INSISTINDO


A solvencia converteuse no truco ilusionista que enchoupa o debate político e mediático nesta segunda parte da reestruturación do sistema financeiro que pretende rematar co modelo das caixas. Os mesmos que negaron que as entidades de crédito se atopaban crebadas desde 2008 e que aplaudiron os rescates masivos con capital público, dan por bo o Decreto-Lei, presentado o venres 18 pola ministra Salgado. Para eles trátase da única alternativa para resolver os problemas do sector e apúntanse a cargar no debe das caixas todos os males do sistema financeiro. Abonda de imposturas. O Decreto-Lei non responde a outros intereses que os fixados polos grandes poderes económicos, fundamentalmente a grande banca. Atrapada nun furado de 120.000 millóns de euros, pretende restaurar o modelo que fixo crac vai para 3 anos, repartíndose o capital-diñeiro que atesouran as caixas de aforros. Digámolo doutro xeito, non hai para o capitalismo outra forma de crecemento que non se sustente na financeiración e no proceso de concentración de capitais. Vaiamos ao gran. Garantir a pervivencia da entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova resulta vital para Galiza. Significa contar con competencia e capacidade para controlar e orientar o seu aforro, se hai vontade política de facelo, o que xa é moito. Mais tamén significa pór balados a un proceso que no caso de ir para adiante terá o seu correlato na próxima década, no empobrecemento xeneralizado das maiorías sociais do país e na carencia absoluta de instrumentos para impulsar a nosa economía en función de intereses propios. Por se fose pouco, teremos un país máis indefenso, menos vertebrado e máis dependente do exterior, anulando os escasos grupos de mediana burguesía autóctona. Claro que o proceso é reversíbel. Trátase dunha decisión de natureza política que debemos confrontar politicamente. Hai camiños e instrumentos para facelo. Debemos actuar nunha dupla dirección. Por unha banda, hai que esixir á Xunta de Galiza que esgote as posibilidades que fixa o marco legal a fin de vetar calquera fusión externa e desbotar a bancarización. Pola outra, hai que demandar do Goberno galego o uso da súa capacidade de incidencia para que Novacaixagalica opte por realizar desinvestimentos que contribúan á capitalización esixida legalmente. Esta proposta pode, e debe, ir acompañada dun compromiso das administracións públicas galegas (Xunta e Concellos) de colaborar con diñeiro público, nunha contía asumíbel e proporcionada, e coas fórmulas que se estimen máis convenientes, para cubrir a medida de capital básico esixido. Naturalmente, esta contribución serviría para un control democrático da caixa galega, o reforzamento da súa natureza semipública e o seu servizo inequívoco á economía do país. En todo caso, o desenlace deste reto tan crítico será todo un síntoma da disposición, da capacidade e da decisión de Galiza para defender os seus intereses a través do autogoberno.