Galiza tarifa eléctrica máis cara, Madrid máis barata

Galiza tarifa eléctrica máis cara, Madrid máis barata
Nos sete meses de Goberno do PP en Madrid, esta é a terceira medida negativa no sector enerxético en Galiza

No Real Decreto-Lei 20/2012, aprobado polo Goberno do Estado o pasado día 13 de xullo, que é coñecido polas duras medidas de recortes sociais: suba do IVE, diminución na prestación por desemprego, perda da paga extra para os traballadores/as do sector público, etc., viña tamén outra medida que pasou máis desapercibida socialmente pero que vai ter repercusións negativas na economía galega.  

Nese Real Decreto, no seu artigo 38, modifícanse dous artigos da Lei do Sector Eléctrico (Lei 54/1997), de xeito que desaparece a tarifa única para todo o Estado e créanse suplementos territoriais.  

Como di o propio texto: “No caso de que as actividades ou instalacións destinadas ao subministro eléctrico foran gravadas, directa ou indirectamente, con tributos propios das Comunidades Autónomas ou recargos sobre tributos estatais, á peaxe de acceso incluiráselle un suplemento territorial que cubrirá a totalidade do sobrecuste provocado por ese tributo ou recargo e que deberá ser aboado polos consumidores/as no ámbito territorial da respectiva Comunidade Autónoma”.  

É dicir, na medida que en Galiza existen tributos propios pola xeración e transporte de enerxía: canón eólico, canón hidráulico, ecotaxa;  agora o Goberno do Estado quer que o recadado pola Xunta sexa recargado na tarifa eléctrica, como suplemento territorial, en Galiza.  

Só onde se produce enerxía pódense crear tributos específicos, caso de Galiza; por iso, na aplicación práctica deste medida agora os territorios que apenas producen, como sucede en Madrid, poderán ter un prezo da enerxía máis barato, pois non terán ningún suplemento territorial. Isto, é unha aberta discriminación para o povo galego, que ademais de padecer as consecuencias sociais e medioambientais pola xeración e transformación dunha enerxía que, en grande medida, exportamos, agora imos pagar máis no recibo da luz, e non só no consumo doméstico, senón que abrangue ao sector industrial.  

Mais o Goberno Central agora non repara en que a tarifa eléctrica sempre tivo un complemento de solidariedade interterritorial (negativo para Galiza), pois para manter unha tarifa única o conxunto dos consumidores/as soportan o sobrecuste do sistema eléctrico extrapeninsular: Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla, que neste ano 2012 está previsto que sexa duns 1.800 millóns de euros. Agora, seguiremos sendo “solidarios/as” e ademais pagaremos un recargo pola xeración de enerxía no noso País.

Asemade, vese agora que o criterio do BNG no Concurso Eólico do Goberno Bipartito era o máis correcto, no canto de gravar a xeración de enerxía era mellor optar pola cesión voluntaria no capital das empresas e na participación pública dos beneficios, así este Real Decreto non tería efectos negativos en Galiza.  

Para rematar, sorprende que o Goberno de Extremadura, do PP, anuncie un recurso de inconstitucionalidade contra esta decisión do Goberno Central, e a Xunta continúe sen pronunciarse; debemos lembrar que, nos sete meses de Goberno do PP en Madrid, esta é a terceira medida negativa no sector enerxético en Galiza: A supresión das primas ao sector eólico (a morte do actual Concurso Eólico), a minoración nun 10% da retribución por interrumpibilidade que afecta a grandes consumidores como Alcoa e, agora, a desaparición da tarifa única, e non para favorecer aos que producen enerxía, senón aos que a consumen.