Lei estatal para...,o desenvolvemento rural?

Lei estatal para...,o desenvolvemento rural?
Vivindo na Galiza é imposíbel non tratar de definir unha política de desenvolvemento rural

Vivindo na Galiza é imposíbel non tratar de definir unha política de desenvolvemento rural efectiva que contemple os nosos feitos diferenciais que precisan de alternativas distintas ao resto de zonas rurais do estado.

Semella lóxico entón que a Consellaría do Medio Rural de Galiza entenda que os temas que afectan ao desenvolvemento rural deben ser tratados e considerados como prioritarios. Fundamentalmente, para tratar que o medio rural galego non desapareza tendo en conta o risco factíbel de que así sexa.

Dende o meu punto de vista hai dous xeitos de pór na axenda política os problemas dun país. Primeiro hai que dotalos dun soporte normativo que desenvolva instrumentos e medidas concretas para planificar a execución e por outra banda é preciso unha dotación orzamentaria que permita a implementación.

Todo isto ven a conta da posta en marcha da Lei 45/2007 para o desenvolvemento sostíbel do medio rural.

Esta lei nace coa vontade de dotar de instrumentos áxiles para solventar as deficiencias que fan que non se xere riqueza no rural que permita vivir e traballar dignamente alí. Iso si, sempre fiel á "nova Europa do Século XXI e da estratexia de Lisboa do 2000 en relación co emprego e a produtividade" (aínda non entendo ben como van a casar o neoliberalismo salvaxe de Lisboa cun medio rural sostíbel, son cousas que solo se entenden no PSOE)

Dende o meu punto de vista o máis importante desta lei é:

1. Establecemento dun programa de desenvolvemento rural sostíbel, no que se concretan as medidas, actuacións, procedementos ... para levar a cabo esta política. Aquí recolleríase o ámbito de aplicación da lei, cuestión bastante importante. A lei recolle a delimitación de zonas rurais para a aplicación do programa. Estas zonas serán de diferente prioridade, polo tanto, terán diferentes partidas orzamentarias. Aconsello que lle botedes un ollo ás zonas galegas para que vexades o criterio tan obxectivo co que se constituíron.

2. Establecemento de plans de zona: aquí ven a cuestión básica. O plan de zona está elaborado polo Ministerio, a nosa Consellaría e un grupo de asociacións con implantación no territorio (no que se inclúen os grupos de desenvolvemento rural). A esta mesa de asociacións convócana tarde e mal e con pouca capacidade para actuar. E todo isto a pesar de que na lei fálase de que a correcta aplicación da lei require un elevado grao de gobernanza  que promova e incentive a participación do sector privado no desenvolvemento sostíbel.

A importancia dos plans de zona é que neles recóllense propostas de actividades ou actuacións a desenvolver neste marco.

Curiosamente, nestes borradores de plans vemos repetidas ás mesmas asociacións que nalgúns casos chegan a pedir cerca de 400.000 euros  para proxectos de dubidosa relación do desenvolvemento sostíbel, e concellos que colan as redes de saneamento, a ver si con iso da crise sacan cartos do ministerio ... En fin, o que semella claro é que en ningún caso existe un plan de zona ben elaborado que atenda os criterios básicos cos que se formula a lei.

Entre estes criterios básicos figura o mantemento e a mellora dunha actividade agrícola, gandeira e forestal suficiente e compatíbel co desenvolvemento sostíbel mediante a atención preferente aos profesionais da agricultura e da gandería.

Incluso contempla a posibilidade de establecer contratos territoriais,que serían un conxunto de compromisos a subscribir entre as Administracións Públicas e titulares das explotacións agrarias para orientar e incentivar a súa actividade (artigo 16.2)

Destas cuestións a administración galega nada de nada. E máis incluso intentan facer desaparecer este tipo de proxectos no LEADER (medida 411). Semella que para esta administración o sector agrario e forestal como sector estratéxico é unha parvada na que so acreditan uns poucos tolos.

Todo isto volve a ser dende o meu punto de vista, unha oportunidade perdida para o desenvolvemento rural galego. Xa que, estes plan podíanse ter feito de xeito coordinado con todas as asociacións e profesionais do medio rural e van a acabar sendo de novo fonte de ingresos para os concellos que, nunha situación económica complexa, recorren á Administración Xeral para seguir financiando favores que venderán despois.

De novo unha oportunidade perdida para falar seriamente de desenvolvemento rural, pero como dixo un representante da administración española: "esto de la participación da mucho trabajo".