamén a colaboración dos galegos e das galegas. E por que entón suprimiu o Voluntariado en Defensa do Monte Galego? Malia chamar o ano pasado á axuda da veciñanza e facelo de novo antes de comezar a campaña, o PP segue sen pór en funcionamento o programa creado polos nacionalistas na Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. Estes voluntarios e voluntarias, que colaboraban na roza das malezas e que puñan en valor os recursos dos montes, tamén espallaban entre o pobo a sensibilización e a educación ambiental para a prevención dos lumes, sempre baixo os principios de vixilancia, limpeza e restauración.
Con este panorama non será de estrañar que o propio Feixóo volva coller a mangueira -iso si, sen unha engurra na camisa e sen sequera pararse a manchar a roupa de paseo de carbón- para axudar a extinguir os incendios. Agardemos que o tempo axude para que a nefasta xestión do PP, tamén en materia de lumes, non acabe cos nosos montes, que son parte do noso ADN que nos identifica como pobo.