Ilusión fiscal

Estannos a preparar para outra grande medida antisocial, a suba do IVE
               
Estannos a preparar para outra grande medida antisocial, a suba do IVE.                
Os medios de comunicación de masas comezaron hai uns días a trasladarnos unha nova mensaxe do goberno central, coa finalidade de que asimilemos sen moitas discusións que un novo sacrificio é inevitábel. Trataríase de subir o Imposto sobre o Valor Engadido como medida para diminuír o -estes meses omnipresente- déficit do estado. A finalidade é facernos crer que, unha vez asumida con poucas discrepancias a necesidade prioritaria deste obxectivo, a suba do IVE sería só un medio máis para acadar baixar o déficit. Un medio lóxico para a marcha xeral da economía, seica.                

Claro que fóra da propaganda abouxadora pouco queda de positivo, necesario e bondadoso nunha medida realmente retrógrada coma esta. O IVE, como imposto indirecto ou sobre o consumo que é, aplícase por igual a todos os cidadáns e cidadás dun estado, polo que, independentemente da renda, de se foren ricos ou pobres (que de ambos os tipos de persoas as hai, cada volta máis, malia que non adoitemos usas eses vellos termos) todos han pagar o mesmo. E relativamente serán as clases populares as que destinen máis porcentaxe dos seus ingresos a pagar estes impostos xa que son as que en maior medida dedican a súa renda ao consumo. Polo tanto, por esta vía son os que máis axudan a sufragar os gastos do estado, mentres as persoas con rendas máis altas dedican maiores porcentaxes ao aforro ou aos investimentos e non dedican proporcionalmente tanto da súa renda ao consumo. É por isto, entre outras cuestións, que se di que os impostos indirectos son regresivos. Polo tanto, aumentar o IVE é unha medida que vai na actual liña de ataque á clase traballadora e que busca facer recaer sobre as súas costas todo o peso da crise, deixando á marxe aos culpábeis e beneficiarios dela. Alén do IVE, están a anunciar tamén a suba doutros impostos indirectos, como por exemplo o dos hidrocarburos ou outros consumos, que en definitiva teñen a mesma función.      

Contrasta isto coa nula intención do PP de tocar os impostos directos que son os que poden ter un efecto redistributivo na sociedade. No pasado, a cosmética suba dos tipos impositivos aos tramos altos de renda no IRPF foi a escusa perfeita para facer táboa rasa e aumentar na realidade os tipos a todas as persoas, tamén as de menor renda. Co pasar dos anos este imposto viu reducida a súa progresividade e agora non se corrixe para que paguen máis os que máis teñen. Lembremos que neste imposto é no que fundamentalmente tributan os asalariados (a inmensa maior parte dos traballadores galegos e galegas), un imposto sometido a importantes controis de facenda  ao estar baseado nas nóminas en grande medida e onde as posibilidades de fraude son menores ca noutros tributos.                

Xunto a isto hai que falar de importantes feitos que fan que, tamén no eido fiscal, a arquitectura do Estado funcione ao servizo dos intereses do capital, e cada vez en maior medida. Estamos a referirnos á fiscalidade das SICAVs, á amnistía fiscal en marcha, ao volume da fraude e ao esforzo fiscal cada vez maior.                

Por unha banda as sociedades de investimentos en activos financeiros (SICAV) é o método que moitas grandes fortunas escolleron para xestionar os seus inmensos patrimonios, para diferir impostos e evitar tributar por eles como calquera outro cidadán ten que facer. É especialmente escandaloso como o tipo aplicado é só do 1%, cando rendementos semellantes suxeitos ao IRPF tributan ao 19 ou 21%. Persoas como Jove ou Rosalía Mera, que se atopan entre as maiores SICAV do Estado, poden estar tranquilos; non tanto os traballadores que teñan xuros por unha pequena conta corrente, como vemos. Amais, hai que saber que estas empresas que beirean a legalidade con socios que actúan con simples persoas de palla, teñen certa inmunidade fiscal, xa que dende 2006 non son obxecto de inspección por parte da Axencia Tributaria.                

Non menos grave é o atraco legal que o goberno do PP está a perpretar coa chamada amnistía fiscal. Aos defraudadores que por exemplo evadiron cartos a paraísos fiscais dáselle todo tipo de facilidades e perdóanselles grande parte das posíbeis débedas que tiveran co fisco. A chamada regularización voluntaria de rendas non declaradas permite tributar tan só ao 10% este tipo de rendas dos últimos catro anos, dende o 2008. Pero nin con esas soltan os cartos os defraudadores, vista a impunidade que se lles permite: en dúas semanas dende que se puxo en marcha esta medida, tan só se presentaron 115 declaracións, e para nada se corresponden con grandes empresas nin persoas físicas acaudaladas. Trátase dun fracaso? Que o goberno diga agora a maiores que os exercicios anteriores a 2008 prescribirán e non van ser perseguidos, parece indicar que si, nun intento desesperado por mellorar os paupérrimos resultados acadados até o momento. Tráenos á memoria isto casos de grandes abandeirados españois como Arantxa Sánchez Vicario ou Rafael Nadal, non tan patrioteiros no caso de buscar outras bandeiras de comenencia en paraísos fiscais, ou as inxentes primas que se embolsan estes días –como fixeron no pasado- os xogadores da súa selección, libres de impostos.                

Por último, neste triste panorama hai que referirse tamén á fraude fiscal que se estima pode acadar case o 25%, o dobre da media europea. Non sería lóxico buscar recursos económicos por esa vía, sen sangrar máis ás clases populares? Disque no Estado español hai 111 millóns de billetes de 500 €, sete veces máis ca hai dez anos, o que supón o 30 % de todos os billetes desa cantidade que hai na UE. A economía sumerxida deixa de ingresar todos os anos sobre 70.000 millóns de euros ao erario público.                

E se falarmos de esforzo fiscal, ollamos que cada persoa do Estado achega 40 de cada 100 dos seus euros a financiar ás administracións públicas (impostos, cotizacións da seguridade social, etc.). En troques en Europa esa porcentaxe é do 35%. Polo tanto, a contribción que os cidadáns e cidadás fan xa é abondo alta como para seguir aumentando a presión, sobre todo nun contexto en que se están degradando gravemento os servizos públicos que recibimos.

Á vista de todos estes datos, a inxustiza que se deriva do aumento indiscriminado de IVE faise aínda máis intolerábel.

Séguese pois a tentar cadrar as contas públicas pola vía de menores gastos sociais e maiores impostos indirectos, o cal afecta á clase traballadora fundamentalmente. É este o labor dun Partido Popular que segue a tentar encher o buraco financeiro a costa dos cartos de todos e todas. Nestes días ven de rematar a campaña de declaración do IRPF, onde habitualmente se dá o fenómeno chamado da ilusión fiscal, que consiste en non percibir claramente o volume de impostos que pagamos, xa que non se limita ao resultado obtido agora, senón ao conxunto de adiantos que lle facemos ao estado nas nosas nóminas e ás retencións por diversos conceptos todos os meses. Non debemos ser ilusos, e comprender en toda a súa dimensión cales son os mecanismos fiscais que se están a utilizar de xeito regresivo contra as maiorías sociais. Cando menos na batalla das ideas debemos ter claro que unha suba do IVE sería un parche ineficaz, inxusto e discriminatorio con quen menos ten. Podemos preguntarnos como lle vai afectar a Conde Roa unha medida coma esta? Para el a suba dos tipos do Imposto sobre o Valor Engadido pode ser unha boa maneira de converter unha crise nunha oportunidade para a súa persoa...